Skip to Content

3 de novembro: Día da Lectora e do Lector

 Segundo o calendario do Libro e da Lectura, o 3 de novembro (dende o ano 2021) celebramos o Día do Lector e da Lectora. Esta efeméride coincide co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas: un 3 de novembro de 1928 nacía en Gres o autor de Memorias dun neno labrego.
 Con tal motivo a nosa recomendación lectora para conmemorarmos este día é Chegan forasteiros, obra editada en 1992 por Edicións do Castro e que a mediados deste 2023 foi reeditada por Galaxia dentro da súa Biblioteca Neira Vilas. Obra que, ilustrada con primor por Xosé Vizoso,  presenta unha pequena colección de relatos curtos pensados para un público novo. Velaí algúns títulos: “Ramón, o do acordeón”, “O Andrés era portugués”, “A Feira da Regateira”, “Lourido estaba fuxido”...
 

E, para quentar a boca, uns parágrafos do comezo:
 

"Fun pasar as vacacións á Aldea Vella, onde vive meu tío Felipe, home habelencioso e falangueiro. Eu tiña estado alí algunhas veces, de présa. Uns bicos, unhas carreiras pola horta, de par dun cadelo xalgarete, apañando mazás e pexegos; unha losqueadiña agarimosa de miña tía Pilara, coa requinaterna de sempre: “Canto medrou este furabolos!” E nada máis. Porque meu pai, decote apurado, veña de acender o motor do coche e veña dicirme: “Arturo, bule, espabílate que nos imos”.
 Pero esta vez botei alí unha tempada. E paseino ben, moi ben, falando con xentes dos arredores que sabían quen eu era; deprendendo novos xogos; vendo cada día ferramentas e animais que denantes só vira nos libros… E meu tío falándolles de min ós veciños, levándome por leiras e resíos, contándome historias dos mouros e cantaruxando para min cancións do tempo da guerra. E entre unha leria e outra, veña de chamarme “forasteiro”, con certa retrónica e con ese seu dicir tan chusco, tan pavero.
 Non me caía ben nin mal aquela palabriña, pero como era nova no meu dicionario de por dentro, andeina remoendo, saboreando, ata que meu tío, que para todo ten resposta, me dixo un dia:
 -Pois verás, Arturiño, aínda que non teñen nada que ver comigo, vouche contar a historia de máis de catro forasteiros que pasaron pola Aldea Vella cando eu era coma ti. Verás que tamén aquí, neste recanto do mundo, pasan cousas... Non saen nos papeis, nin pola radio, pero teñen o seu chiste...
 Meu tío Felipe calou, quedou coma aloulado, ollando para dentro, coma se estivese remoendo algo, e contoume o ir e vir dalgúns forasteiros que recordaba".

(NEIRA VILAS, Xosé, Chegan forasteiros, Galaxia, Vigo, 2023, pp.: 11-12)

Data: 
Xov, 02/11/2023 - 21:16


page | by Dr. Radut