Skip to Content

Un libro e un poema para o 25 N

Un libro:

SIERRA I FABRA, Jordi, Desnuda, S.M., 2014, 152 pp.

Sierra i  Fabra  decidiu escribir Desnuda  tras ler no xornal o asasinato dunha moza de catorce anos a mans da súa parella de dezaoito.
Nesta novela máis que a forma o fundamental é o contido: amor e medo nunca forman unha boa parella. Esta é a historia de Marga e Ramiro, unha historia de maltrato na adolescencia. Ramiro quere controlar todo o referido a súa moza: onde está en todo tempo, con quen fala; e xustifica esta actitude como unha proba de amor.  Marga acaba descubrindo o que está a sufrir.

Unha lectura dura moi acaída para este día no que lembramos a todas as vítimas cuxa vida real agocha todo tipo de ultraxes que, con demasiada frecuencia, rematan na propia eliminación física.

 

Un poema:

O home conquistou nacións enteiras:

Ítacas

que as mulleres urdimos

ao articular

os nosos corpos,

agora monicreques.

O home virou,

á forza,

o sentido da arañeira.

A nós, xinetes da patria tear,

axeonlláronnos,

anoáronnos mans e pés

e preñáronnos

cos ovos

da traizón troiana.

Xamais os criaremos.

O home conquistou nacións enteiras;

pero os seus exércitos non puideron conquistar un gran de amor.

Un gran-de amor.

FERNÁNDEZ RIAL, Rosalía, Árbores no deserto, Galaxia (Dombate), Vigo, 2020, páx. 59



page | by Dr. Radut