Proxección da película PRADOLONGO. Os alumnos opinan
O día 30 de xaneiro os alumnos de 3º e 4º da ESO asistiron á proxección da película Pradolongo.
Estas son algunhas das súas impresións sobre a película.
“Na miña opinión a película estivo relativamente ben. Nalgunhas escenas mostraba como é a vida no campo e o traballo neste, e tamén a diferenta que hai entre vivir e traballar no campo a facelo na vila. Tamén nos amosa os extremos a que pode chegar a xente para conseguir o que quere. Non me gustou nada como Armando se aproveitaba da xente e de como faltaba ás súas promesas.
En troques, gustoume a personalidade de Martiño, de como se esforzaba para que non lle quitasen o que máis quería, os seus prados, Pradolongo, o prado onde xogaba cos seus amigos, Armando e Raquel, cando eran pequenos. A última escena pode danar a sensibilidade dalgúns espectadores. Non entendín o fin educativo da película, pero penso que deberiamos facer máis saídas ao cine co instituto.”
Sandra Pérez Rodríguez
“A min a película gustoume xa que mesturaba a vida e o traballo do campo coa vida dos ricos empresarios. A película amosa como é Galicia, algunhas paisaxes da nosa terra, a variante do traballo, etc. Tamén nos fala dos problemas da xuventude, os seus estudos e amoríos, puntos nos que se basea a película, segundo o meu punto de vista. Os rapaces protagonistas acaban de facer os exames de selectividade e teñen por diante todo o verán, no que van xurdindo diferentes amoríos.
O fin educativo da película non o entendín moi ben. Pero opino que hai que facer máis saídas ao cine.”
Alba Rodríguez Real
“A película gustoume moito. Nela vese como un rapaz xove que ten dezaoito anos loita para non perder os recordos da súa infancia cos seus amigos Armando e Raquel. Isto foi o que máis me gustou.”
Diego Vázquez Oliveira
“A película estivo bastante ben. A verdade é que me gustou. Nela vimos reflectida a dor dun mozo de dezaoito anos, chamado Martiño, ao saber que ía perder o lugar no que medrara na compañía dos seus mellores amigos, Armando e Raquel. A pesar do seu esforzo, non puido evitar perder Pradolongo.
Pódese dicir que isto foi o que non me gustou da película. Pero, polo menos, conseguiu quedar con Raquel, a súa mellor amiga e a súa namorada. O máis bonito foi o final, cando Raquel ía marchar a Italia con Armando e de súpeto díxolle que non marchaba e foi buscar a Martiño. El estaba á beira dun lago e os dous tiráronse espidos á auga. Pero digo eu que non facía falta tirarse á auga sen nada, non si?”
Alba Seijas Lorenzo
“En xeral gustoume moito a película, aínda que non entendín moi ben o argumento principal. Non sei se a intención da película era que remataran xuntos Raquel e Martiño, ou amosarnos como é a xuventude que estamos a vivir, ou as intencións que teñen os adolescentes ou os proxectos de futuro diferentes que ten a xente nesas idades. O que máis me gustou e me chamou moito a atención foi ver a madurez e a fidelidade ás súas ideas que caracterizaba a Martiño.
En ningún momento lle interesou a proposta de vender as súas terras ao pai de Armando. O personaxe de Raquel non estivo mal, pero debería corrixir o de deixarse levar polos encantos de Armando e, xa que dicía que se sentía tan ben coa amizade que disfrutaba cos dous, ao final acabou liándose con ambos e isto non me pareceu de todo ben.
Síntoo, pero teño que comentar isto: a última escena estivo ben no papel romántico da película e iso, pero o de despois… non sei… quizais estivo un pouco fóra de lugar, pero é o que hai. En resumo, gustoume moitísimo!!!"
Bárbara Mascaró Muñoz
“A película en xeral non me gustou moito. O argumento, sobre unha familia con problemas económicos que lle quería sacar partido ás terras vendéndoas e a historia detres amigos, era un pouco pobre.O que máis me gustou foi a historia amorosa dos tres amigos. Aínda que tiña algunhas escenas “innecesarias”. O que menos me gustou foi o conflito entre os dous irmáns por venderen as terras ou non vendérenas e facer unha explotación ecolóxica”.
Fernando López Rodríguez
“Pradolongo é unha película que non me gustou moito en verdade. O argumento pareceume un pouco frouxo e os actores non había un bo. A esta película danlle máis categoría da que ten. O único que me gustou é que as paisaxes son moi hermosas. En resumo: nunca na miña vida vira unha película tan mala e aburrida, espero que non fagan unha segunda parte!”
Irene Álvarez Vázquez
“Eu creo que foi unha película moi interesante e educativa, mostra o esforzo que se debe facer para conseguir o que se desexa. Tamén é unha película romántica, con diversas escenas de amor entre Raquel e os dous rapaces, aínda que a máis bonita é a de Raquel con Martiño.
Outra cousa importante que observamos nesta reprodución é o valor da amizade e o esforzo necesario para sacarmos adiante os estudos. Na miña opinión o esforzo de Martiño por defender o que quere, Pradolongo, é admirable. O que máis me sorprendeu foi que a película estivese en galego, xa que hai moi poucas, e isto non debería ser así.
Tamén me sorprendeu moito a decisión dos pais de Martiño, traizoando en certo modo ao seu fillo por diñeiro, ademais da traizón dos seus propios veciños que xa lle tiñan dada a súa palabra, e esta é o máis importante que ten unha persoa. Realmente esta foi unha película de traizóns. Temos que lembrar tamén a de Armando, que rompendo a súa promesa, liouse con Raquel, cando anteriormente acordaran que sería coma unha irmá para eles.
Porén, o que fixo a empresa da lousa foi unha mala actuación, xa que o seu obxectivo era gañar diñeiro, destruíndo o medio rural.Resumindo: gustoume moito!"
Diego Pérez Rodríguez