Skip to Content

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O pasado mércores 11 de Marzo, celebramos no CEE Miño o "Día Internacional da muller traballadora".
 
>Decidimos para elo, escoller ás mulleres representativas da nosa terra, mulleres que destacaron ou destacan nas súas respectivas profesións, mulleres de preto que conseguiron o que se propuxeron. Así escollimos por aulas á muller traballadora galega a cal queríamos representar... e cómo ía ser representada? Vestindo a unha boneca de case tamaño real, coa vestimenta propia do oficio da muller escollida; así:
Aula 1 decidiu vestir á sua boneca da boxeadora Marta Brañas, a Aula 2 escolleu à xa moi coñecida Emilia Pardo Bazán, a Aula 3 quixo representar á pintora Maruja Mallo, Aula 4 piloto de aviación Elisa Patiño, a Aula 5 representou a primeira arquitecta Rita Fernández Queimadelos, Aula 6 escolleu á astrónoma Antonia Ferrín, as aulas 7 e 8 fixéronse co espazo da música representando a Luz Casal (cantante) e Cristina Pato (gaiteira) respectivamente, a Aula 9 homenaxeou á mestra Elvira Bao e por último na Aula 10 escolleuse á cociñeira Lucía Freitas.
 
No días anteriores a dita celebración, e ao mesmo tempo que se preparaban por aulas as vestimentas, cada aula debía realizar un pequeno cartel co nome da muller seleccionada e unha fotografía real súa. Ditos carteis foron colocados nun panel o día 11 á vez que cada aula ía vestindo a sua muller homenaxeada. Ao final do día no panel tamén se incluíron, ademáis dos carteis por aulas, as fotografías da boneca vestida de cada unha destas mulleres.
 
Con esta homenaxe, os nosos alumnos coñeceron a mulleres importantes e traballadoras da nosa terra, practicaron o vestir/espir dende outra perspectiva e participarán nos vindeiros días na creación dun libro a partir dos carteis e fotografías pegados no panel.
 
En resumo, resultou unha actividade moi aceptada entre o alumnado xa que a boneca captou a atención de moitos deles e da cal sacaremos todos moitos beneficios, entre eles: a boneca e as vestimentas feitas por alumnos e mestras do centro pasarán a formar parte dende entón do centro, creando así unha nova actividade para o ocio do noso alumnado; a biblioteca escolar contará nos próximos días cun novo libro creado polos alumnos do centro en relación as mulleres traballadoras do noso país.
 
Non nos esquecimos de outras mulleres como: Rosalía de Castro (homenaxeada fai uns días), Concepción Arenal, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Ana Peleteiro, Nerea Barros, Vero Boquete, Chus Lago... todas vós e moitas outras sodes unha fonte de inspiración para todas as mulleres que formamos parte do CEE Miño.
 
GRAZAS!


blog | by Dr. Radut