Resposta de Xavier Alcalá
Xavier Alcalá entrou na nosa páxina web e leu o que os nosos rapaces escribiron sobre a súa conferencia. Aquí tedes a súa resposta.
María Xesús, os meus parabéns polo espírito crítico dos rapaces. Vese que os estades educando ben. Agora falta que cheguen a saber integrais e etimoloxía, como sabiamos nós cando chegamos ao Preu.
Bicos e apertas, e dille ao amigo Verao que o seu viño foi gozado na mellor das compañías.
Respostas aos comentarios críticos sobre a actuación de Xavier Alcalá no IES río Cabe.
Ola a todos, profesores e alumnos. Hai algún tempo que vin o que escribiron eses mozos que tiveron a paciencia de escoitarme que -espero- algún día me pagarán a pensión. Non sei se os que escribiron representan a maioría das ideas e dos sentimentos que provoquei. Con todo, velos aí, valentemente expresados, o cal agradezo moito por aquilo de que "estaba a vella morrendo e seguía aprendendo".
Sinto ter demorado tanto en responder, mais non o fixen de mala vontade senón por culpa das axitacións da vida.
Unha aperta colectiva e as miñas respostas, por se quixerdes seguir tratando os temas iniciados.
1. "...O recoñecemento dun Nobel non significa nada"
X.A.: Así o digo e escribo. ¿Quen tiña máis dereito ao Nobel: Cela ou Torrente, Saramago ou Jorge Amado?
2. "...Segundo entendín a charla, o tema principal para o señor Alcalá foi a loanza da súa figura. Empregando unha linguaxe descortés e vulgar, foi criticando a figuras da literatura portuguesa ou galega como Saramago ou Méndez Ferrín ó tempo que facía alarde das súas exitosas publicacións. Finalmente, e non comprendo aínda o motivo, fixo varios comentarios que resultaban ofensivos. Non sei ben se foron bromas ou se trataba de mostrarnos algo, pero a realidade é que deixou unha mala imaxe ante os rapaces e rapazas cos que tratou na súa conferencia. Coido que coma nós debemos reflexionar acerca das súas palabras, el tamén debería reflexionar acerca da súa actitude e meditar se é a apropiada para outras conferencias similares."
X.A.: Conseguín escandalizar, que era a miña intención. Teña en conta o moralista que os escritores somos todos uns psicópatas que se equilibran a penas polo exercicio da escritura. Lea Why I write de Orwell, e non esqueza a frase de Vargas Llosa: "Detrás de calquera grande peza literaria sempre pode haber un miserable".
3. "...Saramago, e criticouno duramente por non usar unha correcta ortografía, xa que non usa nin puntos nin comas. Pero eu propoñeríalle o reto de intentar escribir un libro sen puntos nin comas. Probablemente non sería capaz, porque os seus recursos literarios non alcanzarían o suficiente nivel como para poder facelo. Por outro lado, pareceume que este señor ademais de ser pouco humilde (algo que non lle viría nada mal selo), debe divertirse criticando á xente, porque pasou case todo a hora chamando imbéciles ós que non seguen as súas pautas na escrita. Dende a miña opinión, somos todos suficientemente maiorciños como para deixar a cada un facer o que queira e non criticalo por non seguir unha liña de regras e leis de escritura. Ademais, se el ten razón non lle deberían de preocupar as vendas dos libros de Saramago, xa que ninguén os debería de comprar segundo os seus argumentos (cousa que eu dubido en gran medida).
Por outro lado, el tamén desenvolveu o tema da lingua de referencia, o que vén a conto de saber ben un idioma e non o deixar de lado por estudar outro que ten máis sona internacional ou está de moda. Mediante este argumento da lingua de referencia meteuse de paso coa ensinanza e incluso criticaba duramente o sistema educativo actual, facendo referencia ás numerosas probas que antes se tiñan que facer, e mesmo dicía que se esas numerosas probas que se facían antes se fixeran hoxe, as universidades quedarían sen xente."
X.A.: Recoméndolle a este crítico que rescate da biblioteca do instituto Tertúlia e verá como o escritor que lle motiva a crítica xa usou a ironía para facer o que fixo Saramago en Caim.
Canto á preparación da xente que chega á universidade, manteño o dito: NPI. Non teñen coñecementos básicos. Vaia o crítico ver o que cómpre facer nas escolas técnicas: os cursos "de adaptación" de Matemáticas e Física que se dan para poder ensinar a substancia.
4. "...A charla ía versar principalmente das TiC's (Tecnoloxías da Información e Comunicación), tema que apenas mencionou, e en vez diso, o escritor adicouse a facer múltiples críticas acerca doutros escritores moito máis prestixiosos ca el (Saramago, Ferrín...), o que me resultou unha gran falta de respecto. Resumindo, a súa intervención pareceume totalmente lamentable. Ademais diso, non teño aínda moi claro se ben pretendendo facerse o gracioso ou ben intentando gañarse a nosa confianza, fixo un milleiro de comentarios que en moitos casos resultaron un tanto ofensivos e incoherentes. Cabe dicir que se o que pretendía era gabarse acerca dos seus méritos persoais (os cales son de admirar), abofé que o conseguiu, pero na miña opinión, penso que esa non era nin a principal finalidade nin o lugar adecuado para facelo.
X.A.: Na teoría das telecomunicacións dise que, cando a mensaxe chega mal ao receptor, as probabilidades máis altas son as de que o emisor emitise incorrectamente. Mea culpa. Pido desculpas aos organizadores do acto e mais aos alumnos. Cando queirades, entramos nas TICs. Propoño unha conferencia sobre "A web como repositorio universal de coñecemento". ¿Que vos parece?
5. "O tema da charla era o galego e as TICs que a base de anécdotas foi tocando lixeiramente. Xavier Alcalá parecía que defendía o galego pero dunha forma tan peculiar que en canto de atraer aos castelanfalantes ao eido do galego provocáballes un rexeitamento aínda máis fondo. Puido ser debido á súa actitude acedamente crítica ou a súa prepotencia ante uns rapaces que non alcanzabamos nin a cuarta parte da súa idade.Trátase dun home cunha vida moi interesantee unhas boas obras,pero non pode andar criticando escritores tan famosos e exitosos como por exemplo Xosé Saramago ou Méndez Ferrín. Eu penso que xa lle chegará a fama co tempo se é que lle ten que chegar".
X.A.: Repito aquí algo do dito no punto anterior. Entendín que debía falar a xeito de miscelánea. Collín mal o recado.
Canto ao de provocar noxo ao galego por parte dos acomplexados, sorry: non era a miña intención, rapaces. Pero é que o autodesprezo é moito, moito, propio dunha situación de diglossia tremens.
Canto a Saramago, manteño o dito: Caim é algo caótico, unha parvada ilexible. Canto a Ferrín, con quen departín amablemente na Academia aínda o día 12 de maio, repito: dicir que Xavier Alcalá (ou Xavier Queipo, ou Marcelino Fernández Mallo, por seguirmos cos exemplos) non pode escribir ben por culpa da súa mente cartesiana non se demostra co exemplo: ás críticas e ás vendas nos remitimos (en termos de prosa, non de poesía, claro). Recomendo as lecturas de O paso do Noroeste, do Queipo (médico e biólogo) e A trenza de Fernández Mallo (economista)...
Moi agradecido polos vosos comentarios e sempre ao voso dispor. Mándovos unha foto de hai moito. Velaí o Saramago do seu mellor momento, quizais de cando O ano da morte de Ricardo Reis... Podedes usala como queirades
Xavier Alcalá