Formación profesional dual intensiva en Galicia
A formación profesional do sistema educativo abrangue o conxunto de accións formativas estreitamente relacionadas coas ocupacións, as profesións e o mercado de traballo. Na actualidade, debido á súa ampla oferta, ao seu carácter modular e ás facilidades para a súa realización, preséntase como unha opción moi atractiva cunha alta porcentaxe de inserción laboral.
Que é a FP dual intensiva?
A formación profesional intensiva correspóndese co réxime de formación profesional que se realiza alternando a formación no centro de formación profesional ou na empresa u organismo equiparado coa actividade produtiva.
A FP dual intensiva integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: formación curricular, formación na empresa e formación complementaria (específica para os procesos produtivos da empresa), combinando a asistencia do alumnado ao centro educativo coa formación na empresa.
Os centros e as empresas comparten as responsabilidades formativas para que as ensinanzas profesionais se adecúen ás necesidades do mercado laboral.
Cales son os requisitos e prazos para acceder á FP dual intensiva?
Ter dezaoito anos ou facelos no ano natural no que comece o ciclo formativo.
O alumnado que teña dezaseis anos no momento de incorporación á empresa e que cumpra os requisitos de acceso, poderase matricular nos proxectos de formación profesional dual intensiva nos que, logo de rematado o período ordinario de matriculación no proceso de admisión a estas ensinanzas, queden prazas vacantes e, por tanto, non exista listaxe de espera.
Cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos.
Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
So para aqueles programas formativos nos que o alumnado estea vinculado mediante contrato, non ter realizado con anterioridade un contrato de formación en alternancia regulado no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, e cumprir os requisitos na normativa laboral vixente para poder formalizalo.
Con carácter xeral, o proceso de admisión realízase no mes de xuño de cada ano. Adicionalmente, en ocasións, pódese realizar a solicitude de matrícula noutros momentos do ano.
Cal é a duración das ensinanzas de dual intensiva?
A definida no plan formativo do proxecto acordada entre o centro educativo e a empresa.
Cantas horas de formación se realizan na empresa ou organismo equiparado?
As establecidas no programa formativo, tendo en conta que dentro da planificación da estancia na empresa, se realizará formación curricular, complementaria e actividade produtiva.
Cal é o vínculo do alumnado de FP dual intensiva coa empresa ou organismo equiparado?
O alumnado pode ter a condición de bolseiro ou ser contratado pola empresa mediante un contrato de formación en alternancia. En calquera caso, o alumnado debe ser incorporado ao réxime xeral da Seguridade Social.
Percibe o alumnado de FP dual intensiva algún tipo de compensación?
O alumnado percibe unha compensación proporcional ao tempo de permanencia na empresa que non foi destinado á formación. Para o seu cálculo, utilizarase a contía establecida no convenio colectivo ou, de non existir, a contía do salario mínimo interprofesional.
Que vantaxes teño ao estudar un ciclo formativo na modalidade dual intensiva?
Recibirás unha compensación económica desde o inicio do teu período de permanencia na empresa. Esta remuneración pode ir aumentando cada ano á medida que aumenta a túa competencia profesional.
Terás maior facilidade para a túa inserción no mercado laboral mediante a adquisición dunha titulación ou certificación de formación profesional de xeito simultáneo á túa integración nos procesos produtivos da empresa.