Saltar navegación.
Inicio

Música

XIX Festival Internacional de Folclore de Narón

Festival Internacional de Folclore 2009

10/07/2009

Un verán máis, o noso centro acollerá durante uns días a grupos folclóricos de diversos recunchos do mundo (nesta ocasión: Portugal, Siberia, Polonia, Arxentina e Brasil). Estes grupos actuarán no festival de Narón do 18 de xullo no paseo marítimo de Xuvia (xunto co grupo Alxibeira de Narón) e tamén noutros festivais galegos. Benvid@s!!

Cucurrucucú...

 

26/06/2009

Botaremos de menos a afiada pluma da colaboradora máis musical da nosa web; Paloma cambia de rumbo e vaise a vivir ao sur de Galicia. Ilustramos esta pequena homenaxe con dúas versións da eterna "Cucurrucucú Paloma": a de Pedro Infante e a máis recente de Caetano Veloso.

Sorte no teu novo destino, Paloma!

Visitaremos de vez en cando a web do teu novo centro para saber que estás argallando.

 

P.D. A petición de Paloma, engadimos o seu vídeo de agradecemento a continuación. "Unha canción preciosa dunha cantante única e confiemos que irrepetible. Que non se diga que non me preocupei pola música no Feal ata o último momento." - Paloma García.

 

Rockola de verán

Rockola

12/06/2009

Lanzamos a última rockola do curso: admítese calquera canción relacionada co verán, as vacacións ou incluso o desafogo en xeral; pero advertimos que as peticións de cancións de Georgie Dann ou similares non teñen ningunha posibilidade.

Peticións recibidas ata o momento:

  • Montse Lorenzo: Twisting by the pool (Dire Straits)
  • Natalia Villar: Moving (Macaco)
  • Delmi: Escuela de calor (Radio Futura) + Sitting on the dock of the bay (Otis Redding)
  • Mar González: Estoy aquí (Shakira)
  • María Anca: intro de Verano Azul
  • Víctor Novo: Dios salve al Conselleiro (Siniestro Total con Poch)
  • Ángel Carrera: Summertime (The Zombies)
  • Paloma García: Summertime (Janis Joplin con Jimi Hendrix)

Morreu Antonio Vega

 

Ángel Carrera, 12/05/2009

Quen coñeza a vida e obra de Antonio Vega sabe que levaba moitos anos coa saúde destrozada, pero estivo pisando os escenarios con dignidade ata hai moi pouco.

Foi un dos poucos artistas aos que lle pedín un autógrafo; sucedeu en 1991 cando eu xa non era un adolescente. Normalmente Antonio non se conformaba con firmar, e nesta ocasión tiña un enorme disco de vinilo para escribir polas dúas caras. O problema é que xa chegaba tarde ao seu concerto, polo que me invitou a subir á furgoneta e foi escribindo polo camiño.

En fin, supoño que é o músico ao que lle teño máis aprecio. No reprodutor de YouTube, hai vídeos  das diferentes etapas da súa carreira, na súa vertente máis tranquila, aínda que facía máis rock do que parece. O último dos vídeos (unha versión de "Me cuesta tanto olvidarte" con Nacho Cano) é unha rareza que non se ve ben durante os primeiros segundos, pero ilustra perfectamente a sensibilidade que aínda conservaba no seu fío de voz nos últimos momentos da súa carreira.

Ata sempre Antonio.

O pop volve á Televisión de Galicia

Banda Curta

Ángel Carrera, 16/04/2009

Houbo que esperar uns nove anos para que o pop volvera á televisión pública galega. Non ten moito que ver co partido político que goberne. En xeral, a música "de verdade" (pop ou non) cada vez é máis minoritaria en España e os dirixentes das televisións públicas de calquera cor danlle pouco valor cultural (xa non digamos as privadas).

No ano 2000, o programa Chambo que presentaba unha novísima Belén Regueira, desapareceu da TVG e o pop non volveu a este canal ata o pasado 31 de xaneiro de 2009, cando se estreou Banda Curta, e de momento segue sen faltar á súa cita dos sábados ás 16:00. Vai despois de Miraxes, onde hai que recoñecer que sempre incluíron pinceladas musicais.

O programa está orientado sobre todo ao pop galego, aínda que tamén hai sitio para artistas do resto da península. O mellor é a súa forte aposta pola música en directo cun coidado son. O peor son as intervencións do suposto experto Ricardo Alonso que cando menos é contraditorio: unha semana pon a caer dun burro a U2 por “levar máis de dez anos facendo o mesmo” e a semana seguinte idolatra a AC/DC por “manterse fieis a eles mesmos despois de máis de trinta anos”.

Todos os programas quedan dispoñibles na web da TVG, podedes ver por exemplo o último que colgaron emitido o 11/04/2009. O próximo sábado 25 de abril haberá un programa especial para celebrar os 15 anos de Xabarín Club (que tanto lle debe ao pop galego e ao que tanto lle debe a lingua galega); sumámonos á homenaxe co vídeo de máis abaixo. Longa vida a Banda Curta!!

A rockola do desengano

Rockola azul

Ángel Carrera, 28/02/2009

Xa estaba ben de tanta cursilería, a semana rosa da nosa web necesitaba urxentemente un antídoto. A primeira en abrir fogo na rockola do desengano foi Paloma con "Que te den" de Amparanoia, pero xa temos máis peticións da xente do Feal. Unha vez máis, agardamos con ansia as vosas suxestións máis abaixo, nos comentarios deste artigo. Se pode ser, explicade por qué vos apetece escoitar a vosa elección.

Peticións recibidas ata o momento d@s desalmad@s:

  • Amparanoia: Paloma García
  • Julieta Venegas, Malú e Mina: Mar González
  • Iván Ferreiro e Alanis Morissette: Ángel Carrera
  • Luz Casal: María Anca
  • Soraya: Carmen Leira

Peticións recibidas ata o momento d@s romántic@s incurables que non se renden aínda que @s deixen plantad@s:

  • Scorpions: Montse Lorenzo
  • Conchita: Belén Leira
  • Jonas Brothers: Elenitta

Rockola rosa

Rockola

A continuación, tedes os vídeos das peticións recibidas ata o momento de diferentes persoas do Feal para ambientar a semana rosa desta web. Como vedes, hai estilos moi distintos. Agardamos polas vosas peticións máis abaixo, nos comentarios deste artigo. Se pode ser, explicade por qué vos apetece escoitar a vosa elección.

Queres saber a quen corresponde cada petición?

  • Serrat: Mar González
  • The Cardigans: Gelu Porto
  • Pablo Milanés: Mercedes Taibo
  • Francis Cabrel: Montse Lorenzo
  • k.d. lang e María Callas: Paloma García
  • Sally Oldfield: Xosé Manuel Timiraos
  • Björk: Ángel Carrera
  • Robbie Williams e Coldplay: Delmi
  • Joaquín Sabina: Loli Abelleira
  • The Beatles: Lucía Moure
  • Fondo flamenco:Rebeca López (por fin unha alumna!!!!)

O pop de 2008

Ángel Carrera, 18/01/2009

O pop, esas cancións curtas e sinxelas que non teñen por qué ser vulgares. Deixamos aquí un puñado de pezas publicadas en 2008 que me chamaron a atención por diferentes motivos. Na miña opinión, 2008 foi un bo ano, aínda que non sei moi ben se esta pequena lista terá moito que ver cos gustos do Feal. Unha aclaración: o mundo é moi grande: nesta lista só hai pop de España, o Reino Unido e Estados Unidos, pero estou seguro de que nos estamos perdendo artistas fantásticos doutros países.

A lista non está feita por orde de preferencia:

  • Death warm (Najwajean). Nesta lista de 2008 podemos contar cun ferrolán: Carlos Jean, neste caso en compañía da cantante Najwa Nimri, que canta en inglés. Pasaron polo teatro Jofre en 2008 cun concerto vibrante, aínda que tal vez o recinto non era o máis axeitado para a súa música.
  • Toda la verdad (Iván Ferreiro). E facendo un pouco de patria, tamén podo engadir un vigués á lista. Esta canción de Iván Ferreiro é como un cruce entre a música dos Piratas e a dos Planetas, a esencia do pop español dos 90.
  • Copenhague (Vetusta Morla). Este grupo español merece ser máis popular, aínda que estamos falando do seu primeiro disco. Neste vídeo podedes facer un pouco de turismo por Dinamarca.
  • Lost (Coldplay). O grupo máis escoitado do planeta en 2008, pero non por iso deixan de ter boas cancións.
  • Chasing pavements (Adele). As que triunfaron foron Amy Winehouse e Duffy, pero tamén hai que ter en conta a esta terceira estrela do "retro soul" actual. Esta actuación é de finais de 2007, pero o primeiro disco de Adele foi lanzado en 2008.
  • Geraldine (Glasvegas). Un grupo humilde de Glasgow con melodías cincuenteiras ou sesenteiras. Déronse a coñecer en 2008 cun disco moi apoiado pola prensa musical británica.
  • Human (The Killers). De "Glasvegas" viaxamos a Las Vegas. The Killers teñen no seu haber unha das melodías pop máis infecciosas de 2008. Nesta actuación, a MTV despregou toda a súa artillería audiovisual, pero de vez en cando tamén se agradece un pouco de circo no pop.
  • Time to pretend (MGMT). Para moitos, o primeiro traballo dos estadounidenses MGMT foi o mellor disco pop de 2008, pero podemos comprender por qué non tiveron máis apoio dos medios...

Agora é a vosa quenda: podedes pinchar máis abaixo en "comentarios" e poñer a vosa música favorita de 2008, para que poidamos coñecer un pouco mellor os gustos do Feal.

Músicas na rede

 Paloma García, 09/12/2008

(Dúas recomendacións de zanfona e outra non, para variar)

A quen lle apeteza seguir escoitando música para zanfona:
Moi recomendable o myspace do meu mestre Óscar Fernández. Poderedes comprobar o que se pode chegar a facer con este instrumento. Está en www.myspace.com/oscarfernandez

Para coñecer outro estilo completamente distinto:
A páxina de Germán Díaz, un dos mellores zanfonistas da actualidade. www.germandiaz.net

Germán Díaz

E por se alguén pensa que son pesada coa zanfona, en www.aregueifa.net, pódese descargar de balde todo tipo de música feita agora mesmo en Galicia (pop, rock, hiphop, tecno, etc.). Tamén hai libros, traballos fotográficos, banda deseñada... Votádelle unha ollada, paga a pena.

 

Espero que algo de todo isto vos guste.

Morreu Mama África

Miriam Makeba

Paloma García, 14/11/2008

Así chamaban a Miriam Makeba. Era, é, unha das miñas cantantes favoritas e a verdade é que non sei que dicir...

A foto que baixei foi feita na sede das Nacións Unidas, nos setenta, durante un debate sobre o apartheid1. Anos antes tivo que exiliarse do seu país, por reclamar para a poboación negra os mesmos dereitos que tiñan os brancos. E esa foi a mensaxe das súas cancións durante toda a súa vida: que todos e todas temos que ter os mesmos dereitos. E estivo dicíndoo ata un minuto antes de morrer.

Podedes atopar todo tipo de  información sobre ela, así que non vou dar datos sobre a súa vida, morte ou música. En calquera web ou xornal falarán do seu maior éxito “Pata Pata”. Vale. Pois eu prefiro outra: “A luta continua”. Que ninguén se asuste, Miriam falaba dunha loita elemental, a que pide os mesmos dereitos para brancos e negros, brancas e negras, amarelos, rosas, a raias. Que máis dá?

Abur Miriam.

________________________

1 Sistema social imposto por  gobernos de minoría branca en Sudáfrica durante o século XX. Baixo este sistema os grupos étnicos estaban separados, e á maioría negra  negábanselles numerosos dereitos, como o de votar e o de libre circulación polo territorio.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido