Gallego

Convocatoria XXIX Premio Internacional de Poesía e Narrativa Miguel Fernández

O IES Miguel Fernández convoca o XXIX Premio Internacional de Poesía e Narrativa para a mocidade de nacionalidade española e de fala hispana.

Poderá concursar o alumnado con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, cumpridos durante o ano 2023, a excepción daquelas persoas premiadas en edicións anteriores.

O prazo de presentación dos traballos esténdese ata o 21 de marzo de 2023, coincidindo co Día Mundial da Poesía.

Todas as bases do concurso poden ser consultadas no seguinte documento.

 

Gallego
Imaxe Premio MF

Convocatoria de auxiliares de conversa no estranxeiro para o curso 2023-2024

O Ministerio de Educación e Formación Profesional publicou a convocatoria de auxiliares de conversa no estranxeiro para o curso 2023-2024.

O prazo de presentación de solicitudes vai do 5 ao 28 de decembro de 2022.

Pódese consultar toda a información premendo nesta ligazón.

Gallego

O programa educativo galego Ponte... nas Ondas! é incluído no Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO

O labor da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! en materia de boas prácticas vén de ser recoñecido no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Esta asociación ten por finalidade a promoción de actividades culturais e pedagóxicas así como a promoción da identidade común de Galicia e o Norte de Portugal, dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.
Así, entre algunhas das súas iniciativas está o impulso do programa educativo Ponte... nas Ondas!

A recente inscrición deste programa no Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO supón, en palabras do conselleiro Román Rodríguez, un triunfo e un exemplo para todo o mundo. Ademais, esta decisión implica un gran recoñecemento á actividade de alumnado e profesorado durante os 27 anos de traballo realizado no marco desta iniciativa.

Esta información pode ser ampliada premendo nesta ligazón.

Gallego
Ponte...nas Ondas!

A Unesco inscribe o programa educativo galego Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas

A candidatura conxunta de Galicia e Portugal acada este recoñecemento, unha distinción que só obtiveron hoxe catro propostas a nivel internacional

Román Rodríguez destaca que está é a primeira vez que un proxecto galego entra neste rexistro e celebra que unha iniciativa nacida nas aulas galegas sexa un exemplo para todo o mundo

O representante da Xunta sinala que é un éxito de todos os profesores e alumnos que a longo de 27 anos participaron na iniciativa e que comparten todos os galegos

“Como galego é un orgullo que un programa dos nosos centros educativos vaia servir de inspiración para concienciar á rapazada sobre a importancia de coidar do noso patrimonio e da convivencia en zonas transfronterizas”, afirma

Agradece a implicación dos embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes e Rosa Batoréu, e do Ministerio de Cultura e Deporte na tramitación do expediente

Gallego
r

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebra como un gran logro para Galicia a entrada do programa educativo Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco. A decisión foi aprobada hoxe no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterialen Rabat, onde o representante da Xunta encabeza a delegación galega acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. Nesta sesión só acadaron esta distinción catro propostas a nivel internacional.

Tras a votación positiva da proposta conxunta de Galicia e Portugal, o responsable autonómico de Cultura destacou que a decisión supón un gran triunfo para todos os galegos e para o noso sistema educativo, xa que unha iniciativa nacida nas aulas galegas “será un exemplo para todo o mundo”. “Parabéns aos promotores polo traballo ben feito. Isto, sen dúbida, é un éxito seu e un recoñecemento ao traballo feito por todos os profesores e alumnos que ao longo de 27 anos participaron nesta iniciativa”, salientou o conselleiro. É a primeira vez que Galicia recibe este recoñecemento por parte da Unesco.

“Como galegos debemos estar orgullosos porque un programa dos nosos centros educativos vai servir de inspiración para concienciar á rapazada sobre a importancia de coidar do noso patrimonio e grazas a esta iniciativa novas xeracións de todo o mundo aprenderán desde a infancia a importancia e valor do legado cultural e etnográfico”, afirmou.

Neste senso, engadiu que o proxecto é tamén un exemplo de convivencia en zonas transfronterizas e pode servir para mellorar o entendemento en rexións en conflito, tal e como resaltou a Unesco no eloxioso informe que emitiu previamente á avaliación.  Así mesmo, tamén agradeceu a implicación dos embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes e Rosa Batoréu, e do director xeral de Belas Artes, Isaac Sastre e do resto de altos cargos do Ministerio de Cultura e Deporte na tramitación deste expediente.

Representantes da comunidade educativa

Ademais dos representantes da Xunta de Galicia, neste encontro mundial tamén participaron por parte de Ponte...nas Ondas! Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, que agradeceu no Comité a inscrición; Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador, e Álvaro Campelo, profesor e antropólogo.

Esta é a primeira vez que Galicia acada un recoñecemento deste tipo por parte da Unesco. Con todo, a nosa Comunidade conta cun rico e variado patrimonio cultural no que se inclúen varios elementos declarados Patrimonio da Humanidade. Son o casco histórico e a Catedral de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña e os Camiños do Norte.

Ademais, a finais de novembro de 2018, o organismo recoñeceu como Patrimonio Cultural Inmaterial a pedra en seco, unha técnica de construción tradicional. A maiores, a Xunta de Galicia está traballando para que outros tres bens da nosa Comunidade acaden o máximo recoñecemento da Unesco: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes - Parque Nacional das Illas Atlánticas e Ferrol. Porto da Ilustración.

Un modelo de ensinanza referente

O programa Ponte... nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.

A iniciativa bota man das radios escolares como ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento. Trátase dun modelo educativo para o mundo que tal e como apuntaron os examinadores da Unesco no informe previo á valoración, combina radio, educación e patrimonio cultural cunha “fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.

Así, tal e como se recollía no informe previo, esta iniciativa implica aos mozos nas súas propias tradicións e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas nos centros, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.

Audio: 

Audio Román Rodríguez

Audio Santiago Veloso

Convocatoria do II Premio Ateneo Cineduca

Enmarcado na segunda edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), o Ateneo de Santiago convoca o II PREMIO ATENEO CINEDUCA, dirixido aos centros de ensino de todos os niveis educativos, procurando impulsar a creatividade, fomentar a expresión a través dos novos medios e dar a coñecer o traballo levado a cabo neste eido por ensinantes e alumnado.

Os traballos deberán tratar unha temática relacionada con experiencias educativas, procesos de aprendizaxe, historia e memoria da educación ou metodoloxías de ensino, podendo cada centro presentar as pezas que desexe.

Para participar deberase enviar un enlace privado ao enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal, antes do 17 de febreiro de 2023.

O primeiro premio está dotado de 1000 euros e o accésit de 500 euros.

No documento anexo pódense consultar as bases do concurso.

 

Gallego
Logo

Simposio do ILG 2022: A edición dixital de textos antigos: modelos, proxectos e ferramentas

Como cada outono desde o ano 2002, chega unha nova edición do Simposio do ILG baixo o título A edición dixital de textos antigos: modelos, proxectos e ferramentas, que terá lugar entre o 28 de novembro e o 2 de decembro no salón de graos da Facultade de Filoloxía.
 
Este simposio foi concibido como unha volta ao labor filolóxico primordial, o da ecdótica e a edición de textos, mais cunha ollada renovada, sustentada nas novas tecnoloxías promovidas polas Humanidades Dixitais, interdisciplinar e colaborativa.
 
Organizado polo Instituto da Lingua Galega, conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Universidade de Alcalá e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
 
A inscrición, que é de balde, pode formalizarse a través do formulario ata o día 28 de novembro ás 12 h.
Gallego
Simposio ILG

Recursos da Federación Down Galicia para a atención á diversidade

A Federación Down Galicia vén de actualizar o seu "Punto Virtual de Educación", un espazo web que ten por finalidade favorecer a inclusión nas aulas e nos centros escolares, mellorar a coordinación e a colaboración entre os distintos axentes implicados no proceso educativo e apoiar ao profesorado galego neste eido.

Este Punto Virtual de Educación incorpora información, materiais e documentación moi diversa, facilitando así un recurso máis na atención á diversidade presente nas aulas.

Premendo nesta ligazón pódese acceder a todos os recursos dispoñibles.

Gallego
Logo Down Galicia

Curso MOOC de deseño para todas as persoas

O Real Patronato sobre Discapacidade, en colaboración coa Fundación ONCE e a UNED, ofrece formación en educación inclusiva, deseño para todas as persoas e Deseño Universal para a Aprendizaxe, ofrecendo ferramentas para a implantación desta formación nas aulas.

O curso MOOC (curso online gratuíto e aberto) comeza o 21 de novembro de 2022 e está recoñecido pola Cátedra UNESCO de Educación a Distancia e polo Instituto Universitario de Educación a Distancia da UNED. Ten unha duración de 3 semanas, non se precisan coñecementos previos e existe a posibilidade de acreditar a formación recibida.

Pódese consultar toda a información na seguinte ligazón:

https://iedra.uned.es/courses/course-v1:UNED-ONCE+DisenoTodos_002+2022/about.

Gallego
Imaxe curso MOOC

Convocatoria de vacantes para docentes e asesores/as no exterior

O Ministerio de Educación e Formación Profesional vén de convocar senllos concursos de méritos para a provisión de postos vacantes de persoal docente e de asesorías técnicas no exterior.

Toda a información pode ser consultada a través das seguintes ligazóns:

Así mesmo, no apartado "Conoce nuestra red" da web UAEE pódese atopar toda a información sobre a acción educativa de España no exterior e as posibilidades que ofrece ás comunidades educativas.

 

Gallego

Superheroínas e superheroes para promover a inclusión nas aulas e dar a coñecer o retinoblastoma

Co obxectivo de dar a coñecer o retinoblastoma e de promover a inclusión de todos os nenos e nenas nas aulas, a Fundació La Nineta dels Ulls achega unha serie de ideas e propostas didácticas para todas as idades.

O retinoblastoma é o cancro ocular máis frecuente en menores de 6 anos e, malia que o diagnóstico precoz é fundamental para salvar a visión e a vida das persoas afectadas, o feito de que afecte a nenos/as tan pequenos/as dificulta a detección dos primeiros signos da enfermidade.

Por este motivo, ademais de material didáctico para levar ás aulas e promover a inclusión, o documento achegado por esta fundación describe este trastorno e os seus síntomas máis frecuentes, cuxa detección contribúe a un diagnóstico precoz e a unha mellora na calidade de vida dos e das pacientes.

 

Gallego
Cartel escola con superpoderdes