Como sabedes, durante os cursos 22/23 e 23/24 vimos participando no "Programa de Agrupaciones de Centros Educativos" do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
Este programa promove a colaboración entre centros públicos de diferentes Comunidades Autónomas mediante a realización e posta en práctica de proxectos comúns, que potencien a educación inclusiva, a innovación educativa e a creatividade do alumnado.
Desta maneira estamos a compartir experiencias co CEP Antonio de Ulloa (Cartagena), o CEIP Arias Montano (Badajoz) e o CEIP Dr. Juan Espino Sánchez (Ingenio-Gran Canaria) dentro dun proxecto común chamado "Creación de nuevos espacios de aprendizaje para una educación inclusiva".
Hoxe queremos compartir con vós unha das últimas actividades conxuntas que tivemos, posto que entre as plantexadas inicialmente estaba a de ensinarnos mutuamente como son os nosos patios e zonas de lecer, e así aprender uns dos outros e ver como podemos mellorar os nosos espazos.
O alumnado de 4º de Infantil, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria elaboraron conxuntamente e con moita ilusión un AUDIOVISUAL presentándolles ao resto dos colexios como de especiais son OS NOSOS PATIOS, como nos organizamos, que cousas podemos facer nos tempos de lecer e cales son as nosas preferidas.
Esperamos que vos gusten os nosos espazos de lecer e que, entre todos e todas, nun futuro próximo podamos contribuir a seguir mellorándoos.