Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Entrega de calendarios de aula

calendario de aula

Calendario de aula (EDLG)

Este martes 15 de novembro, o alumnado integrante e colaborador do EDLG foi o encargado de repartir entre as clases o calendario de aula, realizado co deseño gañador, presentado pola alumna Marta Díaz Ferreiro, de 2º BACH D, dentro Iº Concurso de Calendario de Aula 2022-2023, convocado polo EDLG. Na parte inferior do deseño van adxuntados os meses do calendario escolar, co fin de que o alumnado poida anotar os seus diversos compromisos académicos (exames, traballos, exposicións, saídas escolares, …), como viña facendo ata o de agora, pero cunha imaxe impresa, acompañada dun lema que fomenta o uso do galego. Tamén foron repartidos para o alumnado de horario vespertino.

O meu agradecemento para o alumnado encargado de levalos para as distintas clases, que fago extensivo para o persoal de Conserxaría, Belén García López e Vanessa Iglesias Ferreiro, por teren montada a estrutura final dos mesmos. 

                                                                                Mª Teresa Pastor Novo,  Coordinadora do EDLG

I Concurso do Calendario de Aula

7 de novembro de 2022

Gañadora do I Concurso de Calendario de Aula de 2022

calendario

entrega agasallo

 

 Na mañá de hoxe, 7 de novembro, a alumna Marta Díaz Ferreiro, de 2º BACH D, recibiu un diploma acreditativo e un premio, consistente nunha tarxeta agasallo de 40 euros, para gastar na FNAC, ao esultar gañadora do deseño do I Concurso de Calenario de Aula 2022-2023, convocado polo EDLG do centro.

A este acto asistiron, ademais da dita alumna, a Directora, Isabel Ruso de Lago, a Xefa de Departamento de Lingua Galega e Literatura, Beni Vidal Tomé, e a Coordinadora do EDLG, Mª Teresa Pastor Novo.

Parabéns e moitas grazas a todos e todas por participar!                                                                             

Mª Teresa Pastor Novo 

                   Coordinadora do Departamento do EDLG

 

 

 

Receitario do inframundo

4 de novembro de 2022

Receitario do inframundo 

 Tras a lectura, nesta 1ª avaliacón, do libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, o alumnado de 1o ESO A e D quixo sumarse á temática da morte que, cun humor maxistral, recrea a nomeada autora viguesa, con divertidas aventuras do Inframundo, protagonizadas por uns personaxes moi peculiares e divertidos. Escarlatina, unha nena cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés, coprotagoniza esta historia xunto con Román, quen recibira polo seu aniversario un agasallo moi particular. Polo libro desfilan gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos. Tecidas entre elas asistimos a múltiples peripecias, cun exquisito humor macabro. Así, o dito alumnado atendeu con interese a suxestión que lles propuxen de poñerse (expresión nunca máis acaída) “coas mans na masa” e inventar pratos cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén, que constitúe un bo pretexto para renderlle unha homenaxe ao Samaín. O alumnado presentou unha carta imposible de comer no mundo dos vivos: minipizza infernal; dedos de momia; galletas de carrachas e cachos de perna humana; sopa de ouriños de can, patas de araña e ollos de robaliza; pescada á galega de lesmas e cascudas; muf ins de vermes e sangue de cabalo, ....... A exposición dos seus traballos pódese ver no primeiro andar do Edificio histórico, instalada un apropiado 2 de novembro (ou mellor dito, e recollendo a denominación máis tradicional dos meses na nosa lingua, do mes dos Mortos) do ano 2022. Abofé que a rapazada aprendeu de xeito divertido dúas leccións inesquecibles: a funcionalidade creativa da lingua e as características dun texto instrutivo. Bo traballo, chefs!!!! 

     Mª Teresa Pastor Novo  (Profesora de Lingua Galega e Literatura e Coordinadora do EDLG)

Para acceder ás fotos pinchar na imaxe

receitas                                                       

Exposición " A lírica galego-portuguesa medieval"

 

4 de outubro de 2022

Exposición: A lírica galego-portuguesa medieval: códices, facsímiles e libros antigos.

A poesía galego-portuguesa medieval, unha das grandes xoias das nosas letras, conservada fundamentalmente nos Cancioneiros da Biblioteca Nacional de Lisboa, da Biblioteca do Vaticano e no Cancioneiro de Ajuda, foi composta nun período especialmente rico para a historia e a cultura do occidente medieval. Os límites cronolóxicos da nosa lírica trobadoresca van dende finais do século XII ata mediados do XIV, acontecendo no 1354 o pasamento do conde de Barcelos, considerado o último trobador e mecenas da lírica galego-portuguesa.

A nosa lingua adquire un momento culminante nesta época, en que é cultivada por todas as capas sociais. A nivel literario, o prestixio do galego acada cotas excelsas e servirá de canle para compoñer un corpus de poesía medieval recoñecido alén e aquén das nosas fronteiras.

Así pois, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG, organiza esta exposición que, baixo o título A lírica galego-portuguesa medieval: códices, facsímiles e libros antigos quérelle amosar a toda a comunidade educativa do centro (especialmente ao alumnado de 3º ESO e 1º BACH, por ser unha parte fundamental do currículo de ambos niveis) a importancia que tivo a tradición manuscrita recompilada nos códices. De entre toda a extensa tradición compilatoria que se pode ver nesta exposición, cómpre destacar os facsímiles dos tres grandes cancioneiros antes nomeados,o Códice do Escorial das Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio ou o Breviariode Amor, cuxa primeira versión estaba en occitano e do que se expón o manuscrito valenciano do século XV. Á parte disto, ilustran a exposición unhas láminas que recrean diversos aspectos da época trobadoresca, reflectidos nas cantigas, como algunhas clases sociais vítimas das principais invectivas das cantigas satíricas (como as abadesas), xograres segundo manuscritos dos séculos XI e XII, a relación de vasalaxe establecida entre o trobador e a senhor (recollida no libro Feodorum Maior, do século XII) ou unha miniatura do Libro de los juegos (conservado no Mosteiro de El Escorial), onde aparece Afonso X ditándolle ó seu amanuense.

Sen ningunha dúbida, este viaxe ao pasado coa mellor compañía posible, os libros, supón un merecidísimo tributo a un período lingüístico- literario inesquecible da nosa identidade.

                                                                  Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)

  • Para acceder ás fotos da exposicición pinchar na imaxe.
  • Para acceder a máis fotos sobre a exposición pinchar no enlace

Roteiro pola Coruña modernista

Martes 27 de setembro de 2022

Roteiro pola Coruña modernista 

Este pasado luns 26 de setembro un grupo de profesores e profesoras participou no roteiro A Coruña modernista, organizado polo Departamento de Xeografía e Historia, en colaboración co EDLG. O profesor Abel Fernández Maroño foi o encargado de explicar a historia dos edificios máis emblemáticos deseñados nese estilo artístico, construídos na cidade herculina nos primeiros anos do século pasado. Resultou moi interesante porque, á parte da información histórica achegada, serviu tamén para recrear curiosas anécdotas relativas á flora dos Xardíns de Méndez Núñez, costumes cotiás das mulleres doutrora, modas provenientes de ultramar ...... Mesmo algún dos asistentes tamén comentou curiosidades de certos nomes das rúas que antes foran castelanizados, pero que recuperaron a toponimia orixinaria galega e que explican moitos detalles da historia da nosa cidade, como a rúa Alcabaleiros, que eran os que cobraban as alcabalas (os tributos que os vendedores lles pagaban ao fisco nos contratos de compravenda e os dous contratantes, no de permuta). Tamén a profesora de Lingua galega e literatura Beni Vidal comentou a malfadada Casa Viturro, ao redor dun episodio de violencia machista acontecido nela hai moito tempo, que xa recrea a escritora Antía Yañez en Senlleiras. Esta lenda negra presente nesta edificación queda patente ou rexistrarse outro infortunio hai poucos anos. En resume, un roteiro moi interesante, que mesmo puideron seguir os participantes con cadanseu folleto explicativo, na tradución e confección do cal colaborou o EDLG. Aquilo que dixera Viente Risco de que : “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo”, sen ningunha dúbida podería aplicárselle á nosa cidade, porque descubrimos nunha hora de roteiro un mundo de historia sobre a universalidade da nosa urbe. 

                                                         Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)                                                                                                                                                                                                                    

 

Entrega dos premios do certame-exposición de Haikus convocado polo EDLG

16 de xuño de 2022

Entrega dos premios do certame-exposición de Haikus convocado polo EDLG

Foi convocado polo EDLG, coa colaboración do Departamento de Lingua galega e Literatura, un certame-exposición de Haikus, en torno ás poesía de Florencio Delgado Gurriarán, persoeiro ao que se adica o Día das Letras Galegas deste 2022.

O fallo do xurado, composto por profesorado de diversos departamentos didácticos do Centro, foi:

Haiku de ouro: "Rabaño mudo" de  Manuel Carrasco, Elba Cardesín, Jorge Estévez e Ryu Tenreiro -4º ESO C.

Haiku de prata: "A sombra nos leva", de Alejandra Vázquez Suárez -1º ESO E.

Haiku de bronce: "Nos pastos verdes", de Martín Crespo, Aarón Deus e Iris Fernández -Chao- 4º ESO A.

Accésit 1: "Polas espidas", de Carla López Riveiros- 4º ESO E.

Accésit 2: "Verde ou de cor", de Sofía Pozurama e Inés Romero- 1º ESO A.

Accésit 3: "Agulla veloz", de Aroa González e Xiana Varela- 1º ESO E.

Os gañadores dos Haikus de ouro, prata e bronce recibiron o correspondente diploma, bono-regalo e libros.

Aqueloutros merecedores dos accésits recibiron os diplomas acreditativos, libros e USB.

O profesorado que formou o xurado quixo destacar o traballo desenvolvido polo alumnado. Ademais, o EDLG quere agradecer a participación e a implicación de alumnos e alumnas, e a dirección e supervisión das profesoras do Departamento de Lingua galega e literatura Estefanía Álvarez e Dulce Fernández, xunto con Carme Edreira, coordinadora do EDLG.

Agradecemento especial ás xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura Beni Vidal e ao profesor do departamento de Bioloxía e Xeoloxía Manuel Blanco, pola súa xenerosa colaboración  como xurados dos premios.

"Probando a aplicación móbil"

6 de xuño de 2022

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou para o alumnado de Tecnoloxía de 1° de bacharelato unha actividade de saída pola cidade 

"Probando a aplicación móbil"

para comprobar o funcionamento e disfrutar das actividades deseñadas polo alumnado, dentro do proxecto "A cidade da Coruña convértese no noso taboleiro de xogo".

O alumnado de Tecnoloxía disponible probou as mellores aplicacións deseñadas polos diferentes grupos, acompañados polo profesor da materia, Serxio Gómez Recouso, as profesoras do departamento de Lingua galega Dulce Fernández Graña e Estefanía González Álvarez, e a coordinadora do EDLG M. Carme Edreira García.

A actividade resultou moi positiva para os distintos grupos.

O EDLG agasallou aos grupos que elaboraron as aplicacións máis valoradas cunha novela do excelente novelista Domingo Villar, recentemente falecido.

A aplicación máis valorada foi: 

"Club dos famosos mortos",

elaborada por Antía Sardiña García, Paula Díaz López e Sabela Lozano Rodríguez (1° D).

A segunda foi: 

" Crime na Coruña", elaborada por Marta Trabazo Barros e Simón García Franco (1° E).

Parabéns ao alumnado premiado, en primeiro lugar,  e ao resto do alumnado de Tecnoloxía, polos fantásticos traballos deseñados e realizados.

Gañadoras do 1° premio:Paula Díaz, Sabela Lozano e Antía Sardiña:

Certame de cómic en galego convocado polo EDLG

1 de xuño de 2022

Certame de cómic en galego convocado polo EDLG

O pasado 26 de maio un xurado composto por profesorado de varias materias, colaborador do EDLG do centro, visitou a exposición de cómics presentados ao certame neste mes das Letras Galegas, e fallou os premios.

A directora do centro entregou os premios do EDLG, e un especial concedido polo Contrato-Programa "Iguais na diversidade", pola especial sensibilidade amosada en relación coa temática do programa.

O alumnado do centro disfrutou esta quincena pasada da exposición, con gran éxito.

 Parabéns a todos e todas, pola participación.

Especialmente, ao alumnado premiado en ambas categorías e o premio especial "Iguais na diversidade".

Para o vindeiro curso, a segunda edición!

Samaín 2021

Co gallo da celebración da festa do Samaín 2021, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou a tradicional actividade de decoración das portas das aulas dos grupos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria. 

O venres 28 como se anunciara, un esixente xurado, composto pola directora, coordinadora do EDLG, varios membros do profesorado e un membro do alumnado, valoraron as portas.

Resultou premiada, despois de arduas deliberacións a porta do grupo 3° ESO C, titoría de Paulo Carballada.

O alumnado foi premiado cunha bolsa de chuches e a correspondente medalla.

 

Máis fotos na ARTESA DO EUSEBIO

Exposición "De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos"

27de outubro de 2021

Estes días e ata o 5 de novembro, contamos no instituto cunha exposición sobre as cantigas do trobador da lírica medieval Galego-portuguesa Martín de Padrozelos. Promocionada pola Asociación de Estudosos do Camiño de Santiago e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e comisariada por Luis Celeiro, forma parte dun proxecto relacionado coa nosa lírica medieval e mais co Camiño de Santiago. Ten un afán divulgativo co obxectivo de facilitar o achegamento tanto á cultura medieval en xeral como á nosa lírica en particular, centrado en Martín de Padrozelos, trobador do val de Lóuzara no Concello de Samos. Froito da colaboración estreita do grupo investigador xurdiron o documental Trobador no camiño, andares pola lírica de Martín de Padrozelos, esta exposición das súas dez cantigas de amigo e de amor, e un magnífico disco do grupo A Quenlla, titulado Trobador no camiño. 

A exposición viaxou polos concellos do Camiño lucense durante este verán, e agora vai continuar o seu percorrido polos centros de ensino galegos. É neles onde mellor se poderá aproveitar didacticamente, tendo en conta a carencia de materiais sobre esta época literaria. Vén acompañada de recursos dixitais para facilitar o  traballo nas clases, e a modo de clausura desta primeira rolda en 2021, terá lugar un concerto do grupo A Quenlla coa interpretación das cantigas de Martín de Padrozelos en Chantada o 18 de decembro.

Departamento de Lingua Galega e Literatura

EDLG do IES Eusebio da Guarda 

Entrega de premios do CERTAME DE FOTOGRAFÍA organizado polo EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

O xoves 20/06/2019 foron entregados pola Directora do centro, Isabel Ruso, e a Coordinadora do EDLG, Mª Carmen Edreira, os premios do CERTAME DE FOTOGRAFÍA organizado polo EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA para o curso 2018/19, que foron concedidos polo xurado reunido o pasado 13/06/2019, ao alumnado seguinte:

 

  • Guillermo Belmonte Marín, alumno de 2º ESO B, na categoría A (1º e 2º de ESO)
  • Fuco González Prego, alumno de 4º ESO C, na categoría B (3º e 4º de ESO)
  • Lucía Vaamonde López, de 1º bacharelato C, na categoría C (Bacharelato e adultos)

 

Asimesmo foi entregado á mesma alumna de 1º de bacharelato C, Lucía Vaamonde López, o ACCÉSIT ao CONCURSO DE LOGO DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA, organizado polo EDLG.


Parabéns aos premiados e agradecemento do EDLG ao alumnado participante en ambas convocatorias, esperando a mesma colaboración cara ao vindeiro curso.

Distribuir contido


by Dr. Radut