Presentación Ensinanzas de Adultos

O pasado día 23 de outubro tivo lugar,no salón de actos do IES Río Cabe, a presentación das Ensinanzas para persoas adultas que se poden cursar no noso centro.

O director, Carlos Parada, e demais membros do equipo directivo deron a benvida aos alumnos e alumnas que comezan este novo ano e animáronos  e felicitáronos pola decisión de ter elixido unha traxectoria non sempre doada  xa que se trata, en moitos casos,  de alumnos que ademais de estudar, traballan e teñen familias ao seu cargo .

Posteriormente a Xefa de Estudos de nocturno, Patricia Barrientos, fixo unha exposición sobre  as  distintas ensinanzas que o centro oferta,  como son a Secundaria e o Bacharelato (semipresencial) para persoas adultas,  así como os ciclos medios de Fútbol e  superior de Turismo, o Programa Cuale de Inglés e Francés e como novidade este ano Castelán e Galego para estranxeiros.

Un grupo de ex-alumnos deu unha emocionada e agradecida visión do seu paso polo Río Cabe, contando como lles fixeron medrar, persoal e profesionalmente, os estudos retomados tras anos de alonxamento dos libros,  e animou  ao alumnado que agora comeza a ser constantes e a non abandoar a “aventura” académica.

Houbo tamén un sentido recordo  para Ramón Rodríguez, alumno de Turismo, que tristemente nos abandoou o pasado verán, e que  sempre permanecerá na nosa memoria pola súa inmensa valía persoal, xenerosidade e profesionalidade. 

 

A súa titora, Sol González, foi a creadora do cartel que  na súa memoria permanecerá exposto na aula de Turismo.