Contacontos " A tropa do trapo". Os alumnos opinan

O pasado 10 de Novembro, alumnos de 2º de Bacharelato do instituto asistiron a un contacontos. Aquí tedes algunhas das súas opinións:

"A actividade do contacontos, que tivo lugar o pasado luns, pareceume moi interesante. A primeira parte estivo adicada á narración dunha serie de contos: galegos e africanos, concretamente de Arxelia e de Marrocos. Os contos galegos contóunolos o rapaz, que para min tiña a habilidade de transmitir moi ben o que contaba. Os contos do norte de África eran narrados pola rapaza, que non era galega, e que tiña tamén unha gran facilidade para contar. Os contos estaban acompañados por música, cousa que me gustou moito, porque para min a música é esencial na vida e, neste caso, axudaba moito á hora de situarnos no tempo e nos lugares. A música, ademais, daba intensidade ás accións e converteuse nun elemento de moita importancia na transmisión dos contos.

A segunda parte desta actividade consistía nun obradoiro no cal nos separaron en dous grupos para facer as actividades un pouco máis persoais. O obradoiro estaba composto por varias fases. Nun primeiro momento fixemos un exercicio de expresión corporal, no cal tiñamos que movernos coma se fósemos monicreques, despois expresarnos co corpo en diversas situacións: coma se tiñésemos frío, calor… A derradeira fase do obradoiro foi para min a máis creativa. Sentámonos no chan e fomos pasándonos un nobelo de la. O que lle tocaba o nobelo tiña que continuar o conto. Unha persoa comezaba o conto e posteriormente todos tiñamos que continualo, facendo así a nosa propia aportación.

Foi unha actividade moi creativa que me gustaría repetir".

Enid Lopez

 

 


“Esta actividade foi moi amena e moi interesante. Chamoume a atención que fora bilingüe, xa que esperaba que foran todos contos en galego. As historias estiveron moi ben contadas. A representación foi moi amena, xa que a música axudaba a imaxinar o ambiente, a situación. Uns eran instrumentos antigos e outros modernos.

O que máis me gustou foi o obradoiro. Penso que a actividade en conxunto debería durar máis tempo, especialmente o obradoiro. Pasámolo moi ben facendo de monicreques e logo contando a nosa propia historia, que, sendo moi sincera, carecía de sentido, pero para a ser a primeira vez non estivo tan mal.

Estaría moi ben repetir a experiencia".

Patricia Pérez

 


“A actividade estivo dividida en dous apartados: no primeiro contáronse contos de temática variada mentres que na segunda hora realizouse un obradoiro destinado a comprender as diferenzas entre teatro e contacontos, a mellorar a expresión corporal e exercitar a imaginación inventando un conto entre todos os participantes.

Valoro moi positivamente a actividade. Destaco a derradeira parte na que tiñamos que ir inventando fragmentos dunha historia para que os compañeiros a continuasen. Dábaselles a palabra a través dun fío de la.

Gustoume a cercanía dos contacontos e, por suposto, a súa excelente capacidade para narrar e utilizar instrumentos que axudaron a crear situación, con melodías moi adaptadas á parte do conto nas que se empreñaban.

Foi unha actividade relaxante e moi entretida".

Sonia Quiroga

 

 


“Para min, a actividade de contacontos resultou moi entretida, posto que ademais de escoitar historias, tivemos a oportunidade de participar no obradoiro que se realizou despois. Ao ser un grupo pequeno e coñecido, as actividades permitíronnos coñecer aspectos relacionados cos contacontos dun xeito ameno.

Tivemos a oportunidade de experimentar a importancia dunha mirada, de descubrir as diferentas entre os contacontos e o teatro, de coñecer que non é doado interpretar, de deixar voar a nosa imaginación co xogo do nobelo de la … Gustoume especialmente esta última actividade, xa que ademais de poñer en xogo a nosa creatividade era un “exemplo práctico” de que unha historia pertence a quen a conte e a quen a escoite, que todos rematamos “unidos” por un mesmo conto. Tamén era evidente que, malia as diversas opinións, podemos facer unha historia entre todos, aínda que este melloraría coa práctica. Respecto ás historias do principio, resultou interesante o acompañamento musical, porque axudaba a ambientarse e a deixarse levar polo conto”.

Soraya Mariño

 

 

 

“A actividade do contacontos pareceume espectacular, encantoume. Quizais inflúa que me gusta moito todo o relacionado con escoitar as historias que se conservan en boca doutros, e que nos transmiten a través da súa palabra.

Pareceume moi interesante: estes rapaces demostraron que só coa combinación da música e da súa palabra, podemos gozar de diferentes “obriñas de teatro” na nosa mente, e todo grazas a que provocan gromos de imaginación, elemento que considero esencial nunha persoa.

O obradoiro tamén me pareceu ben, en especial a última actividade na que tiñamos que tecer o noso propio conto e no que cada un de nós aportaba o seu fragmento co tamén propio toque persoal.

En resumo, foron as dúas horas mellor aproveitadas ata o momento no instituto”.

Katia

 

“Pareceume difícil improvisar e dirixirse ao público para captar tan ben a súa atención coma eles o fixeron. Precísase de moita práctica e de moito valor para conseguilo, polo que aínda se aprecia máis o seu labor.

Foi unha experiencia moi positiva, e foi pena non termos máis tempo para a sesión de contos e, sobre todo, para o obradoiro posterior”.

Xoana Soutelo


“O obradoiro foi moi divertido. Ao principio estabamos moi cohibidos. Ao comezar algunhas actividades parecíanos estar facendo o parvo, pero, en realidade, axudáronnos a soltarnos máis. A actividade do conto tamén me pareceu moi interesante, aínda que nos quedou un pouco mal, pois trataba duns insectos que morrían bastantes veces e despois resucitaban. Como foi o primeiro, tiñamos moita soltura pero se nos dese tempo a repetilo fariamolo mellor.

Paréceme que o traballo de contacontos non é fácil, pois hai que ser moi expresivo e transmitir todo o que se conta. Ademais, aínda que me lembro dos contos creo que non sabería contalos todos outra vez, por iso o seu traballo non me parece doado.

Como penso que nos gustou a todos e o pasamos bastante ben nestas actividades, deberían repetirse máis a miúdo”.

Alba Martínez