Rematamos o curso cunha moi boa nova: o IES Xoán Montes estará no próximo curso no programa Erasmus+!
O proxecto presentado, resultado dun intenso traballo dun amplo número de profesorado, acadou unha elevada puntuación (91/100) e resultou un dos 17 seleccionados de toda Galicia na modalidade de curta duración para a mobilidade de alumnado e persoal de Educación Escolar (KA122-SCH).
Baixo o título "Abrindo mentes para non deixar a ninguén atrás", buscarase desenvolver tres obxectivos: consolidar a internacionalización do centro, a mellora da competencia lingüística e o uso de metodoloxías inclusivas e mellora da atención á diversidade. Para conseguilo, contaremos cun orzamento que permitirá realizar distintas actividades entre as que destacan: mobilidade de alumnado de curta e longa duración, acollida de alumnado estranxeiro, mobilidade de profesorado para observación, cursos de formación de profesorado e acollida dun profesor de idiomas.
Co comezo do próximo curso faremos unha reunión informativa para as familias para explicar todos os aspectos referidos a este proxecto Erasmus+.