O mar forma parte da nosa vida e da nosa cultura.
Somos xente da costa galega e iso conforma unha particular visión do mundo.
Mariscadoras, redeiras, mariñeiras, pescantinas, científicas mariñas, remeiras… son oficios, profesións e actividades nacidas ao abeiro deste medio.
Non é un mundo inamovible. Cambia coma as mareas ao longo do tempo. O esforzo e a loita destas mulleres permitiron melloras nas súas condicións, acadar un maior recoñecemento laboral, social e económico. Mais aínda queda camiño por percorrer.
“Enredadas” pretende visibilizar e render homenaxe a todas as mulleres, membros das familias do alumnado do noso colexio que, dun xeito ou doutro, están vencelladas ao mar e á navegación.
Elas comparten connosco as súas historias vitais: lembranzas pasadas e presentes, anécdotas, sentimentos e emocións… e transmíteno dun xeito sinxelo e cunha ollada especial; dende o cariño con que llelo contan aos seus fillos e fillas, netos e netas…
Cada unha ten unha motivación e unha traxectoria única, segundo a época e as circunstancias que lles toca ou lles tocou vivir: incorporación ao mundo laboral -pasando dunha economía máis tradicional e informal a outra máis moderna e sofisticada- ; necesidade e/ou supervivencia, afán de superación… razóns, todas elas, que aparecen expostas ou subxacen nos relatos das nosas protagonistas.
Queremos agradecerlles a xenerosidade amosada por compartir connosco, de xeito altruísta, as súas vivencias ; darnos a posibilidade de achegarnos a elas e entendelas un pouco mellor.
Se deste xeito contribuímos a dignificarvos un chisco, Mulleres do Mar, dámonos por satisfeitas!