2019-20, Histórico

VIAXE Á CORUÑA: PATINAXE SOBRE XEO E VISITAS AO MUNCYT E Á DOMUS - 21/01/2020

   O alumnado de 1º e 2º de ESO desprazouse ata A Coruña para coñecer novas prácticas deportivas e ampliar coñecementos sobre as materias STEM e sobre as características da especie humana. 

   O comportamento exemplar por parte do alumnado, nun ambiente distendido e de estimulo pola curiosidade,  fixo que a fotografía da xornada pasase ao álbum familiar do IES Fraga do Eume.

O ALUMNADO DE 1º DE BACHARELATO PARTICIPA NO DÍA DA ENXEÑARÍA NO CAMPUS DE FERROL

   O alumnado de 1º de BAC asistiu hoxe, 17 de xaneiro, ao Campus Universitario de Ferrol para participar na III edición da xornada de portas abertas “Día da Enxeñaría”.

   A participación do noso alumnado, como actividade complementaria dos departamentos de tecnoloxía e de orientación, tivo como obxectivo coñecer en detalle os graos de enxeñaría que se ofertan en Ferrol. 

   O noso alumnado participou en diferentes actividades: buques e ondas no canal de ensaios hidrográficos, simulación de máquinas e vehículos, aplicacións do láser, robótica autónomo, a enxeñaría eléctrica como motor de cambio …

CHARLA SOBRE AS FORZAS ARMADAS

Onte, 16 de xaneiro, o alumnado de 4º de ESO e 1º de BAC recibiu a visita de dous representantes das Forzas Armadas para informarlles sobre as vías de acceso ao exército e as oportunidades profesionais que se lles presentan nel. 

ACTIVIDADE FORMATIVA DE PALACIO

   O alumnado do IES Fraga do Eume tamén aprende protocolo de servizo. E nada mellor que levalo á práctica nun servizo real con guante branco e campá de prato.  

   O menú a desgustar no evento tiña de entrante ostras, linguado en “popietas” como primeiro prato e  codorniz ao estilo real como segundo. En tan merecida ocasión, o viño tamén foi dunha colleita especial.

   Dirixido polo Conserxe Maior, un dos pratos foi descuberto ao mesmo tempo para os 40 afortunados clientes.

   Dúas horas de aprendizaxe cunha encomiable labor do alumnado de hostalería.

Parabéns para o alumnado e profesorado.

PLAN DIRECTOR PARA A CONVIVENCIA E A MELLORA DA SEGURIDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS

   O departamento de orientación do centro organizou, o pasado martes 14 de xaneiro, unha serie de charlas que se enmarcan dentro do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos. 

   As charlas, que foron impartidas por unha experta da Garda Civil, contribúen á formación do noso alumnado sobre problemas de seguridade, o respecto ós dereitos e liberdades fundamentais e a educación en saúde e en valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres.

   As charlas deste curso tiveron as seguinte temáticas: novas tecnoloxías (1º ESO), acoso escolar (2º ESO) e drogas e alcol (3º e 4º de ESO).

CHARLA SOBRE PROSTITUCIÓN E EXPLOTACIÓN SEXUAL, A CARGO DE AMELIA TIGANUS

   O pasado luns, 13 de xaneiro, o alumnado de 4º ESO e 1º de BAC tivo a oportunidade de escoitar en primeira persoa á activista feminista rumana Amelia Tiganus.  

   Na  charla, organizada polo concello de Cabanas en colaboración co departamento de orientación do IES Fraga do Eume, Amelia insistiu en que as mulleres teñen dereito a gozar dunha sexualidade libre, pracenteira e en igualdade de condicións. Recalcou que mentres haxa homes que paguen por obter pracer non imos conseguir a liberdade e ese dereito ao propio corpo.

   Amelia, que define o prostíbulo como un campo de concentración para mulleres migradas e empobrecidas, traballa por unha máxima: a prostitución ten que ser abolida. O estado debe perseguir o proxenetismo e aos homes que que consomen prostitución, que son os que financian este sistema de escravitude.

MÓNICA PIÑÓN SENADA NO ESPAZO “MAS MARROCH”

Tagged:

Mónica Piñón Senada, alumna do ciclo modular de cociña e gastronomía, participou na final das becas á innovación gastronómica BBVA e CELLER DE CAN ROCA 2019-20.

A ENTREVISTA

PARABÉNS PARA MÓNICA!!!

 

FELICES FESTAS (E MERECIDAS VACACIÓNS)

Tagged:

   Despedimos o trimestre con xogos musicais, papiroflexia, xincana da igualdade,"escape room" matemático, diferentes obradoiros relacionados coa hostalería (elaboración de tortas e galletas, pelado de laranxas, decoración de mesas, dobrez de panos...) e o tradicional torneo de fútbol.

 

 

EU TAMÉN ESTUDEI NO FRAGA DO EUME (19/12/2019)

Tagged:

   
   Hoxe cumprimos un vello soño da nosa biblioteca: invitar a antigos alumnos para que nos falen con perspectiva dos seus anos no instituto, da súa experiencia formativa e tamén da laboral.

   Dani Vilar foi o encargado de iniciar esta serie de encontros “EU TAMÉN ESTUDEI NO FRAGA DO EUME” . Foi alumno deste centro entre os anos 2003 e 2009.

   Fixemos nunha hora un paseo polas experiencias deste “alumno tímido” dos primeiros anos que “se soltou” en 4º de ESO, se abriu ó mundo en Madrid cursando enxeñería aeronáutica; en Barcelona facendo o seu máster no que fabricou un kart e traballou duro nas competicións infantís;  e que agora é cidadán do mundo viaxando como telemétrico nos equipos de coches e motos de alta competición. O seu último destino é Italia no equipo Sky VR46 de Moto 2.

   Foi un pracer gozar  da súa presenza e da súa conversa chea de mensaxes positivas: a importancia do traballo en equipo, de aprender dos demais, de non renderse ante as dificultades, de loitar e esforzarse en calquera situación polo que verdadeiramente queres facer e de orgullo polo traballo ben feito.

 

Grazas, Dani.

692 GRAZAS: CARREIRA SOLIDARIA "SAVE THE CHILDREN"

   A ONG Save The Children convocounos o 20 de novembro a participar na XVI Carreira Qilómetros de Solidariedade para conseguir recursos e axudar aos  nenos e nenas do pobo rohingya.

   O rohingya é un pobo de case un milleiro de persoas que moraba no norte do estado de Rakhine, en Myanmar. Falan a lingua rohingya, un dialecto bengalí, e son de relixión musulmá nun estado budista. Myanmar négalles a cidadanía por consideralos inmigrantes bengalís e non birmanos, malia levaren séculos vivindo no seu territorio. Son unha das minorías étnica e relixiosa máis perseguidas do planeta. 

  • 100% necesita asistencia sanitaria e un sitio seguro onde refuxiarse.
  • 350.000 nenos e nenas non teñen acceso a ningún tipo de educación.
  • 62.811 menores de 5 anos necesitan tratamento para a súa desnutrición

   Ao final da Carreira muntiplicamos os quilómetros simbólicos percorridos polo prezo fixado por cada un dos patrocinadores/as e recadamos un total de 692,00 euros.

Parabéns polo voso esforzo!!!

Distribuir contido