CIENCIA PARA XOVES INVESTIGADORES

Este mércores o alumnado de ciencias de 4º ESO tivo a oportunidade de visitar a Facultade de Ciencias de Lugo co gallo da campaña “Ciencia para xoves investigadores”. 

 

Os nosos alumnos e alumnas, enfundados nas súas batas de laboratorio, cas súas gafas de protección e as súas luvas, puxéronse mans á obra, ou mellor dito, ao laboratorio, levando a cabo dúas prácticas ben interesantes: 

 

(1) Análise do estado de ovos de galiña.

 

Nesta práctica estudaron características como: grao de conservación da cutícula, cantidade de gas contido no ovo, altura da xema, consistencia da clara, entre outras cuestións, que lles permitiu corroborar se o ovo era apto para o consumo ou non.

 

(2) Estudo da anatomía do encéfalo de vaca (Bos taurus) e de lontra (Lutra lutra).

 

Na segunda práctica, o alumnado estudou primeiro o encéfalo de vaca dende un punto de vista macroscópico, diferenciando as súas partes (cerebro, cerebelo e bulbo raquídeo);  e, en segundo lugar, fixo un estudo máis polo miúdo a través da observación ao microscopio óptico de cortes histolóxicos de cerebro de lontra. O alumnado quedou gratamente sorprendido ao atopar neuronas xigantes típicas deste mamífero. 

 

Finalmente, e antes de dar por concluída a nosa visita, o persoal docente universitario amosounos, moi amablemente, o instrumental e os aparellos que empregan nos seus laboratorios cos seus alumnos e alumnas de ciencias. 

 

 

Unha visita enriquecedora para os nosos xoves científicos e científicas.