De seguido, escoitamos a dous dos nosos compañeiros interpretando no violín unha versión acústica de "Camariñas" para, a continuación, desfrutar da "Cantiga de Santa María" na voz doutro grupo de alumnas e alumnos de 3º. Como non hai dous sen tres, rematamos esta serie con outra interpretación do grupo de corda, a da cantiga popular "A saia da Carolina".
Seguidamente, un grupo de alumnos e profesores empezaron a inchar o fol das gaitas, colocaron o tamboril e o bombo mentres se escoitaban as ferreñas das pandeiretas para xuntos interpretar o pasodobre de Mallou e as rumbas da Buxaina e de Cuba. A actuación foi estupenda e, aínda que empezaron a caer unhas pingas de auga, non nos impediron bailar a todos xuntos ao son da muiñeira "Loliña".
Foi un remate fabuloso: como bos galegos, debaixo do barruzo, coa nosa música e cultura, para promocionar o uso da lingua e animar a xente que non é galega a coñecer o noso idioma, querelo e, por suposto, non ter medo a falalo, como ben dixo Natalia, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
Carmen Fraga Posada - 3º ESO A