Micrófonos
Cantos micros diferentes hai?
O micrófono é o compoñente máis básico da cadea de gravación sen o que non poderiamos captar os sons que nos rodean.
Encárgase de transformar a enerxía acústica, as ondas de son, en enerxía eléctrica, permitindo así o rexistro, almacenamento, procesamento e transmisión dos sons.
TIPOS DE MICROS
Os micrófonos pódense clasificar dependendo de:
A.- como transforman o sinal acústico en eléctrico.
1.- Dinámicos: son moi resistentes, ideais para gravar percusión ou amplificadores de guitarra e baixo e para usar en festivais e actos ao aire libre.
2.- De condensador: gravan con moita calidade e utilízanse nos estudios de gravación. Ideais para gravar na aula de música grupos vocais e instrumentais, solistas, así como sons exteriores.Son moi sensibles, polo que debemos tratalos con moito coidado.
3.-Piezoeléctricos: colócanse en contacto directo co instrumento/fonte de son e recollen directamente as súas vibracións, por iso tamén se chaman micros de contacto.
B.- a dirección na que apuntan e captan o son (directividade)
1.- Omnidireccional: recibe coa mesma sensibilidade calquera son independentemente do punto de onde proceda o mesmo, sen ter en conta o seu punto de orixe.
2.- Unidireccional: maior sensibilidade aos sons que veñen de frente.
3.- Bidireccional ( forma de 8): recollen sons dende dúas direccións opostas. Isto permite colocar a dous locutores fronte a fronte, ou a dous actores de dobraxe para que graven cara a cara durante unha escena.
Os micrófonos dinámicos son todos unidireccionais, pero os micrófonos de condensador poden ter diferentes direccións para recoller o son.
É importantísimo coñecer os patróns de directividade dos nosos micrófonos para colocalos correctamente nas gravacións.
Agora tócanos investigar na nosa aula de música... Con qué tipo de micrófonos contamos?
PARA QUE SERVEN...
1.- Estas monturas elásticas que rodean ós micros?
2.- E este aro situado próximo ao micro?
SABÍAS QUE...
Ter dous oídos permítenos escoitar en tres dimensións?
Sen os nosos dous oídos sería imposible adiviñar, por exemplo, por que lado se achega un coche e a que distancia está.
Non situariamos no espazo nin as voces nin as persoas que as emiten. Precisamente, para imitar a forma en que os oídos
escoitan, inventouse o son estéreo. Estéreo é a forma abreviada de dicir estereofónico.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0