3.2.4 Avaliación e cualificación
É fundamental que ao longo do curso se inclúan diferentes formas de avaliación: heteroavaliación por parte do/a titor/a, coavaliación entre iguais e autoavaliación por parte do propio participante. A presenza de rúbricas facilitará en gran medida levar a cabo estes tipos de avaliación.
Tamén é imprescindíbel ter en conta a necesidade de avaliar en diferentes momentos os procesos de aprendizaxe a través de:
- unha avaliación diagnóstica inicial: que permita situar o nivel de partida dos participantes e coñecer as súas especificidades.
- unha avaliación formativa de progreso constante e de acompañamento que se implementará non só a través das tarefas avaliables senón tamén mediante a observación da participación e a colaboración en xeral.
- unha avaliación sumativa e final que se implementará preferentemente a través dun proxecto final e mediante a suma dos resultados parciais dos diferentes módulos.
Avaliación dos desempeños nas tarefas.
A titoría avaliará os desempeños mediante indicadores e determinando se os participantes os acadan ou non. Os criterios de corrección indicarán a puntuación que recibirán os diferentes niveis de logro acadado. A avaliación dos desempeños nas tarefas faise axustándose ao solicitado nas instrucións da tarefa e será imprescindible informar ao participante (feedback) das debilidades que teña a tarefa para emendar o que sexa necesario, mesmo reenviando a tarefa. Os desempeños mobilizan os coñecementos, destrezas e actitudes necesarias para resolver unha tarefa nun contexto determinado. Os desempeños dun curso veñen sendo como as pezas que compoñen un reloxo: ao fabricalo cómpre revisar se cada peza cumpre as especificacións ou características necesarias e se non as cumprise informarase do que deba revisarse ata axustar o suficiente para que ao montar o reloxo... funcione. É, polo tanto, unha avaliación en detalle de aspectos concretos, os desempeños. As tarefas, avaliarémolas, é dicir, revisaremos se cumpren os requisitos ou especificacións que deben cumprir e cualificarémolas, de acordo cos criterios de corrección. Trátase de accións ou aspectos concretos evidenciados no traballo aportado na tarefa; son, polo tanto, datos obxectivos, reais...
Veremos máis abaixo como a cualificación das competencias profesionais aportan outro punto de vista.
Cada módulo debe conter tarefas que avalíen a adquisición dos desempeños practicados nese módulo. É imprescindible que cada tarefa:
- Describa claramente o que se lles solicita aos participantes
- Especifique os indicadores de logro ou condicións que se deben ter presentes para considerar se un participante ten adquirido ou non o desempeño correspondente.
- Especifique criterios de corrección, é dicir, os puntos correspondentes aos diferentes niveis de logro dun desempeño.
As tarefas incluirán no seu enunciado estes datos sobre a avaliación e cualificación:
________________________________________________________________________________________________________
Evidencias da adquisición dos desempeños:
- ...
Indicadores de logro: O teu curso de prácticas debe...
- ...
- ...
Criterios de corrección:
- X puntos se ...
- X puntos se ...
Autoavaliación: Autoavalía esta tarefa aplicando os indicadores de logro anteriores
Se tes algunha dúbida ou consulta sobre como realizar a tarefa formúlaa no Foro de consultas deste tema.
Coavaliación:
- ...
Heteroavaliación:
- ...
Peso na cualificación:
- Peso desta tarefa na cualificación final ........................................ X puntos
- Peso desta tarefa no seu tema ...................................................... X %
________________________________________________________________________________________________________
Non é recomendable utilizar sempre o mesmo instrumento de avaliación: é preciso ofrecer variedade tamén nisto (cuestionarios, diarios, rúbricas, debates, probas obxectivas, talleres, minivídeos...).
Poderanse empregar ferramentas de avaliación como "Probas", "Questionnaire" ou similares, pois facilitan a autoavaliación e, ao mesmo tempo, alixeiran o traballo da titoría. A inclusión de preguntas de autoavaliación relacionadas con cada un dos temas presentados facilita a aprendizaxe, o reforzo por medio da retroacción proporcionada permite ao participante coñecer o seu progreso. En ningún caso se confiará a avaliación dun módulo ou tema unicamente a este tipo de probas.
Evitaranse as escalas de cualificación literais, do tipo Apto / Non apto polo seu carácter simplificador, e recoméndase o uso de guías de corrección con escalas numéricas e cualificación avanzada porque:
- Facilitan a transmisión de instrucións concretas para a realización da tarefa.
- Permiten ponderar doadamente, con pesos diferentes, os diferentes aspectos ou desempeños que poida incluír unha tarefa. A cualificación numérica simplifica a configuración do cualificador ao mesmo tempo que posibilita cálculos máis precisos que as escalas literais.
- Facilitan unificar criterios de corrección no caso de haber varias persoas titoras, ou no caso de ter que revisar cualificacións das tarefas ante, por exemplo, unha reclamación.
- É posible gardar e compartir os comentarios frecuentes para un feedback amplo e detallado das tarefas de xeito cómodo para as titorías, sen ter que escribilos de cada vez ou de gardalos en soportes externos ao curso.
O enunciado das tarefas debe ser claro, detallado e completo para facilitar a autonomía dos participantes e lograr que fagan a tarefa sen ter que facer consultas ou resolver dúbidas. Repara que de non facelo así a titoría terá que responder moitas consultas no foro de consultas.
A escala / puntos da Guía de corrección dunha tarefa na que se avalíen varios desempeños non ten por que coincidir cos puntos ou peso desa tarefa na cualificación total do curso. Cando se asignan puntos aos desempeños é práctico facelo en función dos aspectos que se van a avaliar ponderando como mellor estimes para darlles máis ou menos peso/importancia segundo a súa relevancia, dificultade etc... Por exemplo, se avaliamos dous desempeños podémoslle asignar, por exemplo, 15 e 8 puntos respectivamente. Repara en que eses puntos saen dos aspectos avaliados: o segundo desempeño recibe 8 puntos porque son catro os elementos avaliados e se lles da 2 puntos a cada un deles. Se quixéramos darlle máis peso a ese desempeño, poderíamos darlle 3 ou 4, ou 5... puntos a cada aspecto, co tal tería 12, 16, 20... puntos en total. Non nos debe preocupar o feito de ter unha escala "rara", 0-23 puntos no exemplo (rara porque estamos afeitos á escala 0-10). Se esa tarefa vai pesar 4 puntos na cualificación total do curso, Moodle fai os cálculos necesarios para que quen acade os 23 puntos reciba un 4 e quen reciba 0 puntos nesa tarefa teña 0 puntos nela, calculando todas as puntuacións intermedias. Deste xeito podemos ponderar comodamente o peso que lle queiramos dar a cada desempeño dentro da tarefa, no cualificador ponderaremos o peso que terá esa tarefa dentro do seu módulo, 16 % no exemplo. E tamén podemos ponderar no cualificador o peso de cada módulo no total do curso. Deste sinxelo xeito temos liberdade total para ponderar como queiramos.
Cualificación das subcompetencias
O enfoque pedagóxico e didáctico adoptará as competencias e subcompetencias como referencia permanente e enunciaranse as competencias e subcompetencias que se desenvolven nese curso. O deseño do curso farase a partir desas competencias profesionais docentes formulando os desempeños necesarios para a súa adquisición. A titoría cualificará ao rematar o curso as subcompetencias do curso en cada participante na tarefa: Avaliación das subcompetencias e certificación da formación que está no módulo final. Cada competencia terá un peso do 10 %, 20 % como máximo por este apartado. As tarefas do curso aportarán o 80 % restante.
A cualificación das subcompetencias faise coa escala literal:
- Iniciada. O participante apenas aporta evidencias de ter adquirida a subcompetencia profesional. Executa os desempeños asociados á subcompetencia avaliada con dificultades a pesar das axudas facilitadas ou o fai de xeito incompleto ou con erros. É practicamente imposible que progrese sen unha axuda específica. (4 puntos)
- En proceso. O participante é quen de desenvolver algúns desempeños dos asociados á subcompetencia avaliada aínda que comete erros que tal vez poida corrixir por si mesmo. Executará outros desempeños con axuda externa. (6 puntos)
- Conseguida. En xeral executa os desempeños asociados á subcompetencia sen problema se ben algunha vez comete algún erro que sen dúbida será quen de corrixir por si mesmo. Con axuda externa progresaría máis rápido. (8 puntos)
- Exemplar. Executa todos os desempeños asociados á subcompetencia sen dificultade, mesmo con seguridade, eficacia e prontitude. Será quen de continuar aprendendo por si mesmo pois amosa habilidades para atopar información, titoriais, etc de xeito autónomo. (10 puntos)
A cualificación das subcompetencias non debe mesturarse con outras tarefas. A cualificación das subcompetencias é global e complementaria da avaliación das tarefas do curso. Se estas deben avaliar o nivel de adquisición dos desempeños a cualificación das subcompetencias é un punto de vista global da adquisición desas subcompetencias. Metaforicamente, un punto de vista é analizar as árbores unha por unha con todo detalle (= avaliación dos desempeños nas tarefas) e outro punto de vista é observar e valorar o bosque no seu conxunto (= avaliar competencias). Así, unha vez rematado o curso e baseándonos nos desempeños avaliados poderemos cualificar as competencias. Repárese que estamos a dicir "cualificar" ---e non "avaliar"--- as competencias, pois estas non son observables directamente e polo tanto avaliables. O grado de adquisición de competencias "obsérvase" a través dos desempeños: a única maneira de valorar o nivel de competencia dunha persoa é a través do seu nivel de logro dos desempeños asociados a esa competencia. As competencias son algo abstracto, non observable, mentres que os desempeños son concretos, observables e mesmo medibles. Por isto, a "cualificacións das competencias ven sendo como unha etiqueta que asignamos ao conxunto. Seguindo coa metáfora do reloxo poderíamos dicir "o reloxo é bo, preciso..." Do mesmo xeito, cualificaremos a "competencia profesional" dunha persoa cualificándoa de iniciada, en proceso, conseguida ou excelente... unha valoración global baseada na análise das súas pezas compoñentes, os desempeños.
Por esta razón non deben mesturarse ambas avaliacións. Nos dous casos está a avaliarse o mesmo (a adquisición de desempeños e competencias profesionais, pero desde dous puntos de vista diferentes. A configuración do cualificador é máis sinxela se se avalían as subcompetencias nunha categoría (do cualificador) en solitario, sen mesturalas con outras tarefas (podemos poñelas noutra categoría do cualificador sen necesidade de que aparezan no curso nun módulo específico para elas).
Tampouco debemos cometer o erro de avaliar e cualificar un proxecto final consistente, por exemplo, nun recopilatorio ou similar das tarefas do curso. Non debe puntuar novamente porque xa se puntuaron nas tarefas do curso. Ten sentido volver a cualificar (e darlle peso) ao que xa se cualificou?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0