Román Rodríguez gaba aos docentes polo seu papel de “principal activo do sistema educativo” na presentación do Plan de Formación do Profesorado do vindeiro curso
A Consellería de Cultura e Educación impulsará as competencias que se consideran necesarias para un axeitado desenvolvemento da profesión, tales como a xestión do coñecemento ou a destreza nas TIC
O Plan implantará por primeira vez un Curso Masivo Aberto en Rede (MOOC) sobre a integración das competencias clave no currículo
A previsión inicial pasa por poñer en marcha máis de 370 actividades formativas –é dicir, unha media de dúas por día lectivo– e conseguir que 4 de cada 10 centros teñan un plan de Formación Permanente do Profesorado
Os prognósticos do ano pasado superáronse con creces, pois realizáronse máis de 2.000 actividades, cuxa valoración media rozou a máxima puntuación
Con motivo da presentación do Plan de Formación do Profesorado para o vindeiro curso 2015/2016, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria gabou hoxe o labor dos docentes, aos cales definiu como “o principal activo do sistema educativo”, posto que “non hai boa escola se non hai bos profesionais e viceversa”, salientou. Neste sentido, Román Rodríguez afirmou que iniciativas coma esta teñen como obxectivo ampliar e mellorar as capacidades do corpo docente, que terá á súa disposición un amplo abano de actividades para continuar e afondar na súa formación.
Tomando esta finalidade como base, o Plan de Formación do Profesorado para o curso que vén estará articulado en función das competencias consideradas necesarias para un axeitado desenvolvemento da profesión docente, tales como a xestión do coñecemento, a destreza nas TIC, a competencia para ser guía no proceso de ensino e a habilidade para contribuír a crear centros saudables e con seguridade integral. Deste xeito, a partir destes descritores poñeranse en marcha as distintas actividades formativas, un traballo que acaba redundando nunha mellora global do sistema educativo, que en Galicia xa está sendo avalada, por exemplo, a través do informe PISA.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puntualizou que o que hoxe se presentou é unha estrutura base, que se irá enriquecendo ao longo do curso escolar. Boa proba disto −dixo− son os resultados obtidos co anterior plan, a raíz do cal se realizaron máis de 2.000 actividades (máis de dez por día lectivo) cunha valoración media que rozou a máxima puntuación, xa que foi superior a 4 sobre 5. Isto é, as previsións iniciais superáronse con creces, posto que finalmente se realizaron máis de 500 accións de ampliación do plan base, contabilizáronse máis de 70.000 inscricións e 53.500 horas formativas. Segundo destacou Román Rodríguez, “son datos significativos que falan da transcendencia do plan”.
De cara o vindeiro curso, xa só o plan base recolle o desenvolvemento de máis de 370 actividades –é dicir, dúas por día lectivo de media–, máis de 20.000 prazas formativas e preto de 15.000 horas en cursos, xornadas e congresos; uns números que tenden a duplicarse. Ademais, a Consellería tamén busca incrementar a formación en centros, en aras de que 4 de cada 10 teñan un Plan de Formación Permanente do Profesorado, o que duplicaría as cifras de hai dous anos.
Nova modalidade na formación “en rede”
A maiores dunha novidosa configuración en torno ás competencias básicas para desenvolver adecuadamente a profesión, implantarase unha modalidade dentro do formato de formación “en rede”, que se compatibiliza co presencial. Deste xeito, o vindeiro curso estrearase o primeiro MOOC (Massive Online Open Course ou Curso Masivo Aberto en Rede) sobre a integración das competencias clave no currículo.
Catro eixes para acadar a excelencia
Por outro lado, o Plan estrutúrase en base a catro eixes. O principal é a formación en centros, que a realiza o propio centro –co acompañamento preciso– despois dunha reflexión persoal a partir da cal presentan unha planificación. Pola súa parte, as actividades formativas da rede promóvense dende as propias estruturas de formación –ben sexa o CAFI ou ben os seis centros de Formación e Recursos–, que presentan un catálogo inicial de actividades que se ven incrementadas ao remate do curso. Algunhas delas desenvólvense en conxunto con outras consellerías e entidades de carácter social.
A través do terceiro eixe, de fomento da autoformación, búscase que o propio profesorado sexa quen de solucionar as súas inquedanzas e necesidades individuais. Para iso puxéronse en marcha, por exemplo, as licenzas de formación, que lle permiten centrarse durante un tempo na elaboración de solucións metodolóxicas e materias curriculares innovadoras en aras de que despois as compartan en rede. Mentres dure esta fase, o profesional queda eximido das súas tarefas docentes.
Por último, o cuarto eixe susténtase na formación de acompañamento, visibilizada a través do apoio en idiomas ou nas tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento. Ademais, tamén se potencia a formación no referente á diversidade e inclusión colaborando con diversas asociacións deste ámbito e, ao mesmo tempo, impúlsase o emprendemento dende os centros, a introdución das novas tecnoloxías e as ferramentas máis innovadoras.
Resposta aos novos retos educativos
En definitiva, a Consellería articula un ano máis un plan que persegue o éxito, a calidade e a excelencia do sistema educativo galego; un instrumento que dá resposta aos novos retos educativos, tales como a implantación dos novos currículos ou a aposta polo traballo por competencias e metodoloxías innovadoras. Así mesmo, a abordaxe integral da mellora da convivencia escolar –que xa goza dunha base sólida artellada en torno á Estratexia Galega de Convivencia escolar 2015-2020 ‘educonvives.gal’–, a potenciación das tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento desde itinerarios TIC, así como a atención á diversidade, son outros dos retos a alcanzar, uns compromisos que comparten Consellería e docentes.
Ao acto tamén asistiu o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, responsables da súa dirección que esmiuzaron o plan e o director do CAFI, Ángel Rodríguez.