MALALA OU A IMPORTANCIA DA EDUCACIÓN
Malala Yousafzai, nada o 12 de xullo de 1997 en Paquistán, é unha activista a prol da educación feminina e os dereitos das mulleres no seu país e a persoa máis nova en recibir un Premio Nobel en calquera categoría.
Filla dun poeta dono dunha rede de escolas na súa rexión, ao noroeste de Paquistán, Malala foi educada polo seu pai desde pequena, nun país no que a influencia dos talibáns medrou ao mesmo tempo que ela.
Cando contaba once anos de idade, a vida de Malala, a súa familia e os seus veciños transcorría baixo a prohibición talibán da televisión ou da música. As mulleres e nenas dificilmente podían saír soas da casa, ir ao médico e moito menos ir á escola. Malala decide contar todo isto nun blogue da BBC, a televisión pública do Reino Unido.
O verán seguinte, o New York Times fai unha reportaxe sobre a súa vida, mostrando como o exército paquistaní intervén na rexión. Malala cada vez é máis coñecida e recoñecida, dando entrevistas nos xornais e na televisión, e nomeada para o Premio da Paz Internacional da Infancia polo activista surafricano Desmond Tutu.
Na tarde do 9 de outubro de 2012, Malala subiu ao bus escolar. Pouco despois faino un home armado que chama por ela e dispáralle tres veces, dándolle no lado esquerdo da fronte e atravesándolle a cara. Logo de estar durante días en estado crítico, a súa saúde mellora o suficiente como para poder ser trasladada a un hospital do Reino Unido, onde logra recuperarse tras unha rehabilitación intensiva.
En 2014, Malala é galardoada co Premio “Nenos do Mundo”, premio que agora leva o seu nome, e ese mesmo ano gañou o Premio Nobel da Paz, compartido con Kailash Satyarthi, pola súa loita contra a supresión dos dereitos de todos os nenos e xoves á educación.
Hoxe en día, o réxime talibán reiterou a súa intención de acabar coa vida de Malala e do seu pai, Ziauddin Yousafzai.