Animación

Conto musicado "A nena e o avó"

O alumnado de educación primaria participa no conto musicado "A nena e o avó" no Conservatorio de Ourense.

O pasado 28 de maio, o alumnado de educación primaria do noso centro tivo a oportunidade de asistir a unha enriquecedora actividade cultural no salón de actos do Conservatorio de Ourense organizada en colaboración co CFR de Ourense. Nesta ocasión, os nenos e nenas participaron no conto musicado "A nena e o avó", de Carmen Calleja, unha obra contada pola propia autora e interpretada maxistralmente polo coro xuvenil Cantiga de Ourense.

A representación, que xa acadara un notable éxito nas xornadas de Ourencanto, volveu deleitar ao público coa súa emotiva combinación de música e narración. "A nena e o avó" é un conto que explora a relación especial entre unha nena e o seu avó, e como a través da música se forxan recordos e ensinanzas que perduran toda a vida.

O coro xuvenil, coñecido polo seu talento e dedicación, logrou unha vez máis entusiasmar á audiencia coa súa interpretación. A música, coidadosamente seleccionada e executada, serviu como un vehículo perfecto para transmitir os sentimentos e as ensinanzas do conto, deixando unha impresión duradeira nos novos espectadores.

Esta actividade non só brindou aos estudantes unha experiencia artística única, senón que tamén fomentou neles o amor pola música e a literatura. A integración destas disciplinas no ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento integral dos nenos e nenas, xa que lles permite explorar novas formas de expresión e comprensión do mundo que os rodea.

O éxito desta xornada reafirma a importancia de seguir promovendo actividades culturais no currículo escolar, e agradecemos ao Conservatorio de Ourense, ao coro xuvenil Cantiga de Ourense e ao CFR de Ourense por facer posible esta marabillosa experiencia.

Sen dúbida, eventos coma este contribúen a enriquecer a formación do noso alumnado, achegándoo ao mundo da arte e a música dun xeito lúdico e educativo.

Día de Rosalía de Castro 2021

Este ano, a celebración do Día de Rosalía, no noso cole, foi un pouco distinta á de anos anteriores por mor do Covid. Por iso, o alumnado estivo estudando, ao longo desta semana, sobre a vida e obra da nosa galega ilustre.

Uns foron detectives, outros buscaron tesouros escondidos e outros intentaron ser millonarios con Rosalía, dende logo todos aprenderon moitísimo da escritora. Para demostrar os seus coñecementos, o último día da semana, celebramos un concurso no que houbo premios.

NORABOA A TODOS!!!

O alumnado de Ed. Infantil traballou o poema de "Adiós ríos, adiós fontes" e decorou unha máscara de Rosalía co poema:

Día da Non Violencia de Xénero

Ao longo da semana do Día contra a Violencia de Xénero traballamos no aula varios recursos educativos que foran compilados polo Equipo de biblioteca do noso centro.

O 25 de novembro, para conmemorar esta data, o alumnado de terceiro de Ed. Primaria agasallounos coa interpretación en lingua de signos a canción de “A porta violeta” de Rozalén.

Escollemos dita canción para traballar esta temática xa que fai unha clara descrición da violencia de xénero aludindo a algunhas das emocións que senten as vítimas como o medo, a tristeza, a culpabilidade, ou a algún dos feitos que forman parte desta violencia como son os berros ou os golpes.

A porta violeta podémola identificar como a loita pola igualdade que vai axudar ás mulleres que son vítimas de violencia a saír desa situación se  abren a porta. O noso alumnado aportou, a través de bolboretas e flores, mensaxes e desexos cheos de esperanza e boas intencións que axudarán ás vítimas a saír desa situación de soidade e desamparo.

Os nenos e nenas de 2º de Ed. Primaria disfrazáronse de superheroes e superheroínas para defender as mulleres e crear así un mundo moito máis xusto.

O alumnado de 4º de Ed. Primaria realizaron na súa aula carteis contra a violencia de xénero para visibilizar este problema.

Na Aula de Inglés traballouse esta temática a partir do visionado do vídeo We are one woman.

SUPERHEROES SAY NO!!

Libros que van e veñen 2020/2021

Na semana das bibliotecas escolares puxemos a funcionar, un ano máis, a actividade de animación á lectura: "Libros que van e veñen". Empregamos as novas bolsas/mochila que nos achegaron desde  a asesoría de bibliotecas da Consellería de Cultura, educación e universidade.

Todos os venres, o equipo de biblioteca prepara as bosas para que os nenos e nenas difruten da lectura en tempo de lecer coas súas familias.

BOA LECTURA PARA TODAS E TODOS!!!

 

Libros que van e veñen 2019/2020

O alumnado de Ed. Infantil continuou levando para as súas casas as bolsas do programa "Libros que van e veñen" todos os venres do curso ata a chegada do estado de alarma.

Como en cursos anteriores, estas permanecen no seu domicilio unha semana, facéndose a renovación dos libros os venres de cada semana. Cada unha delas inclúe un libro en galego ou castelán escollidos polo alumnado e un caderno para que, coa axuda dos seus familiares, debuxen e/ou escriban o que lles "digan" os libros.

Agradecemos ás familias dos máis caivos a súa imlicación nesta actividade destinada a que acompañen aos seus fillos e fillas no proceso lector e lles sirvan de modelo e guía nos momentos de lecer.

No seguinte documento podemos ver algúns exemplos dos seus traballos na casa:

 

 

Mochilas viaxeiras

No curso 2019/2020 estiveron en funcionamento 7 mochilas viaxeiras, e dicir, unha por cada classe do cole.

Como en anos anteriores, as mochilas viaxeiras permiten ao alumnado un préstamo por un período dunha semana, para compartir coas familias o contido da mesma. O  contido do material foi escollido pola persoa titora, supervisado pola biblioteca e procurando que teña a maior variedade de textos e formatos, tanto en galego como castelán, para que o alumando poida elixir.

Todas as mochilas inclúen “O diario da mochila” no que, tanto os nenos/as como as súas familias, aportan a súa opinión, novas creacións, debuxos, suxerencias, …, sobre o contido da mochila o dos libros lidos.

Achegamos unha mostra do traballo realizado polo alumnado nas súas casas.

Para a maioría das familias resulta ser unha actividade moi divertida que axuda a entrelazar lazos entre pais e fillos e enriquécenos a todos. Foi unha mágoa que a partir de mediados do mes de marzo non puideron funcionar.

O marabilloso libro das preguntas

Lorenzo de 1º de Ed. Primaria quere compartir cos lectores da nosa biblioteca este fabuloso libro de preguntas do que el é autor.

Convidámoste a que o abras e nos contes cantas preguntas acertas antes de mirar a resposta... ADIANTE!!

Un libro de cores

 

 

O Libro de cores xa está en marcha

O Libro de cores xa está en marcha...anímate a participar...

Estás a tempo!!

Podes achegar as túas creacións mentres dure o estado de alarma

Xogo: De que libro falamos

Animámosvos a participar, en compañia das vosas familias, na seguinte pescuda que realizaremos ao longo de toda a semana do día do libro, cada día un reto...

Xa podedes comezar o do luns!!!

Distribuir contido