EU TAMÉN ESTUDEI NO FRAGA DO EUME (19/12/2019)

Tagged:

   
   Hoxe cumprimos un vello soño da nosa biblioteca: invitar a antigos alumnos para que nos falen con perspectiva dos seus anos no instituto, da súa experiencia formativa e tamén da laboral.

   Dani Vilar foi o encargado de iniciar esta serie de encontros “EU TAMÉN ESTUDEI NO FRAGA DO EUME” . Foi alumno deste centro entre os anos 2003 e 2009.

   Fixemos nunha hora un paseo polas experiencias deste “alumno tímido” dos primeiros anos que “se soltou” en 4º de ESO, se abriu ó mundo en Madrid cursando enxeñería aeronáutica; en Barcelona facendo o seu máster no que fabricou un kart e traballou duro nas competicións infantís;  e que agora é cidadán do mundo viaxando como telemétrico nos equipos de coches e motos de alta competición. O seu último destino é Italia no equipo Sky VR46 de Moto 2.

   Foi un pracer gozar  da súa presenza e da súa conversa chea de mensaxes positivas: a importancia do traballo en equipo, de aprender dos demais, de non renderse ante as dificultades, de loitar e esforzarse en calquera situación polo que verdadeiramente queres facer e de orgullo polo traballo ben feito.

 

Grazas, Dani.