Os días 23, 24 e 25 de marzo, terán lugar os "Encontros Virtuais na zona USC" dirixidos ao estudantado de Ensino Medio.
A pesar da situación na que todos nos encontramos, a Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo e Santiago) non pode deixar de acercarse ó estudantado de secundaria e, nesta ocasión, farao de forma virtual, a través da páxina Web da USC: https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais
Dende esta páxina poderán enlazar con todas as páxinas dos Encontros. Esta páxina xa está operativa e estará aberta de forma continua, aínda que están actualizando contidos. Nesa páxina tamén colocarán os enlaces para seguir en directo os actos de Inauguración e Clausura a través da canle de Youtube da USC.
O Acto de Inauguración terá lugar o martes, 23 de marzo, ás 12h., presidido polo reitor da Universidade. A continuación o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC e director da "Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica" e do "Centro Nacional de Genotipado", pronunciará a conferencia inaugural co título "Proxectos e ilusións". Falará dos seus proxectos e ilusións.
O Acto de Clausura terá lugar o xoves, 25 de marzo, ás 18h. A escritora Érica Esmorís (Licenciada en Veterinaria no Campus de Lugo da USC) pronunciará a conferencia final co título "Non hai punto e final". Falará sobre a elección de carreira: Elixir unha carreira e formación é importante pero non determinante ao longo dunha vida profesional.
Dende a páxina de entrada poderase enlazar coas páxinas dos centros (facultades e escolas). Nestas páxinas haberá vídeos explicativos da oferta da USC, así como das ABAU e do Acceso:
- Presentacións das titulacións
- Opinión dos estudantes sobre a titulación
- Pílulas relacionadas coa titulación
- Enlaces para conectarse por VIDEOCONFERENCIA con profesorado e estudantado de cada titulación.
A través dese enlace o estudantado poderá falar por VIDEOCONFERENCIA con responsables e estudantes da titulación para aclarar as súas dúbidas. En cada enlace figurarán os horarios de cada unha destas videoconferencias.