Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

6º Educación infantil

HORA DE LER NO PATIO

Este luns facía un día tan soleado e primaveral que decidimos facer a hora de ler no patio.

Sacamos o bibliocarro cargado de libros de consulta e contos ao patio e alí cadaquén buscou o lugar que máis lle gustaba para ler e mirar os libros que máis despertaron a súa curiosidade e interese.

Gustounos tanto a experiencia que o mércores, decidimos quedar tamén no patio a escoitar a lectura do conto que as compañeiras e compañeiros de 4º de EducaciónPrimaria nos viñeron facer. Pois como sabedes, todos os mércores, unha parella de compis de 4º de EP ven visitarnos para lernos un conto.

Momentos máxicos cos que desfrutamos xuntos e xuntas  da lectura.

 

MATES EN FAMILIA (29 de abril)

 Chegou o venres e con el unha nova sesión dos tan prezados talleres interactivos.

 

Nesta xornada voltaron as “Mates en Familia”.

As propostas realizadas foron: o  xogo do dominó, a reprodución con quebradentes de cantidades partindo da decena, a busca de figuras atendendo aos atributos lóxicos obtidos na tirada dos dados e a actividade do chiringuito de gomets (baseada na traslación das figuras xeométricas presentadas na plantilla ao noso papel atendendo ás distintas variables. O primeiro que tiñan que facer era a listaxe da compra das figuras que cada quen precisaba na súa  reprodución; nun segundo momento tiñan que ensinar a súa lista á mamá encargada do chiringuito para que lle dese as figuras anotadas nela; o derradeiro paso consistía en empregar os gomets obtidos para facer a traslación).

Novamente, grazas familias.

MATES EN FAMILIA (venres 22 de abril)

Arrancamos xa o terceiro trimestre do curso e, que mellor xeito de facelo que coa presenza das familias na aula? Mellor forma imposible.

Este venres tocou sesión de Mates en familia e para a súa posta en marcha contamos coa participación de Cora, Rafa e Marisa.

Sumas e restas manipulativas con dinosaurios, xogo de cartas no que o peixe con maior número comía a todos os demais e descomposición de números coa proposta da "Bruxa Ladroa".

Moito nos gustan os talleres interactivos coas familias! 

Grazas unha vez máis pola vosa colaboración.

 

DESPEDIMOS O SEGUNTO TRIMESTRE DO CURSO

Rematamos o trimestre con diferentes estacións de xogo, instalación artística, pintura con xiz no chsan, aros para encaixar en conos, pelotas para encestar na tartaruga xigante e dirixir a pelota na tea para colar polo furado. Todas foron un éxito!

 

DINOSAURIOS AL ATAQUE: FÓSILES

O luns apareceu na clase un cranio de dinosaurio!!! Vaia sorpresa levamos.

Logo de observalo e analizalo ben descubrimos que era de mentira. Era de certo un cranio de dinosaurio pero de xoguete. Estaba feito de plástico, non de óso.

Mais, isto non fixo que a nosa intriga e curiosidade por descubrir a que tipo de dinosaurio pertencía desaparecese. Todo o contrario, rápido puxémonos mans á obra para tratar de encontrar unha resposta. Miramos nos bonecos e libros  de dinosaurio cal deles podería ter unha cabeza cunha forma o máis parecida. Como esta tarefa resultou complicada e non nos trouxo grandes respostas, pensamos que había que facer esta comprobación doutro xeito.

Pronto se lles ocorreu como, buscar imaxes de cranios dos distintos dinosaurios, e ver cal deles se parecía máis ao noso. E así o fixemos, buscamos, comparamos,....e obtivemos a nosa resposta: era o cranio dun Anquilosaurio.

A nosa tarefa de paleontólogas e paleontólogos non rematou aquí, seguimos coñecendo e descubrindo cousiñas dos ósos destes seres e fixemos un xogo que nos gustou moito: buscar pola clase os ósos perdidos de distintos dinosaurios para poder reconstruílos e descubrir a quen pertencía cada esqueleto.

 

ANIVERSARIO DE JOSE

Parabéns Jose!

Comezamos o mes de abril cun novo aniversario que festexar, o do noso compi Jose que tamén sumou xa unha volta máis ao sol. 6 anos!!

Disfrutamos moito do seu cumple e da grande ilusión que traía desde primeira hora da mañá. Un día moi especial para el e para todos os seus compis por poder compartir e celebrar con el un momento tan importante.

Grazas polos regaliños. Esperamos que che gustase o noso agasallo. 

Unha aperta Jose.

UN MAR DE PALABRAS (1 DE ABRIL)

Esta semana levamos a cabo taller de Un mar de palabras. Para a súa posta en marcha contamos coa participación de Jesús, Óscar e Marisa. Cada quince minutos, aproximadamente foron cambiando de actividade. Xogo coa baralla de letras para formar o abecedario, lectura de consignas e representación das mesmas para a creación dun dinosaurio moi orixinal e xogo dos dados silábicos para a busca e escritura de palabras que comezasen por esa sílaba.

Grazas familias, sen vós está actividade non sería posible!

 

 

DINOSAURIOS AL ATAQUE II

Na aula de 6º de infantil seguimos inmersas e inmersos no mundo dos dinosaurios investigando e descubrindo cada día cousas novas destes seres que tanto nos apaixonan.

Logo de ver a grande variedade de especies que había, así como os rasgos máis chamativos de cada unha delas, clasificámolos segundo o seu hábitat e tipo de alimentación. Observamos que as súas pegadas eran moi diferentes e que delas podíamos extraer moitas información (se eran bípedos ou cuadrúpedos, o seu tamaño e mesmo, se eran carnívoros ou non), polo que xogamos a descubrir de que dinosaurio podían ser as distintas pegadas que apareceron na aula. E logo ata nos animamos a reproducilas en plastilina e a debuxalas.

Tamén creamos os nosos propios dinosaurios con figuras xeométricas, escaneamos códigos QR para comprobar que dinosaurio agachaba cada un deles, e empregamos os dinosaurios para facer descomposicións, sumas e ata clasificacións en táboas de dobre entrada.

OVOS DE DINOSAURIO?

 O luns ao chegar á aula atopamos unha sorpresa: un niño de ovos.

De que serían eses ovos? Serían de verdade? Que terían dentro? Romperiamolos para descubrir o seu contido ou mellor agardar?

Todo eran preguntas e dúbidas, así que pouco a pouco fomos inspeccionándoos e formulando as nosas hipóteses ata que chegamos a unha conclusión; eran ovos de dinosaurio pero non de verdade. Dentro seguro que tiñan dinosaurios de xoguete.

Rápido o noso compañeiro Roi descubriu que no medio da palla do niño había unha pequena etiqueta. Que dicía? Pois que se queriamos saber que agachaban os ovos tiñamos que metelos durante 24-48 horas en auga e agardar.

E así o fixemos.  Eso si, antes, cada un rexistrou nun papel o nome do dinosaurio que pensaba que ía saír de cada ovo.

 A espera foi o peor, non nos daba pasado o tempo, tanto desexabamos ver que contiñan que xa viamos cousas donde non as había. Pero a espera valeu a pena. Pouco a pouco foron abríndose e os dinos foron asomando as cabezas.

Que alegría e entusiasmo!!

Acertarían as súas predicións de que dinosaurio contiña cada ovo? A verdade que non andiveron nada desencamiñados.

Unha actividade estupenda que despertou moita curiosidade e emoción.

DINOSAURIOS AO ATAQUE

Tanto interese e curiosidade espertou nas nenas e nenos o tema do poema que preparamos para o Día da Poesía, que decidimos facer un miniproxecto dos dinosaurios ao que xa puxemos nome “Dinosaurios al ataque”.

Logo de facer unha choiva de ideas do que saben sobre estes seres poidemos comprobar que xa case son expertas e expertos en dinosaurios, pois coñecen moitas cousas deles. Grazas a esta choiva de ideas tamén descubrimos cales son aqueloutras cousas relacionadas co tema que lles espertan máis curiosidade e queren de averiguar.

Polo que que apuntamos todo o que nos gustaría investigar e escribimos unha nota ás familias para pedirlles axuda nesta nova andaina.

A súa resposta foi moi rápida e pronto tiñamos na aula moito material para poñernos mans á obra.

 

Distribuir contido