Microcharlas virtuais - Plan Proxecta

 

     O pasado luns 25 de maio tivemos tres microcharlas por videoconferencia relacionadas co Plan Proxecta no que os nosos alumnos/as de 3ºESO están traballando.

      O noso primeiro convidado foi Pablo Blanco, profesor e director do Colexio dos Escolapios. Explicounos que son as monteas e que función tiñan. Desde a conexión do seu móbil ensinounos as tres monteas que hai nese centro: unha debaixo da escaleira monumental e dúas no claustro, que datan da primeira fase da construción do edificio, a principios s.XVII.

      A segunda convidada foi Yolanda Gómez, restauradora, e unha das socias da empresa Crea Restauración que foi a encargada, precisamente, da restauración das pinturas murais da igrexa de Santa María de Nogueira (obxecto do noso estudio); por este traballo foi finalista do premio internacional de restauración Arpa, en Valladolid, o ano pasado. Entre outras cousas, quedounos claro o traballo tan minucioso e laborioso que require a restauración dunhas pinturas murais: comeza coa realización de estudos previos e catas no encalado; a continuación o desencalado (quitar a cal que cubre as pinturas, que se realiza con pequenos cinceis de precisión e bisturí) e o recheo dos ocos entre o morteiro e a parede; finalmente, procédese á limpeza das pinturas cunha esponxa. No caso da igrexa de Nogueira do Miño a restauración durou…5 anos!!! (desde o 2012 ata o 2017)

      E o noso derradeiro convidado é Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo e profesor de Física na USC. É un recoñecido investigador e divulgador científico galego, que ten un curriculum impresionante con numerosos premios e distincións pola súa traxectoria profesional. Colabora en xornais, na radio, na televisión galega (programa Coma un allo), dirixe o Programa Conciencia (programa de divulgación científica que cada ano trae á cidade de Santiago a científicos que recibiron un premio Nobel), escribe libros… Ademais é un dos 11 expertos nomeados polo Goberno para o estudo do cambio de hora, e coordina o estudo “Predico” que trata de predecir a evolución e propagación da pandemia do Covid-19 e a súa incidencia e posibles rebrotes. El foi o encargado de facernos reflexionar un pouquiño sobre a relación coronavirus-medioambiente-contaminación, de ver os efectos positivos que a pandemia tivo sobre a contaminación, pero tamén do efímero destes efectos xa que coa desescalada vólvese a potenciar o uso do vehículo particular, ou a pouca concienciación á hora de desfacerse das mascarillas e guantes que usamos para protexernos do virus, produtos que están enchendo as rúas, e xa son considerados como os novos contaminates.

  Foron tres microcharlas moi interesantes. Só nos queda agradecer aos convidados a súa presencia e as súas explicacións que nos axudaron a comprender mellor que é unha montea e para que se utilizaba; en que consiste o meticuloso proceso de restauración dunhas pinturas murais; e como o coronavirus é só unha paréntese no proceso de contaminación pero que para nada suporá un freo ao cambio climático.

  Moita grazas Pablo Blanco, Yolanda Gómez e Jorge Mira!!