Exposición " A lírica galego-portuguesa medieval"
4 de outubro de 2022
Exposición: A lírica galego-portuguesa medieval: códices, facsímiles e libros antigos.
A poesía galego-portuguesa medieval, unha das grandes xoias das nosas letras, conservada fundamentalmente nos Cancioneiros da Biblioteca Nacional de Lisboa, da Biblioteca do Vaticano e no Cancioneiro de Ajuda, foi composta nun período especialmente rico para a historia e a cultura do occidente medieval. Os límites cronolóxicos da nosa lírica trobadoresca van dende finais do século XII ata mediados do XIV, acontecendo no 1354 o pasamento do conde de Barcelos, considerado o último trobador e mecenas da lírica galego-portuguesa.
A nosa lingua adquire un momento culminante nesta época, en que é cultivada por todas as capas sociais. A nivel literario, o prestixio do galego acada cotas excelsas e servirá de canle para compoñer un corpus de poesía medieval recoñecido alén e aquén das nosas fronteiras.
Así pois, o Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG, organiza esta exposición que, baixo o título A lírica galego-portuguesa medieval: códices, facsímiles e libros antigos quérelle amosar a toda a comunidade educativa do centro (especialmente ao alumnado de 3º ESO e 1º BACH, por ser unha parte fundamental do currículo de ambos niveis) a importancia que tivo a tradición manuscrita recompilada nos códices. De entre toda a extensa tradición compilatoria que se pode ver nesta exposición, cómpre destacar os facsímiles dos tres grandes cancioneiros antes nomeados,o Códice do Escorial das Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio ou o Breviariode Amor, cuxa primeira versión estaba en occitano e do que se expón o manuscrito valenciano do século XV. Á parte disto, ilustran a exposición unhas láminas que recrean diversos aspectos da época trobadoresca, reflectidos nas cantigas, como algunhas clases sociais vítimas das principais invectivas das cantigas satíricas (como as abadesas), xograres segundo manuscritos dos séculos XI e XII, a relación de vasalaxe establecida entre o trobador e a senhor (recollida no libro Feodorum Maior, do século XII) ou unha miniatura do Libro de los juegos (conservado no Mosteiro de El Escorial), onde aparece Afonso X ditándolle ó seu amanuense.
Sen ningunha dúbida, este viaxe ao pasado coa mellor compañía posible, os libros, supón un merecidísimo tributo a un período lingüístico- literario inesquecible da nosa identidade.
Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)
- Para acceder ás fotos da exposicición pinchar na imaxe.
- Para acceder a máis fotos sobre a exposición pinchar no enlace