Cultura e Educación presenta aos docentes ‘Combas’, a exitosa iniciativa en prol da mellora da calidade educativa que implica este curso a 114 centros educativos

No encontro exponse aos centros participantes no proxecto as competencias educativas clave a estimular no alumnado, así como experiencias xa desenvolvidas neste eido

A iniciativa da Consellería enmárcase na política de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros

Trátase de un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros a través do plan anual de formación de docentes

Xov, 21/11/2013 - 11:20
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na presentación do proxecto

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe a preto de 200 docentes o Proxecto Combas, un novidoso plan de formación do profesorado que integra algunhas accións que viñan desenvolvendo os centros educativos a través do Plan Anual de Formación do Profesorado. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou na Escola Galega de Administración Pública a xornada, na que se exporán aos 114 centros participantes no proxecto as competencias educativas clave a estimular no alumnado, así como experiencias xa desenvolvidas neste eido.

‘Combas’ é a nova iniciativa do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar os programas de mellora da calidade educativa potenciando a autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros. Trátase dun paso máis do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad na procura de mellores resultados educativos, en estreita colaboración cos centros e coas familias. O obxectivo do proxecto é apoiar a integración das competencias básicas (CCBB) no currículo na programación que se imparte básicas en cada centro de ensino, a través de concrecións curriculares para cada centro educativo participante, incidindo de forma especial na adecuación metodolóxica e na avaliación.

Unha tendencia supranacional

Durante a súa intervención o director xeral Corredoira explicou que as Competencias Básicas, “que mobilizan destrezas, actitudes e coñecementos co obxecto de lograr dar unha resposta adecuada a un problema contextualizado, son unha tendencia educativa supranacional que se inscribe no aprendizaxe ao longo da vida”. Neste sentido salientou a importancia deste proxecto para o deseño da concreción curricular en prol da mellora do rendemento do alumnado, así como para determinar “cales son as competencias profesionais necesarias para face fronte ás demandas da sociedade do século XXI”.

Corredoira enmarcou o Combas na aposta que pola formación nos propios centros fixo a Consellería o curso pasado coa implantación dos Plans de Formación en centros. “Preténdese pois ampliar a cultura competencial dos axentes educativos, apoiar a tarefa profesional dos docentes sobre as posibilidades do novo deseño curricular e, de forma especial, desenvolver unha proposta que permita avaliar a adquisición e desenvolvemento das competencias mediante o uso de procedementos e criterios obxectivos e transparentes”.

O director xeral felicitou aos centros participantes no programa polo traballo desenvolvido, e fixo referencia ás experiencias do CEIP Nº 1 (Tui), o IES Fontem Albei (Fonsagrada) e ao IES As Telleiras (Narón), as dúas primeiras recollidas a nivel nacional na ‘Guía para la formación en centros sobre las competencias básicas’, mentres que a terceira será presentada o próximo día 29 na sede do Consejo Escolar del Estado.

Recoñecemento ao labor do profesorado

O Proxecto Combas é unha iniciativa máis dentro da aposta da Consellería de Cultura e Educación pola formación do profesorado galego como piar fundamental no avance cara á excelencia no ensino. Por iso, os docentes participantes recibirán unha certificación de 30 horas de formación por cada curso escolar no que formen parte do equipo que leva a cabo o programa no centro. De xeito complementario, as persoas coordinadoras recibirán unha certificación de Innovación Educativa con equivalencia en 20 horas de formación.

Asemade, os centros participantes terán prioridade para o desenvolvemento de actividades de formación en centros nas próximas convocatorias. Cómpre lembrar que a Consellería puxo en marcha no curso 2012/2013 o proxecto piloto dos plans de formación en centros, unha iniciativa moi demandada polos docentes. No seu primeiro ano de funcionamento participaron xa 68 centros.

Cultura e Educación dá co Proxecto Combas un novo impulso aos programas para a mellora da calidade educativa en cada centro a partires da súas necesidades particulares

A iniciativa da Consellería enmárcase na política de fomento da autonomía dos centros á hora de analizar as súas eivas e fortalezas, na mesma liña que os contratos-programa e os plans de formación en centros