Títulos extinguidos LOXSE. Convocatoria 2021-2022

Resolución do 29 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan probas libres de títulos extinguidos dos establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Obxecto

Regular e convocar probas libres para a obtención dos títulos de formación profesional, establecidos ao abeiro de Lei orgánica 1/1990 (LOXSE), do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e actualmente extinguidos debido á entrada en vigor e á implantación dos novos títulos de formación profesional establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, da educación (LOE).

Estas probas van dirixidas ao alumnado que cursou os devanditos títulos na Comunidade Autónoma de Galicia, e que neste momento deixaron de impartirse debido á implantación dos novos títulos LOE, co obxecto de posibilitar que estas persoas poidan acabar os seus estudos e obter a titulación.

O obxecto da avaliación son todos os módulos dos ciclos formativos extinguidos e que se relacionan no anexo da orde de convocatoria, agás o módulo de FCT. O alumnado disporá de dúas convocatorias, que terán lugar no curso académico seguinte ao da extinción definitiva da docencia do ciclo formativo.

Logo de rematadas as dúas convocatorias, o alumnado que aínda teña módulos pendentes e desexe finalizar os seus estudos poderá matricularse nas ensinanzas do título equivalente. Para isto aplicarase o réxime de validacións de módulos regulados no real decreto 1085/2020, de 9 de decembro polo que se establecen as validacións de módulos profesionais dos títulos de formación prfesional e de aqueles reais decretos dos títulos de Formación Profesional do título correspondente, publicados con posterioridade ao 5 de marzo de 2017.

A listaxe de ciclos obxecto desta convocatoria está dispoñible no anexo da resolución.

- Anexo da resolución de convocatoria: relación de ciclos formativos e centros públicos

Requisitos das persoas solicitantes

Para accederen ás probas libres reguladas nesta convocatoria correspondentes a un título de técnico ou técnico superior extinguido, os candidatos ou as candidatas deberán:

  • Cumprir os requisitos académicos de acceso aos ciclos formativos correspondentes, establecidos na LOE.
  • Ter cursado un ciclo formativo da LOXSE, actualmente extinguido, nalgún centro educativo de Galicia.
  • Non estar matriculado no curso académico de realización no título equivalente establecido segundo a LOE.
  • Durante o período de vixencia da matrícula, non se poderá estar matriculado simultaneamente nun mesmo módulo profesional nas modalidades a distancia, semipresencial ou presencial, así como nas probas para a obtención deste.

Documentación para presentar

  • Solicitude de inscrición. Esta inscripción será considerada como matrícula.
  • Documentación acreditativa que corresponda en cada caso, e que se relaciona na solicitude de inscrición.
  • No caso de solicitar a validación dalgún módulo profesional cuxa resolución é competencia da persoa titular da dirección do centro educativo, deberá presentarse a solicitude de validación de módulos (anexo XIV da Orde do 12 de xullo de 2011) e a documentación acreditativa perante a dirección do centro educativo.

Prazos e lugares de presentación da documentación

As solicitudes de inscrición para participar nestas probas libres presentaranse xunto coa documentación acreditativa requirida, nas secretarías dos centros públicos que ofreceran as correspondentes ensinanzas no momento da súa extinción, de acordo co seguinte:

  • As persoas aspirantes que cursaran o ciclo formativo nun centro público han presentar necesariamente a solicitude no mesmo centro en que estiveran  matriculadas por última vez.
  • O alumnado que cursara o ciclo formativo nun centro público que xa non impartiu estas ensinanzas no curso de extinción da docencia presentará a súa  solicitude en calquera dos centros educativos referidos no anexo.
  • No caso de alumnado procedente de centros privados, deberase presentar a solicitude nalgún dos centros públicos aos que se fai referencia anteriormente.

Establécense dous prazos de presentación de solicitudes, en función das convocatorias previstas:

  • Para a primeira convocatoria: do 15 ao 30 de xullo de 2021.
  • Para a segunda convocatoria: do 3 ao 13 de maio de 2022.

Os centros farán pública no taboleiro de anuncios a relación provisional de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización do prazo correspondente. Poderase presentar reclamación no prazo máximo de tres días hábiles.

Os centros educativos sede destas probas farán pública no taboleiro de anuncios a listaxe definitiva de persoas admitidas no prazo máximo de dous días hábiles desde a finalización da presentación de reclamacións.

Solicitude de inscrición

- Solicitude de inscrición nas probas libres de grao medio e superior (Solicitude)

Etiquetas: 
Tema: