Convocatoria curso preparatorio CELGA 3: Prazo de inscrición ata o 28 de marzo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 8 de marzo de 2017 convoca un total de 30 cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos certificados Celga 2, Celga 3 e Celga 4,  (o Celga 1 impártese en modalidade en liña).

No noso centro impatirase de xeito presencial o curso preparatorio para a obtención do CELGA 3.

Os obxectivos desta actividade son os de garantir á poboación adulta o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia. O curso impartirase dende o 19 de abril ata o 8 de xuño do 2017 e contará cunha duración de 70 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas diarias. Hai un máximo de 30 prazas e un mínimo de 15, e en caso de que teñamos un maior número de solicitantes que de sitios dispoñibles, a asignación farase por orde de entrada.

Poden inscribirse tódalas persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os cumpran no ano 2017. Os cursos son de balde e as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario formalizado dispoñible no enderezo web sede.xunta.es modelo ED104B e na páxina http://www.lingua.gal/. O prazo de presentación é de 20 días naturais, que se contan a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, polo que remata o martes 28 de marzo.

Unha vez rematado o prazo farase pública, na páxina http://www.lingua.gal, unha resolución provisional coas persoas admitidas e excluídas, xunto coa causa da súa exclusión, e unha listaxe coas persoas en agarda para cada curso e localidade.

 

No caso de dúbidas, necesitar máis información ou desexar facer a inscrición no noso centro recordamos que a Secretaría permanecerá aberta en horario de 9 a 14 horas.