Skip to Content

#DÍA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O "San Paio" en alerta morada pola violencia machista!

    Neste inusual 25 N, a pesar dos protocolos anticovid, fomos quen de realizar diversas actividades para non esquecer a outra pandemia que ataca, sen tregua, a metade feminina da poboación mundial.
   En distintos lugares do centro apareceron tendais de camisetas, con mensaxes contra a violencia machista, elaboradas nos últimos días nas distintas titorías.

 

    Varios grupos de alumnos asistiron na biblioteca a proxección de vídeos sobre micro e macromachismos que deron pé a comentarios e animadas postas en común.

 

    O xa habitual acto conxunto en lembranza das vítimas, foi substituído por un percorrido polas distintas aulas a cargo dun grupo de alumnado pertencente aos club de lectura e oralidade “Conto contigo” e ao voluntariado de biblioteca: estes doce embaixadores prestaron a súa voz o breve manifesto "Sácate a máscara, sácalle a máscara!":

    “Non somos negacionistas, mais na pandemia da violencia machista cómpre desenmascararnos.
    Cómpre desfacernos das máscaras propias que enchen de bafo os nosos ollos fronte a comportamentos que rematan na labazada, no menosprezo... e, en moitas ocasións, no asasinato da muller.
    Cómpre tamén arrincar as máscaras dos consentidores, dos malfeitores, dos asasinos para descubrir a súa  verdadeira faciana. Non permitamos que pasen por mansos e pacíficos años os que, en verdade, son sanguentos e voraces lobos!
    Cando rematará a  pandemia da violencia contra as mulleres?
    Para cando a vacina que nos inmunice do machismo asasino?


manifesto que foi acompañado da recitación de poemas pertencentes a Xhevdet Bajraj, Rocio Cáceres, Julio Collado, Paulo J. Costa, Elena Díaz Santana, Enrique García Trinidad, Dyonisia Karpouzis, Manuel Osuna, Carmen de Silva, Hiroski Tomita, Concha Vilches ou Helena Villar Janeiro.

 

 

    Grazas a todos e que o vivido nesta xornada sirva para que o resto das xornadas do ano respectemos e fagamos respectar á metade feminina da humanidade!

Un libro e un poema para o 25 N

Un libro:

SIERRA I FABRA, Jordi, Desnuda, S.M., 2014, 152 pp.

Sierra i  Fabra  decidiu escribir Desnuda  tras ler no xornal o asasinato dunha moza de catorce anos a mans da súa parella de dezaoito.
Nesta novela máis que a forma o fundamental é o contido: amor e medo nunca forman unha boa parella. Esta é a historia de Marga e Ramiro, unha historia de maltrato na adolescencia. Ramiro quere controlar todo o referido a súa moza: onde está en todo tempo, con quen fala; e xustifica esta actitude como unha proba de amor.  Marga acaba descubrindo o que está a sufrir.

Unha lectura dura moi acaída para este día no que lembramos a todas as vítimas cuxa vida real agocha todo tipo de ultraxes que, con demasiada frecuencia, rematan na propia eliminación física.

 

Un poema:

O home conquistou nacións enteiras:

Ítacas

que as mulleres urdimos

ao articular

os nosos corpos,

agora monicreques.

O home virou,

á forza,

o sentido da arañeira.

A nós, xinetes da patria tear,

axeonlláronnos,

anoáronnos mans e pés

e preñáronnos

cos ovos

da traizón troiana.

Xamais os criaremos.

O home conquistou nacións enteiras;

pero os seus exércitos non puideron conquistar un gran de amor.

Un gran-de amor.

FERNÁNDEZ RIAL, Rosalía, Árbores no deserto, Galaxia (Dombate), Vigo, 2020, páx. 59

Para concienciarmos contra o machismo

A xeografía do machismo asasino

A máis da actual pandemia global do COVID-19, hai outra pandemia -non menos destrutora e tamén global- que se ceba nos millóns de mulleres que en todo o mundo son atacadas polo virus do machismo: mulleres feridas, ultraxadas, violadas e mortas.

Tamén na pel de touro peninsular e nos seus arquipélagos. No decurso deste 2020 contabilizamos en España máis do corenta mortes froito desta vesania machista que non respecta fronteiras.

Preme nos enclaves sinalados no mapa e poderás facer un lutuoso percorrido polas xeografías das últimas vítimas mortais desta pandemia.

Para cando a vacina que inmunice do machismo asasino?

25 novembro: Día internacional contra a Violencia contra a Muller


CONCURSO 25nov : #TROLEANDOAOMACHISMO

PARA AS TITORÍAS

PARA TODAS AS CLASES

PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA 

Distribuir contido


by Dr. Radut