Skip to Content

viaxe cultural

A viaxe a Canadá do noso compañeiro Alexandre Rivera

O noso compañeiro Alexandre Rivera, do departamento de Inglés, participou no programa PIALE 2022 e viaxou a Ottawa integrándose nun centro educativo canadense, o Cedarview Middle School. 

O seu cometido era observar o sistema educativo canadense para achegar as súas experiencias ao seu alumnado de Burela. 

Estivo traballando co alumnado de 3º ESO PDC, 4º ESO B e 1º de Bacharelato para ensinarlles como funciona un instituto en Canadá e os aspectos máis destacables da súa cultura: o bilingüismo francés-inglés, a multiculturalidade etc. 

Un dato relevante e que chamou a atención do alumnado é que alí comezan as clases co himno nacional e logo agradecen aos aborixes (que eles chaman as primeiras nacións) o territorio no que aprenden, xogan e medran intentando redimirse do pasado colonialista. 

A continuación tedes a presentación que Alexandre empregou co alumnado na que tamén aparecen as actividades que se desenvolveron na aula á súa chegada e nas que traballaron por estacións: un concurso de cultura canadense, a planificación dun día por Ottawa, a xeolocalización das cidades e provincias de Canadá e elaboración de souvenirs. 

Canada difusion by Alexandre Rivera

Viaxe a Francia - Intercambio co Lycée René Descartes de Rennes

Toca viaxar a Francia e coñecer as familias dos nosos correspondentes bretróns do Lycée René Descartes de Rennes, grazas ao Programa EduExchanges.
Terminado o 1º trimestre collimos rumbo en autobús -coa compañía que nos guía tan ben O Rápido- a Rennes.
Viaxamos 35 alumnos de 1º de bach para reunirnos cos nosos amigos de 2º de Bachibac do 28 de novembro ao 10 de decembro de 2022.

Día 1 - Acollida en Rennes (29/11/22)

Logo dunha longa noite de viaxe en autobús, pisamos terras galas. Fixemos unha primeira escala en Nantes antes de chegar ao noso destino final Rennes para ser acollidos nas familias. Aí visitamos o castelo dos Duques de Bretaña para adentrarse na historia local de Nantes, dende Ana de Bretaña pasando polo periodo colonial de Francia.

Día 2 - Acollida no lycée René Descartes de Rennes e visita ao Dolmen da Rocha das fadas (30/11/22)

Fomos invitados a tomar o pequeno almorzo no comedor escolar onde nos acolleu o Proviseur Mr. Piron. Intercambiamos palabras de benvida e de agradecemento por apostar polas relacións internacionais tan importantes para a dimensión europea da formación do alumnado. Asistimos a clases e o recreo. Despois da pausa, fomos coñecer o Dolmen da Roche aux Fées para saber das construcións megalíticas destas terras. Retormamos para xantar, uns no comedor escolar e, outros en Rennes. A tarde pasámola polas rúas de Rennes en compañía dos nosos correspondentes nun ambiente xa moi de nadal.

Día 3 - Visita ao Mont Saint Michel,  monumento clasificado pola Unesco. (01/12/22)

Fomos pasar o día nun dos lugares máis turísticos de Francia, o monte Saint Michel, auténtica fortaleza medieval construida sobre unha rocha de granito no medio do mar. Visitamos o interior do conxunto abacial: a igrexa, o claustro -La Merveille-, o refectorio, a sala dos anfitrións, o antigo osario cripta dos grandes pilares, entre outros recintos. Percorremos as rúas, terrazas e murallas. Observamos as impresionantes vistas da bahía acompañados dun sol radiante aínda que ía fresco.

Día 4 - Visita guiada polo casco antigo de Rennes. (02/12/22)

Repartímonos en 2 grupos e seguimos as explicacións dos nosos guías nunha mañá xélida. Primeira parada, nas Portas Mordelaises, restos da muralla primitiva de Rennes chamada Contade e a torre Duchesne do s. XV.. Seguimos o percorrido polas rúas  e casas medievais de entramados de madeira, tan características da capital bretona, coas coloridas fachadas e os seus voladizos. A máis antiga data de 1505 e está na Rue du Chapitre.
Finalizamos a ruta diante do Parlamento de Bretaña, sede actual do Tribunal Superior de Xustiza, cos teitos artesonado, conxunto concebido por Charles Errard, pintor de Luis XIV e artífice da decoración do primeiro Versailles marcou a chegada do «arte monárquico» no s. XVII. A súa construción durou un século de 1618 a 1709. Estivemos pola praza do Concello e a praza real do parlamento, diante da Ópera do s. XIX e refuxiamonos na Catedral Saint Pierre (parte baixa de estilo renacentista e parte superior de estilo clásico, interior con decoración neobizantina). Unha vez rematada a visita voltamos para xantar no comedor escolar e facer vida cos estudantes do lycée durante este tempo de lecer.

Xa pola tarde, fomos facer un xogo de pista polas rúas de Rennes cos coñecementos adquiridos pola mañá. Pero tamén houbo tempo para ir mercar algúns souvenirs.

Día 5 e 6 - Convivencia en familia (02/12/22)

Día 7 - Visita a Saint Malo e Dinan. (05/12/22)

Collimos rumbo a Saint Malo, cidade corsaria por antonomasia. Coa axuda dun xogo de pistas coñecemos quenes foron : René Duguay-Trouin, que tomou Río de Janeiro en 1711, e Robert Surcouf, o corsario que atacou aos navíos ingleses e neerlandeses enriquecendo así as arcas de Francia e tamén da súa cidade natal.
Paseamos pola cidadela amurallada, vimos os fortes Petit Bé e Grand Bé, o Forte Nacional, e os bastións que protexen Saint-Malo, etc ...

Pola tarde, fixemos unha parada en Dinan, vila medieval a beira do Rance, pobo dos máis bonitos de Francia. Está colgado a 75 metros sobre o río. Con tres kilómetros de murallas –as máis importantes que aínda se conservan en Francia ao norte do río Loira–, Dinan foi fundada no s.X. As murallas datan do século XII. O Castelo, as rúas estreitas e empedradas, as casas de entramado de madeira (quedan 114) forman un conxunto medieval moi fermoso. Sacamos unha foto diante da torre do Reloxo do s. XV. que culmina a 45 metros de altura. A campa foi un agasallo de Ana de Bretaña á cidade. Paseamos polas rúas céntricas de l’Apport, Merciers, Cordeliers, para baixar pola rúa do Jerzual e Petit Fort pasando diante da Casa do Gobernador ata chegar ao muelle da vila. Esta rúa empedrada era a única vía de paso para trasladar as mercancías do porto á parte alta da cidade. Dinan foi residencia dos Duques de Bretaña.

Día 8 - Visita a Vannes. (06/12/22)

Último día por Bretaña, e fomos coñecer Vannes, cidade dos Duques de Bretaña.
Dimos un paseo polo litoral e fixemos un xogo de pista para coñecer os lugares máis emblemáticos da vila. A cidade romana de Darioritum converteuse en Vannes (en bretón, Gwened: a branca) coa chegada dos celtas. A cidade viviu largos periodos de prosperidade grazas ao comercio portuario, ao poder relixioso e ao poder político.

Día 9 - París (07/12/2022)

Rematamos a nosa estadía en Bretaña, despedímonos con moita tristura e collimos direción París. Chegamos despois de xantar. Dimos un paseo en Bateau Mouche e entramos no museo do Louvre. Vimos a Joconde, A Vénus de Milo, a Victoria de Samotrace e a colección sobre egipto. Logo dimos un paseo pola xardíns das Tuilleries ata a praza da Concordia onde se ergue o monumento máis antigo que ten París, o obelisco de Luxor. No bus fixemos un percorrido de Paris la nuit antes de chegar para cear no hotel.

Día 10 - Disneyland (08/12/2022)

Un día de grandes emocións, ilusións, maxia e encanto.

Día 11 - París (09/12/2022)

Pola mañá, fomos ata o Montmarte e entramos na basílica do Sacré Coeur de estilo neobizantino. Logo baixamos a París para visitar os Inválidos, a tumba de Napoleón e o museo da guerra. Despois, fomos visitar o Musée d'Orsay e coñecer as obras dos impressionistas e dos modernistas. Xantamos e tivemos tempo para mercar souvenirs. Finalizamos o día cunha fermosa posta de sol dende o alto da torre Eiffel. Fixemos unha morea de fotos para inmortalizar este momento tan privilexiado.

"O noso intercambio con Bretaña foi unha inmersión tanto lingüística coma cultural na que gañamos unha grande aprendizaxe. Seviunos para coñercer unha cultura, costumes e gastronomía diferentes, ademais de permitirnos mellorar o noso nivel de francés e aprender a levar unha mellor convivencia non só cos nosos correspondentes senón tamém entre nós. Sen dúbida, unha experiencia moi recomendable e, sobre todo, inesquecible."

Albúm de fotos AQUÍ.

Intercambio do Departamento de Francés co Lycée René Descartes de Rennes

Emprendemos novamente os intercambios do dpto. de Francés e contamos para este ano co Programa EduExchanges.
Novo socio: Lycée René Descartes de Rennes, capital da Bretaña francesa.
Témoslles preparado un completo programa de actividades.
Son 36 alumnos de 2º de bach Bachibac que acollemos en Burela nas casas do noso alumnado de 1º de Bach. do 13 ao 20 de outubro de 2022.

Día 1 - Acollida en Burela (14/10/22)
María José Pardiñas, directora, recibiu na biblioteca do centro o alumnado de 2º de bacharelato Bachibac acompañado polos seus profesores Raoul Gómez e Paúl Coronado. Entregoulles un dossier informativo das visitas por Galicia ao longo da súa estadía. Logo o grupo visitou o barco museo Boniteiro da mán de Lino e tamén  coñeceu de preto o traballlo artesanal das Redeiras.

Día 2 e 3 - Fin de semana en familia

Día 4 - Viaxe a Santiago (17/10/22)
Non podía faltar no programa a visita a este conxunto patrimonio mundial da humanidade. Foi un día de paseo polas rúas do casco antigo, polo interior da catedral, polo claustro, museo e polas cubertas para terminar cunha contemplación da obra faraónica do mestre Mateo, o Pórtico da Gloria.

Día 5 - Costa da Mariña (18/10/22)
Un día soleiro esperaba polo grupo en Sargadelos onde visitaron o complexo histórico guíados polo noso compañeiro Toño Blanco e entraron na tan prestixiosa fábrica para observar todo o proceso de fabricación desta valiosa cerámica.
Xa en San Cibrao, interesáronse pola Carpintería de Ribeira de Francisco Fra e pola colección do Museo do Mar.
Logo de xantar na praia xunto a Maruxaina, viaxaron ata a praia das Catedrais onde mollaron mais cos pantalóns!!!!

Día 6 - Burela Despedida (19/10/22)
Unha mañá de moita auga e vento truncou o programado. Pero na biblioteca tiñamos plan B para os bretóns: primeiro resolveron por equipos un scape room sobre igualdade que tiña preparado a nosa coordinadora pola Igualdade Carmen Sampedro. Mediron as súas destrezas e axilidades cos xogos de mesa da aula PT que lles deixou Pilar Cebeiro. Foron polas aulas do centro e coñeceron algún taller.
Pasaron o recreo no centro, houbo sesión de fotos. Remataron a mañá nun encontrro institucional no concello onde Alfredo LLano lles convidou a volver.
Da derradeira tarde noite por Burela, sabemos que ata tarde estiveron ceando e paseando.

Accede aquí a completa reportaxe fotográfica.

Accede aquí a pequena crónica na web do Lycée Descartes.

Viaxe por Portugal de 1º de Bach.

31 alumnos/as de 1º de Bach do IES Perdouro de Burela realizaron unha viaxe lingüística e cultural de cinco días por Portugal. 

O primeiro destino foi Porto. Alí tiveron unha visita guiada á casa da Música, un dos auditorios coa mellora acústica do mundo, obra de arquitetura que foi concebida para o evento Capital Europea da Cultura 2001, da autoría do arquitecto Rem Koolhaas e aclamada internacionalmente. Visitaron outros lugares de interese turístico como ..... seguir lendo no blogue de Perdourando.

Viaxe a Londres de 4º de ESO

O pasado 29 de abril, un grupo de alumnos de 4º da ESO do I.E.S Perdouro de Burela, acompañados por dous profesores, Charo Fernández e Toni Galdo, emprenderon viaxe de cinco días rumbo á capital británica co fin de apreciar distintos aspectos socioculturais relacionados coa materia de inglés, poñer en práctica as destrezas orais e coñecer o modo de vida dunha capital tan cosmopolita como Londres. Unha vez alí tiveron a oportunidade de ver os distintos lugares de interese da cidade, como o Big Ben, o London Eye, a City, Tower Bridge e outros puntos icónicos así como diversos museos como o Británico ou o de Historia Natural. Ademais, tiveron ocasión tamén de ver o estadio de fútbol do Stamford Bridge, viaxar en barco polo Támesis entre outras actividades. Tanto os profesores como o alumnado tiveron unha estancia estupenda en Londres, da cal lles quedará un gran recordo.
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
 
Toni Galdo, profesor de Inglés.

Viaxe a Lugo - 4º ESO

CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO EXPOSICIÓN DE INSTRUMENTOS
 
O mércores 4 de abril os alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Perdouro fomos de viaxe de estudos ao centro de artesanía e deseño de Lugo. A exposición de intrumentos do Centro de Artesanía e Deseño está formada por fondos da antiga sección do Museo Provincial de Lugo e de producción propia a través de traballos de investigación, doazóns e adquisicións de particulares, principalmente. Abarca pezas tanto do patrimonio musical galego como procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos e obxectos sonoros, e réplicas de iconografía musical.

Viaxe a Samos e ao Cebreiro - unha crónica de Alejandra e Cristian

O día 10 de outubro o alumnado de 3º ESO viaxamos cara ao interior da provincia de Lugo acompañados pola profesora de Relixión Begoña Abad e pola profesora de Lingua Miruca Parga. A nosa viaxe pasaba por varios concellos todos eles relacionados co Camiño de Santiago e Antón Niñe, o noso anterior profesor de Relixión, fíxonos de guía. 
A primeira parada foi no .... seguir lendo a crónica de Alejandra e Cristian no blogue de Perdourando.

Viaxe a Ourense

O martes 25 de outubro un grupo de alumnos de 1º Bac e 2º do CM de Imaxe Persoal visitaron a cidade de Ourense. (...) Os alumnos e profesores de Imaxe Persoal tiñan preparado un intercambio no IES 12 de outubro para visitar as súas instalacións de Estética e o alumnado de Bacharelato fixeron un roteiro literario para coñecer a vida e a obra dalgún dos numerosos literatos ourensáns: Valentín Lamas Carvajal, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Alexandre Bóveda… entre outros... Seguir lendo no blogue de perdourando...
Distribuir contido


by Dr. Radut