CREACIÓN DE MATERIAIS INCLUSIVOS
Dentro dos programas Inclúe (CPInclúe) para fomentar a inclusión educativa, están a creación de materiais que melloren o éxito escolar de determinado alumnado con necesidades especiais. Nestes casos é máis necesario que en ningún outro, contar coa implicación das familias.
Este material en concreto pertenece á modalidade INCLÚE – T, que promove a eliminación de barreiras derivadas de condicións persoais do alumnado. Porque unha escola inclusiva é aquela que se apoia na convicción de que todo o alumnado pode aprender cando se lle outorgan as oportunidades de aprendizaxe axeitadas e se estimulan as capacidades traballando en colaboración coas familias.
Neste caso, este material creouse para favorecer a aprendizaxe dun alumno autista para responder ás súas necesidades:
- O alumno aprende mellor por vídeos ou outros materiais que pola explicación directa, xa que se distrae no contacto persoa a persoa, e se concentra mellor se non ten que estar pendente da interacción social.
- É un alumno cunha gran memoria, que responde moi ben á introdución de contidos impartidos en cursos anteriores.
- Agradece a repetición de determinados contidos exactamente no mesmo formato de imaxes, audios, música de fondo... Fai que lle resulten familiares e facilita a aprendizaxe e a relación de contidos anteriores cos novos.
- Motívase moito se relacionamos as aprendizaxes con cancións, anuncios e xogos do seu interese, ou con cuestións prácticas da vida diaria. Neste sentido é fundamental o labor da súa nai, que nos transmite os elementos da súa contorna que nos poden resultar útiles para introducirlle as diferentes aprendizaxes (determinadas cancións, xogos, anuncios...), con suxestións sobre o seu uso específico para introducir contidos novos.
Por todo isto, no vídeo que elaboramos, relaciónanse contidos da materia de Tecnoloxía do curso 2023 – 2024 cos contidos impartidos na mesma materia no curso anterior, cos audios específicos dos vídeos que se empregaron; e tamén con contidos dalgunha outra materia (ciencias naturais, xeografía e historia); ou da vida diaria (como colocar unha pila nun aparato, os riscos da electricidade, que facer se salta o diferencial na casa e se vai a luz...).
Estes apuntamentos presentados no vídeo tenos tamén en papel, e complétanse con exercicios relacionados. A repetición da estrutura da clase tamén o axuda dándolle seguridade: visualización do vídeo, realización de exercicios (de forma individual ou cos compañeiros e compañeiras de clase cando é posible), tempo de descanso.