Skip to Content

Igualdade

Andaina polo bo trato ás persoas maiores


O venres 14 de xuño o alumnado de 1º ESO participou nunha andaina organizada pola Cruz Vermella co obxectivo de convivir durante unhas horas con persoas maiores. Esta actividade pretende fomentar o bo trato a este colectivo e a maior maneira é coñecelo compartindo con eles unhas horas de paseo, xogos e mesmo de comida. 

Ás 11:30h comezou a andaina que percorreu parte do paseo marítimo de Burela, tempo no que o alumnado puido ir conversando cos seus correspondentes maiores. A partir das 13:00h comezaron os xogos, a música e, finalmente, o picoteo. 

Foi unha actividade divertida e enriquecedora na que a comprensión e a solidariedade entre xoves e maiores estivo moi presente. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

No noso programa de radio Proxecto Neo emitido o 20/06/2024, tamén adiantamos nos primeiros minutos a crónica feita polo alumnado e profesorado grazas o seu profesor Fernando Losada.

Vídeo resumo da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia

A nosa coordinadora de Convivencia, Yolanda Fernández, preparou un vídeo coas mellores imaxes da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, uns días nos que quixemos reforzar a vosa conciencia emocional. Agardamos que estas imaxes vos transmitan emocións que gardedes como bos recordos. 

Podedes acceder a máis imaxes das distintas charlas e talleres: 

- Charla de resiliencia

- Taller de baile

- Taller de Imaxe Persoal

- Taller de teatro

- Taller de maxia

- Taller de comida saudable

- Charla coas familias: a comunicación cos adolescentes

- Recital de Lúa Mosquetera (pendente subir  fotos)

- Taller de cociña con sobras

- Taller de xabóns

- Taller de meditación

I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia no IES Perdouro

Despois dunha traxectoria de varios cursos atendendo á Educación Emocional do alumnado, organízase a Iª Semana do Benestar Emocional e da Convivencia.

O IES Perdouro participa ademais no programa Educación Responsable e esta semana de actividades comparte obxectivos co programa anterior: 

1. Promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias.

2. Coñecer e comprender o que é a educación emocional, social e creativa. 

3. Utilizar a propia competencia emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. 

4. Incorporar na práctica educativa o desenvolvemento das competencias emocionais, sociais e creativas no alumnado. 

5. Contribuír á mellora do clima de convivencia no centro educativo e ao éxito escolar do seu alumnado.

 

Elaboración do mural 8M

Desde o Equipo de Biblioteca, propúxese que cada clase elaborara un mural en tamaño cartolina con imaxes de mulleres relevantes para elas e eles. Hai mulleres que foron ou son importantes a nivel histórico, cultural, deportivo... pero tamén moitas mamás. 

Nun día no que se reivindica o papel da muller e os seus dereitos, esta é a nosa contribución. 

 

Manifesto 8M 2024

Este é o noso manifesto para conmemorar o Día Internacional da Muller, lido polas compañeiras Nati Pedreira e Laura Alonso, de 1º de Bacharelato. 

O futuro será feminino ou non será!

 

Semana da muller: encontros literarios con Andrea Maceiras

O mércores 6 de marzo Andrea Maceiras conversará co alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato sobre o proceso de creación das súas novelas e sobre a súa vocación como escritora. 

Profundará, concretamente, sobre Que me pare o corazón se te esquezo. Hai moitas razóns polas que o corazón está no título desta novela que trata temas como os retos nas redes sociais, a saúde mental, a amizade e o amor na adolescencia. Agardamos que nos vaia debullando os motivos que a levaron a tratar estas cuestións para así coñecer mellor o corazón da súa novela. 

Semana da Muller: obradoiro de escrita creativa e encontros literarios con Antía Yáñez

Este luns 4 e martes 5 de marzo Antía Yáñez estará no IES Perdouro para comezar cos actos da Semana da Muller con motivo de conmemorar o 8M. 

O alumnado de 1º ESO participará nun obradoiro de escrita creativa, o de 4º de ESO analizará a novela Non penses nun elefante rosa e o de 1º de Bacharelato, profundará no tratamento da muller en Senlleiras
 





Semana do 8M 2024

 

 

19 de febreiro: Día Internacional da LGTBIfobia no deporte

O 19 de febreiro é o Dia Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. Elixiuse esta data para facer referencia ao día de nacemento de Justin Fashanu, o primeiro xogador de fútbol que falou da súa orientación sexual de maneira pública. Isto foi en 1990 e, naquel momento, foi vítima de acoso, tivo que acabar a súa carreira prematuramente e rematou coa súa vida oito anos despois. 
 
Para que sexamos conscientes de que está nas nosas mans acabar con estas inxustizas, o alumnado de 2º ESO A e de 1º ESO A e B elaboraron algúns traballos. Se pinchades AQUÍ, accederedes aos murais de 1º ESO e a continuación mostrámosvos a presentación de 2º ESO A. Se clicades no nome dos deportistas, coñeceredes a súa biografía. 
 

Premios para o IES Perdouro de traballos por proxectos e de convivencia e benestar emocional

Esta semana recibimos as noticias de que o labor do IES Perdouro foi premiado no IX Concurso de Traballos por Proxectos e no I Premio ConVivimos, ambos convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

No contexto do PLAN LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) convocouse o IX Concurso de Traballos por Proxectos 2022-23 baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. A finalidade do proxecto, de carácter interdisciplinario, foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? - Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?”

Charlas formativas abertas para as familias: Atención á Diversidade Afectivo-Sexual e de Xénero

Retomamos as conferencias de Escola de familia. A primeira das charlas programadas para este curso no marco do Programa Lectura e Familias será impartida pola profesora Ana Ojea Alonso. Falarase de educar en igualdade, da identidade de xénero, de educación afectivo-sexual e educación emocional na atención á diversidade.

Curriculum de Ana Ojea: Profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes. Responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo.

Cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.
Formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

Non faltedes á cita, previa confirmación de asistencia chamando ao 982 87 01 02.

Vémonos na biblioteca.

Martes 31/10/2023 ás 18h30.

Encontro con Antía Yáñez: a muller en Senlleiras

Este venres teremos con nós a Antía Yáñez para que o alumnado de 1º Bacharelato poida compartir con ela as súas impresións sobre o papel da muller na súa novela Senlleiras

Trátase dunha actividade máis dentro da Semana da Muller, arredor do 8M. 

 

Cartel 8M do IES Perdouro

Temos cartel Especial 8M!! Grazas a Zoe Arias Lamelas, alumna de 4º ESO, por achegarnos a súa proposta tan axeitada para a ocasión. Lembra: IGUALDADE!

O xogo da zoca: camiñando cara á igualdade

Unha das actividades organizadas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, é este xogo ideado pola profe Carmen Sampedro para que poidamos aprender sobre mulleres salientables ao longo da Historia. Ela mesma, acompañada de alumnado do ciclo de Xestión Administrativa, pasará pola aulas para que poidades xogar e avanzar así cara á igualdade. De aí o lema do xogo: 

Con estas zoquiñas, máis libre camiñas!
 

Celebración do 8M, Día da Muller

Presentámosvos as actividades para esta semana na que se desenvolverán diferentes actos para celebrar o Día da Muller, facendo fincapé nalgúns ámbitos nos que a igualdade aínda non é unha realidade. 
 
 
Distribuir contido


by Dr. Radut