Skip to Content

discapacidade

Escribiron a discapacidade

Polas xeografías da discapacidade

Aproveitamos este 3 de decembro para reflexionar, concienciármonos e experimentarmos en propia carne o calvario que moitas veces aturan as persoas con algún tipo de discapacidade:

  • teñen as instalacións do noso centro un óptimo grao de accesibilidade?
  • dispomos dos recursos axeitados?
  • satisfacemos de xeito pleno as demandas dos membros da comunidade educativa que, de xeito permanente ou puntual, viven situacións de discapacidade?,
  • como actuamos para ser un instituto e unha biblioteca inclusiva?,
  • somos quen de interpretar mensaxes pictográficas como estas?:

Ao longo da mañá, distintos grupos tentaron desentrañar eses pictogramas e cumprir as tarefas que se pedían en cada un deles, outros tentaron orientarse e cumprir misións a cegas ou deambular en cadeira de rodas e non faltaron os que follearon fondos da biblioteca ou leron textos relacionados co tema.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras velaí un mínimo resumo en vídeo do vivido nesta xornada:

 

Moitas grazas a tod@s @s participantes nesta xornada desexando que tamén en todas as xornadas do ano tod@s sigamos acubillados baixo o mesmo paraugas.

Persoas literarias con Discapacidade

Aproveitando a celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade presentamos aos protagonistas de dúas novelas, cuxa lectura resulta moi oportuna para esta xornada.

Mark Haddon fai protagonista de O curioso incidente do can á media noite (Rinoceronte Editora, 2008, 284 pp.) a Christopher Boone, un mozo de 15 anos que vai a unha escola para estudantes con necesidades especiais porque ten a síndrome de Asperger. Adora as matemáticas, posúe unha memoria fotográfica, é extremadamente observador e incapaz de mentir. Con todo ten dificultades para entender o comportamento humano, as expresións e as relacións. Christopher diferénciase dos demais debido á súa percepción da vida. É incapaz de recoñecer e comprender as expresións faciais, agás as de felicidade e tristura porque llas explicaron, e ten dificultades para entender as metáforas e os chistes. Gústanlle as informacións concretas, as listas e os feitos, ten medo dos estraños e dos lugares descoñecidos, e o seu soño favorito é aquel no que toda a xente "normal" (os que non son como el) está morta e el ten liberdade de ser como é sen  que o molesten. Ademais disto, é moi sensible aos estímulos. Por esta razón berra e reacciona con violencia cando a xente o toca. Tamén ten moitas teimas: non come dous tipos diferentes de alimentos se están no mesmo prato ou odia as cores amarela e marrón chegando a usar colorantes vermellos nas súas comidas.

Flores para Algernon (Alamud Ediciones, 2019, 264 pp.) de Daniel Keyes, escrita como un diario persoal, conta a historia de Charlie Gordon, un home de 37 anos que sofre atraso mental cun coeficiente intelectual de 68. Por iso é elixido para probar un tratamento que podería mellorar a súa intelixencia. Os seus progresos son comparados cos do rato Algernon, do que o noso protagonista se fai amigo e acaba adoptándoo como mascota. Charlie cóntanos, a través dos seus informes de progresos, os seus avances e sentimentos. Ao principio Charlie desespérase pensando que é máis parvo que o rato e  cando ve no rato a regresión que máis tarde vai sufrir el mesmo, desespérase. Ao final do libro pide que lle leven flores a Algernon, frase que dá título ao libro.

Distribuir contido


by Dr. Radut