Castelao é máis ca unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte

O pasado venres 22 de xuño tivo lugar en Rianxo a entrega do I Certame Cousas ao son da "Lela" de Castelao e da "Rianxeira", músicas que enmarcaron un acto ben lindo e acolledor que guiaron os alumnos e alumnas do Grupo Ekos.

Estes estudantes de 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel, coordinados pola profesora Sofía Rama, presentaron un acto que puxo fin á primeira edición dun concurso que ten como finalidade homenaxear a obra e a figura de Castelao a través da elaboración dunha "cousa", isto é, dese xénero narrativo híbrido tan característico do autor que está a medio camiño entre o relato curto e o microrrelato, con elementos dramáticos e líricos, acompañado de deseño artístico. 

Así, deron paso ás intervencións do xurado e dos gañadores e gañadoras, que leron os seus textos e que se poden consultar neste cartafol. A nosa alumna, Helena Castaño Pazos, acudiu a recibir o seu I premio, polo traballo "Cunetas", acompañada pola súa familia e o profesor Román. O xurado valorou nesta proposta a proximidade ás "Cousas" de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. Ademais, o xurado valorou a súa brevidade como "perfume condensado nun frasco". 

Helena, xunto con Mateo, Adriana, Zoe, Paula e Alicia, demostraron que, parafraseando a frase do ilustre artista, intelectual e político rianxeiro, "Castelao é máis ca unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte". Moitos parabéns para o alumnado participante e gañador, noraboa ao Grupo Ekos pola iniciativa e longa vida ao Certame Cousas.