Día contra a LGTBIfobia
O 17 de maio é tamén o Día Internacional contra a discriminación pola identidade sexual e a discriminación de xénero. En tal día do ano 1990 a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde eliminou a homosexualidade da lista de doenzas mentais. Aínda así son bastantes os países que hoxe en día seguen a penalizar nas súas leis a homosexualidade, a transexualidade, a bisexualidade ou o lesbianismo, estabelecendo penas que poden chegar á cadea perpetua ou á morte. Pero incluso nas sociedades de carácter máis aberto e tolerante está a observarse unha repunta no cómputo das discriminacións e agresións a todos estes colectivos con preferencias sexuais diferentes das consideradas convencionais. Determinadas ideoloxías e organizacións están dando pábulo a actitudes homófobas e tránsfobas.
O lema da campaña deste ano, moi acaido para o actual contexto de pandemia, é “Xuntos: resistindo, apoiando, sandando!" Unha parte da resistencia, do apoio e da curación está alicerzada na educación. A educación fainos máis libres e máis tolerantes.
Por outra banda os países asinantes da Axenda 2030 farán realidade a premisa de “non deixar a ninguén atrás” sempre que garantan con efectividade os dereitos dos colectivos LGTBI, só así pasaremos da teoría das declaracións de boas intencións á aplicación de principios como os contemplados nas metas 16.1 e 16.b do obxectivo 16 do desenvolvemento sustentábel: “Reducir de xeito significativo todas as formas de violencia e as correspondentes taxas en mortalidade en todo o mundo” e “promover e aplicar leis e políticas non discriminatorias en favor do desenvolvemento sostible”.
Rematamos cuns versos de Xela Arias, a autora do día das Letras deste ano; ela foi unha das precursoras no tratamento da marxinalidade no mundo da lírica: e dentro dese mundo están a homosexualidade ou transexualidade reprimidas: “soltar amarras dos músculos tensados baixo os dedos/de calquera tenra man que calme brasas”