SAÍDA A MONFORTE DE LEMOS

O día 10 de febreiro, o alumnado de 3º da ESO realizou unha saída para visitar distintos puntos de interese en  Monforte.  Acompañados por dúas profesoras e polo auxiliar de conversa, visitaron en primeiro lugar o Pazo de Tor, onde puideron aprender unha chea de cousas sobre a baixa nobreza galega dos últimos séculos, da man de dous excelentes guías que contestaron a todas as súas preguntas.
O grupo visitou tamén a Torre da Homenaxe de Monforte, tamén acompañado por un guía, onde puideron aprender diferentes aspectos sobre estas construcións defensivas e de prestixio da Idade Media e sobre as guerras Irmandiñas, ademais de apreciar a impresionante paisaxe que se pode contemplar dende o alto da torre.
Baixaron camiñando polo casco vello, cruzando pola xudería, onde a profesora de xeografía e historia lles explicou algunhas nocións sobre o urbanismo medieval.
Despois de comer e descansar brevemente nun parque xunto ao río Cabe, os rapaces e rapazas de 3º da ESO, puideron gozar da visita ao museo do ferrocarril, onde realizaron unha nova visita guiada, na que viron  varios vagóns históricos e se desprazarían nun tren, realizando o cambio de dirección sobre unha plataforma xiratoria.
Esperamos que aprenderan moito e lles quede un bo recordo.