Pulsando no adxunto accedes ao programa
Compartimos fotografía dos e das admirables participantes na reunión do Grupo de Convivencia do IES Lamas de Abade o pasado venres 1 de febreiro deste 2019 nunha intensa xornada de traballo e formación. Nótase con claridade que traballar pola convivencia produce inmensa ledicia. Agradecémosvos a dedicación en favor do benestar do Instituto.
O venres día 8 o 2º Curso do Ciclo Superior de Próteses Dentais, acompañados por Montserrat Pereira e Ana Belén Gómez, visitarán o Laboratorio Elidente entre as 10:30 e as 12:30 da mañá.
Orgullosos estamos de que o noso alumno de 4º da ESO Marcos Vaamonde teña sido seleccionado cunha bolsa da Fundación Amancio Ortega para poder cursar o 1º de Bacharelato en EEUU. Tendo en conta que o nivel de idiomas é aspecto determinante na concesión da bolsa, dende o Departamento de Inglés queren transmitirlle unha mensaxe especial:
"Congratulations Marcos! The English Department would like to congratulate you on having been awarded a scholarship to spend school year studying in Canada or USA. We wish you the best of luck. We’re sure we’ll miss you.! "
E, por suposto, xa en galego, tampouco poden faltar os parabéns de todo o Instituto.
O debate desenvolvido con Teresa Moure o pasado xoves 24 de xaneiro de 2019 por parte do alumnado do Club de Lectura "O Scriptorium do Abade" resultou absolutamente proveitoso. Compartimos cos lectores e lectoras da nosa web o álbum de fotografías da actividade
Todos quedamos estupefactos cando o pasado luns o DOUTOR SUÁREZ QUINTANILLA afirmounos isto con rotundidade, dicíndonos ademais que caer ben é un complexo proceso bioquímico activado polos nosos ollos, mans e pelo. Por iso, a ESTÉTICA é un dos empregos máis seguros nos próximos 20 anos.
Enriba resulta que os DENTES non pintan nada neste proceso, estando valorados en exceso nas nosas relacións persoais. Non por arranxar a nosa dentadura imos ter máis aceptación social.
Tom Cruise arranxouse toda a boca, pero xa triunfara antes. O seu éxito non está relacionado cos seus dentes.
TOM CRUISE ANTES E DESPOIS DO ARRANXE DOS SEUS DENTES
Pulsando AQUÍ accedes a un resumo desta interesante conferencia organizada polo Departamento de FOL
O vindeiro luns 21 de xaneiro o Departamento de Imaxe Persoal ten programado unha actividade desas que producen envexa nada máis oír falar delas. Montse Veiras, unha das mellores profesionais do Ramo da Estética e Benestar, procederá a facer unha "Demostración de Masaxe con Pedras Quentes". A actividade terá un horario de 9:00 a 11:30 e será realizada para 1º e 2º ciclo de Estética e Benestar no Taller 2 de Estética. Os profesores afectados pola actividade son Isabel Rodríguez (organizadora do evento) e María Victoria Nores. Un quédase coa inquedanza de saber se aceptarán voluntarios para a demostración...
Co obxectivo de fomentar a lectura e propiciar un enriquecedor debate cunha autora recoñecida no mundo das letras, o alumnado do Club de Lectura do Instituto terá un encontro literario coa coñecida escritora Teresa Moure o vindeiro 24 de xaneiro de 2019 na hora posterior ao recreo (11:50 a 12:40). Os cursos nos que se encadra este alumnado son o 3º e 4º da ESO e o 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais e Humanidades (afectando polo tanto ás clases que deberían ter nese horario). De seguro será unha grande experiencia :)
O vindeiro luns realizarase no Lamas de Abade unha actividade de sensibilización coa Seguridade Viaria impartida pola Policía Local de Santiago para o alumnado de 1º de Bacharelato (cursos A e B).
Loitando polo descenso dos sinistros nas estradas a actividade pretende concienciar o alumnado da importancia dos factores humanos nestes accidentes. Os obxectivos céntranse en que os mozos e mozas asuman a normativa viaria como algo positivo e indispensable e non como unha obriga. Búscase concienciar aos futuros condutores na necesaria responsabilidade e na valoración do risco que supón a circulación viaria.
Para reforzar estes obxectivos a actividade desenvolve un módulo teórico e un módulo práctico no que o alumnado queda inmerso no mundo dos accidentes de circulación empregando videoclips ou incluso gafas de realidade virtual. A actividade terá lugar o luns 14 de xaneiro en horario de 9:00 a 11:30 no Salón de Actos do Instituto.
Se queredes, pasádevos polo seu facebok e mirade algunhas das actividades feitas nos últimos anos :)
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer