Materiais didácticos
Nota importante
Os materiais que se relacionan a continuación foron elaborados para a preparación de convocatorias anteriores ao ano 2009, cando a estrutura e regulación da proba eran algo diferentes ás da convocatoria actual.
Daquela estes materiais non se corresponden completamente coa convocatoria en curso, aínda que seguen a ser útiles para a preparación das probas de acceso actuais.
Preséntanse, nesta páxina, materiais didácticos para facilitar a preparación das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.
Os materiais constan dunha programación para a parte científico-tecnolóxica da proba e doutras tres programacións para as materias que compoñen a parte sociocultural da proba (Xeografía, historia e ciencias sociais, Lingua galega e literatura, e Lingua castelá e literatura).
As programacións compóñense de unidades didácticas estruturadas en actividades que, á sua vez, se compoñen de tarefas. As programacións da parte sociocultural están axustadas para un total de 51 horas por materia, mentres que a programación da parte científico-tecnolóxica ten unha duración aproximada de 102 horas.
Cada programación consta dun documento para a programación e dunha serie de documentos, un por actividade, que conteñen unha descrición dos obxectivos e contidos de cada actividade, un apartado de introdución (equivalente á presentación do tema ao alumnado) e un conxunto de tarefas (os exercicios que debe realizar o alumnado).
Os materiais están deseñados para que o profesorado os empregue como punto de partida para proporcionar ao alumnado pequenas presentacións de temas derivados dos criterios de avaliación de cada unha das materias. Estas explicacións están redactadas como material que o alumnado debe ler (a introdución) antes de realizar as tarefas. Logo de que o alumnado coñeza a estrutura dos materiais, a partir do traballo presencial, será doado que realice as tarefas (as que se achegan ou outras elaboradas polo profesorado) no seu propio domicilio. Os materiais proporciónanse en formato DOC (Word) para facilitar a modificación das actividades e das tarefas de acordo coas necesidades do grupo particular de alumnos e alumnas que os vaian empregar para preparar as probas.
Prema nas seguintes ligazóns para acceder aos materiais (ficheiros en formato ZIP. Debe descomprimilos nun directorio):
- Materiais da parte científico-tecnolóxica
- Materiais da parte sociocultural.
Finalmente, os documentos en formato DOC dos materiais poden perder parcialmente o formato cando se abren en Office Word. Debe coñecer o funcionamento dos índices e dos patróns de Word para resolver estes pequenos problemas informáticos.
Para calquera problema deste tipo ou para expresar suxestións ou propostas de mellora sobre os materiais, podes dirixirte a: probas.ciclos@edu.xunta.es.