Saídas académicas

Formación profesional básica

Ao finalizar un ciclo de formación profesional básica pódese acceder directamente aos ciclos formativos de grao medio (o perfil de cada título indica os ciclos de grao medio con preferencia de acceso).

Os alumnos e as alumnas que obteñan un título de formación profesional básica poderán obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, sempre que na avaliación final do ciclo formativo o equipo docente considere que teñen acadados os obxectivos da educación secundaria obrigatoria e adquiridas as competencias correspondentes.

Ciclos formativos de grao medio

Ao finalizar un ciclo formativo de grao medio pódese acceder directamente a calquera ciclo de grao medio ou de grao superior. Tamén é posible obter o título de bacharelato matriculándose e superando unicamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida, e a materia de Lingua Galega e Literatura.

Ciclos formativos de grao superior

No caso de ter finalizado un ciclo formativo de grao superior poderase:

  • Acceder a calquera ciclo de grao medio ou de grao superior
  • Obter o título de bacharelato matriculándose e superando unicamente as materias xerais do bloque de materias troncais da modalidade de bacharelato elixida, e a materia de Lingua Galega e Literatura
  • Acceder a calquera ensinanza universitaria de grao, de modo directo, sen necesidade de proba. Se o título universitario tivese limitación de prazas o acceso farase tendo en conta a nota media do ciclo formativo

Máis información sobre o acceso á universidade desde a formación profesional

No caso de acceder ás ensinanzas universitarias desde un ciclo formativo de grao superior é posible ter o recoñecemento de créditos universitarios.

Máis información sobre o recoñecemento de créditos universitarios

Tema: