A Consellería de Cultura e Educación deseña un plan específico de formación do profesorado para a implantación do currículo de primaria adaptado á LOMCE
O departamento educativo da Xunta de Galicia desenvolverá nos meses de outubro, novembro e decembro 17 xornadas formativas arredor das competencias clave, coas que se formará a 2.550 docentes
O programa completarase ao longo do ano con actividades de formación en rede
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de pechar o deseño dun plan específico de formación do profesorado para a implantación do currículo de educación primaria adaptado á Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Con esta iniciativa trátase de dar oportunidades formativas a todo o profesorado, segundo as súas necesidades. Completan as accións deste plan específico as accións formativas xa programas dentro do Plan Anual de Formación, en concreto 13 cursos e xornadas para preto de 1.000 docentes. Ademais, está aberto o período de constitución de Grupos de Traballo e Seminarios de formación en centros, nos que se vai a abordar o cambio curricular nos centros.
Cómpre lembrar que nos últimos meses xa se realizaron algunhas accións para a adaptación á LOMCE, tales como a presentación do proxecto de currículo ante máis de 600 docentes o 24 de maio de nos II Encontros de Educación Infantil e Primaria, nunha mesa redonda aberta a debate na que participaron as persoas redactoras; ou as 10 xornadas formativas desenvolvidas en xuño, noutras tantas localidades, dirixidas a todos os centros de educación primaria nas que se convocaron as persoas directoras, as xefas e xefes de estudo e as persoas orientadoras.
Modalidades de formación
Tras estas dúas accións, as primeiras do plan específico sobre o currículo de primaria, desenvolveranse outras tanto no eido da formación presencial como ‘online’ e da formación en centros. A primeira do calendario será a formación presencial, a través de 17 accións formativas nos meses de outubro, novembro e decembro en 16 localidades, na modalidade de cursos para 150 docentes cada un, nos que, durante 8 horas certificadas (2 sesións de 4 horas), abordaranse as cuestións básicas da nova reforma educativa e tratarase, dun xeito exhaustivo, a implantación do currículo de educación primaria e a integración das competencias clave
En total haberá 2.550 prazas nestas xornadas que, baixo o título ‘Implantación do currículo de educación primaria. Integración das competencias clave’, se desenvolverán nas localidades de Burela, A Coruña, Ferrol, Lalín, Lugo, Monforte, Noia, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Verín, Vigo, Vilagarcía e Vimianzo.
Ademais, e xa no que atinxe á formación ‘online’, durante todo o curso realizaranse convocatorias de cursos en rede titorizados para todo o profesorado, na plataforma de teleformación Platega. Os materiais usados nos cursos presenciais e en rede poñeranse a disposición do profesorado para a formación en aberto.
Por outra banda, a formación para a implantación do novo currículo poderá impartirse ao abeiro dos plans de formación en centros, que se desenvolven durante todo o curso no propio centro segundo a súas necesidades e á que ten acceso todo o profesorado do mesmo. Un total de 106 centros de primaria ( 1 de cada 8) solicitaron participar neste curso 14/15 nesta liña formativa.