relixión

PALABRAS E EXPRESIÓNS DERIVADAS DA RELIXIÓN GRECORROMANA

“FANÁTICO”

GALEGO: “fanático”.

SIGNIFICADO ACTUAL: orixinariamente significou “pertencente ao templo”, “servidores do templo”, para logo chegar ao significado actual de “entusiasta”, “excitado”, “extremista” ou “frenético”.

ORIXE: este adxectivo procede da palabra latina fanum “templo”. Foi usada para facer referencia aos sacerdotes de Cibeles ou doutras deusas, que se consagraban a manifestacións relixiosas nas que incluso podían chegar a cortarse a si mesmos.

 

“OVACIÓN”

GALEGO: “ovación”.

SIGNIFICADO ACTUAL: entusiasta e prolongada aprobación e mostra de aprecio que é brindada a alguén a través dun aplauso.

ORIXE: os xenerais romanos vitoriosos eran recibidos cun desfile e coa inmolación dunha ovella ou dun touro dependendo da importancia da vitoria. A cerimonia na que se sacrificaba unha ovella recibía o nome de ovatio, termo que procedía de ovis “ovella”. A ovación era inferior a un triunfo e era conferida aos que acadaran vitorias menores.

 

 

Un sacrificio na antiga Roma.

 “HECATOMBE”

GALEGO: “hecatombe”.

SIGNIFICADO ACTUAL: masacre, desastre ou mortandade masiva de persoas.

ORIXE: na antiga Grecia foi un sacrificio aos deuses que consistía orixinariamente nunha grande matanza de cen bois. De feito, literalmente ten o significado de “sacrificio de cen bois” e está asociado ás Panateneas, un importante festival relixioso dedicado a Atenea que tiña lugar cada catro anos en Atenas dende o 566 a. C.

 

 

Bois levados ao sacrificio, friso sur do Partenón.

“HOLOCAUSTO”

GALEGO: “holocausto”.

SIGNIFICADO ACTUAL: durante anos esta palabra foi usada na nosa lingua para denotar grandes masacres e, dende o ano 1960, este termo pasou a ser usado para referirse ao xenocidio nazi dos xudeus.

ORIXE: esta palabra deriva do antigo grego holocaustos, de ὅλος “todo” e καυστός “queimado”, un dos máis importantes sacrificios relixiosos de animais do mundo antigo que consistía en consumir ou destruír totalmente a vítima no lume e que se opoñía ao termo clásico thyesthai, un tipo de ofrenda ritual na que o principal obxectivo era compartir a comida coa divindade sendo coñecida como sacrificio comensal.

 

Preparación dun sacrificio. Mármore, fragmento dun relevo arquitéctonico, primeiro cuarto do século II a. C., Roma, Italia.

 

 “SIBILINO”

GALEGO: “sibilino”.

SIGNIFICADO ACTUAL: o adxectivo sibilino significa “misterioso”, “críptico”, “escuro” ou “algo que ten un significado oculto ou secreto”.

ORIXE: esta palabra ten a súa orixe (vía latín) na palabra grega sibylla que ten o significado de “profetisa”. Nos antigos tempos dos romanos e dos gregos, unha sibila era a muller profeta que entregaba escuras profecías vaticinando o futuro. Unha das máis famosas era a Sibila de Cumas, a profetisa que presidía o oráculo de Apolo en Cumas, unha colonia grega cercana a Nápoles, Italia. A importancia da Sibila de Cumas móstrase no canto VI da Eneida de Virxilio, onde guía a Eneas a través do Inframundo (Hades).

 

 

Sibila de Cumas. Michelangelo Buonarroti (1475-1564).