CURSO 3ºA 3ºB

25 DE NOVEMBRO – OBRADOIRO DE IGUALDADE

Esta semana recordamos a importancia do traballado en días anteriores, o 25 de novembro, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. É por isto que Uxía veu realizar co alumnado de 3º un obradoiro de igualdade.

 

Comezou explicándolles aos nenos e nenas algúns conceptos que lle resultaban confusos, coma “machismo”, “feminismo”, “igualdade”…

 

 

 

A continuación, interpretou dous contos: “A princesa rebelde” e “Maruxa”. A través deles rompeu con estereotipos machistas que habitualmente aparecen en moitos contos de princesas, e fixo evidente a importancia da repartición das tarefas do fogar entre tódolos membros da familia. Para isto contou coa colaboración dalgúns cativos que se meteron moi ben no papel.

 

Por último, ensinounos algúns xoguetes que son etiquetados “para nenos” ou “para nenas”, e fixo partícipe ao alumnado para desfacer todos estes pensamentos e que se deran conta de que os xoguetes son simplemente para calquer persoa. 

 

GUÍAS DE NADAL

As esperadas guías de Nadal xa están aquí!

Nelas poderemos atopar variedade de novidades de libros escritos en galego, e que un grupo de mestras e mestres do Morrazo, preocupáronse de seleccionar. 

Estas primeiras son as aconselladas para o alumnado de primaria.

 

Estas son as destinadas ao alumnado de infantil.

 

E este é o cartel, con todas as novidades das guías!

 

Moitas grazas por este gran traballo!

OBRADOIRO DE CONSUMO RESPONSABLE

Acorde con PDI do cole, Moito máis que xogo, o alumnado de terceiro e cuarto, tivemos un obradoiro de consumo responsable.

Agora que chega o Nadal, todxs estamos desexando ter xogos novos. Neste obradoiro  aprendemos a fixarnos nas etiquetas. Hai unha moi importante que se refire á seguridade do xoguete.

 

Somos moitxs aos que nos gustan os videoxogos. Aquí cobran relevancia as peguis, porque informan da idade recomendada e tamén que tipo de linguaxe utilizan, se son violentos, se son discriminatorios … 

Tampouco podemos deixarnos enganar pola publicidade, que usa trucos para atraer a nosa atención, como pode ser o uso de cores.

Os xoguetes e as cores non teñen xénero.

 

 

Rematamos o obradoiro facendo unha actividade plástica na que puxemos algunha pegui, par non esquecelas.

 

O consumo responsable tamén  pasa por seleccionar o que queremos pedir. O consumismo indiscriminado está tendo consecuencias moi graves no cambio climático.  

 

CHEGOU O MAGOSTO E OS SEUS XOGOS TRADICIONAIS!

O mércores 9 de novembro todo o cole de A Pedra celebrou o magosto. A rapazada trouxo unhas poucas castañas picadas da casa e Ramón as estivo asando no patio.

Pero antes de comelas, a organización Corredoiras preparounos uns xogos tradicionais! Divertímonos moito coa billarda, os bolos miniatura, os trompos e moitos outros xogos máis... 

Despois de hora e media de diversión chegou a hora de papar as castañas! Menuda panzada!

Nos seguintes vídeos poderedes ollar o ben que o pasamos!

 

Vídeo de 3ºA e 3ºB

 

 

 

 

Vídeo de 4ºA e 4ºB

Queremos agradecer ás familias, a Ramón e á organización Corredoiras a súa participación e por suposto a toda a rapazada do centro polo seu entusiasmo.

Ata o vindeiro curso!!

FELIZ SAMAÍN!

Esta semana celebramos na escola O SAMAÍN. O luns comezamos a traer as nosas cabazas relacionadas co plan anual de lectura MOITO MÁIS QUE XOGO. Ademais, dende as titorías, estivemos traballando sobre SORTES que o alumnado coñecía para saber quen panda cando van xogar a algo. A partir de ahí, por equipos, inventaron a súa propia SORTE DE SAMAÍN.

    

O venres, comezamos a mañá baixando a ver a gran exposición de tódalas cabazas realizadas polas familias. Parabéns a todxs os que vos animastes, estades feitxs uns artistas! Tamén limos as SORTES DE SAMAÍN creadas por tódolos grupos do cole.

    

Xa nas aulas, aprendimos sobre a ORIXE DO SAMAÍN a través dunha presentación interactiva de GENIALLY, e dende ARTS confeccionamos unha SPIDERWEB feita de papel.

   

Nas fotos podedes ver o guapos e guapos que estabamos, agardamos que tremades de MEDO!!!

OSO ATRAPABOLBORETAS NA FINAL DOS PREMIOS OUFF

A curta, OSO  ATRAPABOLBORETAS, volveu darnos outra alegría neste comezo de curso. Resulta que foi nominado á final dos premios OUFF de teatro escolar da cidade de Ourense. Así  que o pasado xoves dirixímonos á cidade das burgas e presentámonos no auditorio municipal.

 

Viñemos moi contentxs co noso diploma.

 

 Aproveitamos a ocasión para coñecer  algúns dos lugares máis emblemáticos desta fermosa cidade, como son as fontes de auga quente, coñecidas como As Burgas, a súa catedral, a Ponte Romana ou a a do Milenium. Desfrutamos camiñando pola zona vella e admiramos a grandiosidade do río Miño.

 

 

24 OUTUBRO – CAZA DO TESOURO POLO ANIVERSARIO DE PAPIRUS!

 

O pasado luns celebrouse o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, día no que celebramos tamén O ANIVERSARIO DE PAPIRUS, a mascota do noso cole.

Con tal motivo, e aproveitando o proxecto anual de lectura MOITO MÁIS QUE XOGO, esta semana o alumnado de 3º e 4º levou a cabo unha CAZA DO TESOURO na biblioteca, que deseguido vos explicamos.

      

Os equipos de traballo distribuíronse polo espazo. Cada equipo tivo que resolver 5 probas: sopas de letras, labirintos, enigmas, 7 erros e agudeza visual. Con cada proba realizada correctamente, gañaban unha palabra, e con todas esas palabras formaban unha pista para atopar unha chave agochada nun dos libros da biblio!

     

Non foi tarefa fácil, xa que temos moitos libros… Ademais, cada equipo atopou unha chave, pero non todas abrían o ARMARIO SEGREDO.

Cando conseguiron abrilo, atoparon 3 CAIXAS MÁXICAS, que gardaban no interior 3 fantásticos premios. Pero había outro problema… tampouco era nada doado abrir aquelas caixas, e só tiñan un minuto e medio!

      

Finalmente, foron quen de abrir algunha delas, e obtiveron a súa recompensa: MÁIS TEMPO DE PATIO!!! Nas fotos podedes ver o ben que o pasaron con este xogo.

 

 

 

VISITA A NATURNOVA

O pasado venres, 21 de outubro, o alumnado de terceiro, visitamos NATURNOVA, en Vigo. A visita estivo enmarcada entro do proxecto que estamos realizando sobre o UNIVERSO.

Alí percorramos a sala do Universo, a Vía Láctea e o Sistema Solar. Despois fomos a outra sobre o noso planeta Terra e coñecemos os elementos que a integran e posteriormente como o Ser Humano se relaciona co planeta, como utiliza os recursos, como afecta a contorna ao usalos, e como, actualmente, trata de solucionar os problemas que lle creou. Pero o que máis nos gustou foi o submarino,  un simulador que nos levou  visitar o fondo das nosas rías.

Aproveitamos que estabamos nas instalacións de Afundación para realizar unha visita guiada pola sala de arte onde había unha exposición de pintura dun coleccionista cubano.

Fixemos tamén un obradoiro de robótica.

No seguinte vídeo poderedes comprobar o ben que o pasamos e todo o que aprendemos e fixemos.

 

Encantounos esta saída! 

18 DE OUTUBRO - DÍA DAS ESCRITORAS

O 18 de outubro celébrase o DÍA DAS ESCRITORAS. Con tal motivo, esta semana acudimos á biblioteca para realizar unha actividade sobre este tema.

Previamente preparamos unha selección de libros infantís escritos por mulleres, que foron expostos nun lugar visible, tal como vedes nas fotografías. Unha vez feito isto podíamos poñernos mans á obra!

   

O alumnado repartiuse en equipos de traballo polos recunchos da biblioteca para levar a cabo unha FICHA DE INVESTIGACIÓN. O primeiro que tiveron que facer foi escoller 3 dos libros expostos. Despois cubriron algúns datos importantes sobre os mesmos, coma o nome da autora, o título, a editorial…

     

Por último, reproduciron o “tejuelo”, a etiqueta de catalogación que nos indica onde colocar cada exemplar e o máis importante, para que idades está indicado, para así saber cales son os recomendados para os distintos cursos.

INAUGURAMOS A BIBLIO!

 

Este mes abrimos a biblioteca do centro. Con tal motivo, comezamos a ir unha hora á semana para facer os nosos préstamos de libros.

Ademais, puidemos empregar tódolos recunchos que temos alí, e que durante os cursos anteriores non puidemos usar por mor da COVID.

Aquí podedes ver o ben que o pasaron os nenos e nenas de 3º cos disfraces, os xogos, na zona de plástica….

     

Como sabedes, estades convidados a vir visitala tódolos días da semana (excepto os martes), de 16:00 a 18:00.

Un saúdo!

 

Distribuir contido