Skip to Content

Un século de loita e represión feminina

Este 10 de marzo a escritora e xornalista Montse Fajardo, diante dun auditorio formado por alumnado de catro grupos de 4º da ESO, falounos da loita das mulleres no século XX. Fixo un repaso polas conquistas protagonizadas polas mulleres galegas e pola represión da que foron vítimas ao longo dos últimos cen anos.
As  nosas devanceiras pelexaron pola conquista de dereitos, dende finais da centuria decimonónica, aproveitando movementos sociais como o agrarismo, o sindicalismo ou o nacionalismo para participar na vida política e social en igualdade de condicións que os seus compañeiros varóns. Tiveron que enfrontarse a múltiples prexuízos arraigados incluso en organizacións de ideoloxía progresista. Así lograron avances como o dereito ao sufraxio feminino e outros recoñecidos no período da II República. Mais coa Guerra Civil e a longa noite de pedra posterior as mulleres víronse obrigadas a pecharse no ámbito privado dos seus fogares para ser modelo de sufridas e compracentes esposas e compañeiras dos varóns forxadores da nova España, segundo o criterio da falanxista Sección Feminina.  
Por outra parte a represión derivada da Guerra Civil e da posterior dictadura cebouse nas mulleres que, por defender os seus dereitos e loitar polas liberdades, foron obxecto de múltiples aldraxes (rapadas, violadas, paseadas...) incluso sometidas a inícuos procedementos xudiciais que remataban en longas penas de prisión ou morte. A chegada da chamada transición non supuxo o punto final á persecución das mulleres, aínda nos anos setenta e oitenta do século XX hai acusadas por participar en actos de apoio ás vítimas dos sucesos acaecidos hai xusto 50 anos en Ferrol  (cando o 10 de marzo de 1972 a policía franquista disparou contra unha protesta sindical provocando a morte dos traballadores  Amador Rey e Daniel Niebla e feridas a outro medio cento de manifestantes) ou recluídas en centros dependentes do Patronato de Protección á Muller.
Montse Fajardo puxo cara, nome e apelidos a algunhas destas mulleres que, de palabra e obra, son o alicerce das libertades que hoxe gozamos e que, por defender as liberdades e o réxime político legalmente constituído, sufriron en carne propia o menosprezo dun sistema ideolóxico-político machista.

Cómpre non esquecer para non caer nos mesmos erros e para evitar que a historia se repita. Por iso una vez máis parabenizamos e agradecemos á Deputación de Pontevedra por este programa “O pasado por vir” que permite coñecermos mellor o noso pasado para construír un futuro mellor.



page | by Dr. Radut