O 8 de maio contamos coa presenza do maxistral contacontos de Chantada, Anxo Moure, que trouxo ao noso centro o espectáculo “O xinete das árbores” co que puxo de manifesto o seu amor e defensa dos bosques galegos.
Anxo transformouse nun home-árbore, un ser humano “boscoso”, un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que este verán asolaron terras da montaña de Ourense, para que as nenas e nenos lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras, para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.
O obxectivo principal era que as nenas e nenos coñeceran o nome das árbores e a súa importancia, a través de contos, lendas, poesías, música e imaxes para sentilas como as súas “irmauciñas” (según contaba o escritor ourensán Otero Pedrayo) emparentándoas coas árbores da sua cidade.
Todo o alumnado participante na actividade quedou con gañas de seguir escoitando as historias deste gran contacontos…
… esperamos que volva pronto a visitarnos!!