Skip to Content

O edificio de Eloy Maquieira

Entrevista ficcionada realizada a Eloy Maquieira interpretado polo profesor de Tecnoloxía Gerardo Mulet. 

As orixes

O edificio do I.E.S. Xoán Montes naceu do maxín dun arquitecto novo, Eloy Maquieira Fernández, que chegara a Lugo despois de licenciarse na Escola de Arquitectura de Madrid, o ano 1928, e despois de percorrer Europa e coñecer as obras de Le Corbusier, Walter Gropius, a escola A Bauhaus e outros edificios do novo estilo coñecido como Estilo Internacional e, máis tarde, como o Movemento Moderno.

 O proxecto orixinal está (como tantos outros expoliados durante anos dos arquivos da cidade, cando non roubados directamente polos que tiñan a obriga da súa custodia) no Archivo General de la Administración, de Alcalá de Henares ( Sección E.C., caja 4834, sig: Admon. Ctral. 13186-5). 

O edificio foi proxectado como Escuela Elemental del Trabajo e reunía na súa concepción e deseño as inquedanzas da “primeira modernidade en Galicia”, como a definiu Fernando Agrasar Quiroga no seu libro Vanguardia y Tradición, onde recolle a arquitectura galega da época e da que Eloy Maquieira e o edificio do Xoán Montes son exemplos destacados. Un edificio do máis puro estilo racionalista, con forma de triángulo isóscele. Unha solución brillante nun solar infame (un triángulo residual pegado á Muralla) do que Eloy saca un gran partido e plasma con mestría o diálogo sereno entre o antigo e o novo. O edificio non supera a altura da Muralla e redondea as esquinas para suavizar o impacto visual dos ángulos agudos.

 

Na memoria do proxecto, redactado no ano 1934, o arquitecto di:

“Las diferentes cubiertas del edificio han sido estudiadas a base de terrazas, recuperándose así la superficie del solar ocupado; estas terrazas llevarán una capa de tierra de 0,25 de espesor que asegurará una temperatura regular en las plantas inmediatamente inferiores a ellas, y que podrán ser utilizadas para alguna de las enseñanzas agrícolas”. Todo un exemplo de modernidade conceptual e construtiva que, aínda hoxe, son expoñentes destacados da arquitectura bioclimática e dun urbanismo sostible.

 O proxecto foi redactado en plena República, onde as ideas innovadoras e a modernidade tiñan bo asento. Nada que ver co que acontecería uns poucos anos despois coa lousa da ditadura franquista que botou ao lixo todo o que soara a europeo, a moderno ou a innovador. O edificio do Xoán Montes é un bo exemplo.

Na fotografía da maqueta orixinal do edificio, hoxe desaparecida, podemos ollar o concepto horizontal dos volumes, e as cubertas planas (e, por suposto, na fachada ondea a bandeira tricolor da República). Na outra foto pódese ver o edificio a medio construír, en formigón armado, unha novidade e un alarde para a época.

 As obras do edificio iniciáronse no 1934 e foron interrompidas en xullo de 1936, por mor do levantamento contra a República e o inicio da Guerra Civil. Despois da guerra, xa coa ditadura instaurada retómanse as obras no 1942 pero, as penurias económicas e os novos modos máis conservadores (e reaccionarios) fixeron que o edificio fose rematado dun xeito máis tradicional.

maqueta

Maqueta do edificio

 O que puido ser e non foi

Como xa quedou dito, o edificio foi proxectado seguindo os postulados das vangardas europeas da arquitectura moderna e con uns conceptos moi avanzados no tratamento dos espazos.

Aparte da nova concepción das cubertas planas axardinadas, o edificio contaba con unha piscina interior, nun espazo de tres alturas e con trampolíns en cada unha delas. Esta piscina estaba no espazo que despois ocupou o salón de actos e sala de cine. Nunca chegou a rematarse e o vaso de formigón atópase soterrado baixo os actuais vestiarios do soto.

As cubertas axardinadas foron eliminadas, cando se retomaron as obras e, no seu lugar, construíronse cubertas de lousa sobre unha estrutura de cerchas de madeira, á maneira tradicional.

 

Nos planos achegados podemos ver o alzado frontal á rúa Montevideo (sen as cubertas actuais), unha sección e unha axonometría onde podemos apreciar o volume orixinal do edificio sen as cubertas tradicionais engadidas posteriormente. 

 

As reformas

Aparte das reformas substanciais no edificio orixinal, rematado a mediados dos anos 40 do pasado século (cubertas, piscina), foi obxecto de outras ao longo da súa historia; non tan profundas como as anteriores pero que foron variando o seu aspecto, a súa distribución e as súas instalacións para adaptalas aos novos tempos.

O edificio foi usado como Escuela de Maestría Industrial, con talleres no soto e, segundo algúns lembran, os tornos para o traballo do metal directamente sobre o chan de terra.

 

En esta imaxe de 1970 do catastro de urbana podemos ver o aspecto do edificio nesa época, coas fiestras de carpintería de madeira que, máis tarde, serían substituídas polas actuais.

 

No ano 1972 inaugúrase o Instituto Mixto de Bachillerato e, de novo, é obxecto de remodelacións para crear as aulas, despachos dos departamentos, laboratorios e demais espazos específicos e adaptados as esixencias dun instituto, diferentes das dun centro de formación profesional. O proxecto, e a dirección das obras, de adaptación do edificio para Instituto Mixto de Enseñanza Media foi a cargo do arquitecto José Álvarez-Ude de La Torre.

 

No ano 1989 é obxecto de outra reforma importante que renovou a urbanización exterior, as escaleiras da entrada principal e toda a carpintería das fachadas, quedando co aspecto actual. O arquitecto autor do proxecto foi Eduardo Herraez Fernández

No ano 1998 fíxose outra remodelación, a cargo do arquitecto Santiago Catalán Tobía que, respectando o exterior, remodelou a distribución, saneou integralmente o soto e gran parte das instalacións. É nesta remodelación cando se crea a rampla exterior para permitir o acceso en cadeira de rodas, en cumprimento das normas de accesibilidade vixentes. O mesmo arquitecto proxecta e dirixe as obras de renovación das cubertas do edificio, deixándoo, agora si, no aspecto que ten hoxe en día

Arte no Xoán Montes

 

Segundo algúns, entre os que me atopo, consideran que o propio edificio é unha obra darte, pero tamén alberga outra, como a escultura, que todos coñecemos coma “o paxaro” e que colga do teito na planta baixa.

paxaro

Paxaro de Paco Pestana. Fotografía de Senén Olano

 

Tamén foi plasmado nos debuxos de Santiago catalán, que ilustran un artigo sobre o edificio no seu libro arquitecturas debuxadas. LUGO

 

Quede constancia do meu agradecemento a Fernando Agrasar Quiroga, colega arquitecto e autor do libro VANGUARDIA Y TRADICIÓN, La arquitectura de la primera modernidad en Galicia, do que saquei moitos dos datos do artigo e os planos do proxecto orixinal reconstruídos polo autor.

 

O mesmo agradecemento a Santiago Catalán Tobía, arquitecto autor da última remodelación do edificio e autor do libro arquitecturas debuxadas. LUGO algúns de cuxos magníficos debuxos ilustran este artigo.

 

Asdo.- Senén Olano

 



page | by Dr. Radut