Skip to Content

Proxecto EDIXGAL: segundo curso académico no IES Perdouro (2018-2019)

Finalizado o primeiro ano de implantación no noso centro, o proxecto EDIXGAL continuará aplicándose en 1º e 2º de ESO no curso académico 2018-2019. Se ben a Consellería de Cultura e Educación manifestou, nun principio, a intención de continuar estendendo o proxecto aos cursos máis altos, finalmente optou por mantelo cinguido a 1º e 2º de ESO, polo de agora, a cambio de dar entrada a un maior número de centros.

O proxecto EDIXGAL consiste, en poucas palabras, en proporcionar aos alumnos e alumnas un ordenador portátil (dispositivos convertibles de 12 pulgadas que funcionan como ordenador ou como tableta) que terán ao seu dispor as 24 horas do día para traballar con recursos dixitais gratuítos (libros dixitais, actividades interactivas, etc.) utilizando metodoloxías activas, máis apropiadas para formarse nas competencias e habilidades que se requiren para desenvolverse na sociedade actual.

A experiencia do primeiro curso académico baixo a metodoloxía Edixgal

O IES Perdouro, fiel ao seu carácter innovador, sumouse ao Proxecto EDIXGAL no ano académico 2017-2018, implantándoo en 1º e 2º de ESO. A incorporación exitosa do proxecto supoñía un reto, aunque non unha grande revolución, dado que no centro xa existía unha dinámica de traballo ben afianzada no uso das novas tecnoloxías e as novas metodoloxías:

  1. Contábase con unha experiencia de sete anos co proxecto Abalar (ordenadores portátiles nas aulas de 1º e 2º de ESO para uso do alumnado)
  2. Boa parte do profesorado xa viña utilizando as TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) e o tipo de metodoloxía que levan asociada, nas súas clases.
  3. No centro existe unha conciencia decidida cara o impulso das TIC e as metodoloxías innovadoras.
  4. Desde fai máis de dez anos, o profesorado vén participando en múltiples actividades de formación neste ámbito, realizadas no propio centro ou a distancia.

Non obstante, o cambio máis notable consistía en substituir os libros de texto tradicionais por libros e outros recursos dixitais que o profesorado debía seleccionar e aos que o alumnado debía acceder a través do seu ordenador. Era unha labor delicada que entrañaba o risco de que o alumnado se vira prexudicado mentres non se conseguira poñer a punto a nova forma de traballar. Para tratar de garantir o éxito adoptáronse diferentes medidas:

  1. Xa no mes de setembro, iniciáronse as primeiras actividades de formación do profesorado sobre Edixgal. Estas actividades estendéronse ata o mes de abril, no que cada profesor/a completou un total de 42 horas de formación específica.
  2. Tanto o coordinador Abalar do centro como o equipo directivo mantiveron un estreito seguimento das incidencias ou dificultades que puideran ir xurdindo, para darlles solución no prazo máis breve posible.
  3. Realizáronse reunións entre o profesorado participante para valorar o desenvolvemento do proxecto e para corrixir desaxustes.
  4. No mes de febreiro entregáronse os novos ordenadores Edixgal (ao inicio empregáronse os antigos portátiles Abalar), co cal mellorou moito o aspecto técnico e a experiencia percibida polo alumnado.
  5. Realizáronse sendas enquisas entre o alumnado e as súas familias para coñecer a súa opinión sobre o funcionamento do proxecto e descubrir aspectos que se debían mellorar. En efecto, o principal problema que apareceu consistía na existencia de algún desconcerto entre o alumnado á hora de preparar as probas de avaliación. Unha vez coñecido, adoptáronse medidas que produciron o resultado adecuado.

En conclusión, consideramos que o proxecto se implantou e desenvolveu de maneira moi satisfactoria no seu primeiro ano no IES Perdouro, e temos a seguridade de que no próximo 2018/2019 resultará aínda mellor ao contar coa experiencia e a formación adquiridas. Ademais, para o curso próximo tamén haberá novos e mellores libros e recursos dixitais a disposición do profesorado e do alumnado, segundo nos anuncia a Consellería de Cultura e Educación.

Por qué consideramos que é bo o proxecto EDIXGAL para o noso alumnado?

Como todos sabemos, unha parte cada vez mais grande da actividade tanto privada como laboral dos cidadáns de hoxe en día desenvólvese a través das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Iso fai que perdan importancia os coñecementos memorísticos (estas novas tecnoloxías permítennos acceder en poucos segundos a unha grande cantidade de información actualizada) e, en cambio, adquiren unha importancia fundamental outras habilidades e destrezas como son o propio manexo dos recursos TIC ou a capacidade para seleccionar, analizar e procesar a información a través deses medios TIC.

De igual maneira, as características da sociedade civil e do ámbito laboral do século XXI requiren persoas con competencias adecuadas ao novo escenario. Deste xeito, o cidadán e traballador actual debe ser competente nos seguintes aspectos, entre outros:

  • Utilizar os medios e recursos dixitais (TIC)
  • Traballar en equipo
  • Adaptarse e continuar aprendendo
  • Desenvolver habilidades sociais e cívicas
  • Comunicarse de forma eficaz en diferentes linguas e por diferentes medios
  • Resolver problemas (creatividade, planificación, determinación, iniciativa...)
  • Demostrar iniciativa e espírito emprendedor
  • Matemáticas, ciencia e tecnoloxía
  • Conciencia e expresións culturais

Esta nova situación a nivel social e laboral require tamén unha adaptación por parte do sistema educativo co fin de educar e formar aos xóvenes nas competencias que van necesitar. Esa adaptación pasa por:

  • Incorporar de forma decidida as TIC ao ensino, xa que o mundo actual funciona a través delas e o alumnado debe aprender a desenvolverse con elas.

  • Promover un cambio metodolóxico necesario para mellorar a aprendizaxe do alumnado. É coñecido que as persoas aprenden moito mais eficazmente desde un papel activo (aprender facendo) que desde un papel pasivo (ler, escoitar...).
  • Formar o alumnado nas competencias do século XXI (competencias clave e outras). Primar a adquisición de competencias, habilidades e destrezas fronte á aprendizaxe memorística.

O proxecto EDIXGAL nace coa intención de facer posible toda esta transformación do proceso educativo ao canalizar o proceso de ensino-aprendizaxe a través das tecnoloxías da información e da comunicación. En relación cos tres puntos anteriores, satisface o primeiro deles e facilita enormemente a consecución dos outros dous.

Outras vantaxes de EDIXGAL:

1.- Libros dixitais gratuitos para as materias integradas en EDIXGAL.

2.- Menor peso da mochila do alumnado, que transportará un lixeiro ordenador en lugar dun conxunto de libros.

3.- Favorece a equidade social:

  • Acceso aos medios TIC para todo o alumnado
  • Libros gratuítos
  • Calidade educativa para todo o alumnado

4.- Mellora a calidade educativa:

  • Metodoloxía mais eficaz. Non se trata de estudar polo ordenador, como se podería pensar, senón de aprender traballando co ordenador.
  • Ordenador e recursos dixitais a disposición do alumno en todo lugar e momento.

Qué materias van estar integradas no proxecto EDIXGAL no IES Perdouro para o curso 2018/2019?

1º curso de ESO 2º Curso de ESO
  • Lingua galega e literatura
  • Xeografía e historia
  • Bioloxía e xeoloxía
  • Educación física
  • Segunda lingua estranxeira
  • Educación plástica, visual e audiovisual
  • Relixión (nova)

 

 

  • Lingua galega e literatura
  • Xeografía e historia
  • Física e química
  • Educación física
  • Segunda lingua estranxeira
  • Música
  • Tecnoloxía
  • Oratoria
  • Programación
  • Relixión (nova)

En todas as materias integradas en EDIXGAL utilizaranse libros dixitais e outros recursos, todos eles gratuitos. Nas materias que non se acollen a EDIXGAL continuarase a utilizar os libros de texto en papel como ata o de agora.

En qué consiste o proxecto EDIXGAL, máis polo miudo?

Co obxectivo de pór en marcha o libro dixital nos centros educativos galegos, o proxecto E-Dixgal arrancou no curso 2014/2015. No ano académico 2017-2018 incorporou varias novidades importantes:

  • Novos libros dixitais, ademais dos xa existentes, con novas funcionalidades, proporcionados por varias editoriais en convenio coa Consellería de Cultura e Educación.
  • Funcionalidades aumentadas e melloradas do espazo dixital de traballo (Entorno Virtual de Aprendizaxe - EVA)
  • Novos equipos (ordenadores) que se entregan ao alumnado participante para ter ao seu dispor as 24 horas do día. Son ordenadores convertibles (funcionan tamén como tablet) de 12 pulgadas.

O profesorado e alumnado dos centros EDIXGAL desenvolven a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles permite acceder a contidos dixitais seleccionados polo profesorado a partir de:

  • Diferentes libros dixitais proporcionados por varias editoriais en convenio coa Consellería de Cultura e Educación, da Xunta de Galicia
  • Outros recursos dixitais dipoñibles no entorno virtual
  • Recursos dispoñibles na rede internet
  • Recursos preparados polo propio profesorado
  • Etc.

Os docentes poden elaborar a súa propia “mochila dixital” seleccionando a través da plataforma dixital os contidos formativos e podendo incorporar os materiais complementarios que desexen, así como recursos de elaboración propia. Os centros EDIXGAL teñen tamén á súa disposición o espazoAbalar con varios miles de recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.

O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como dende o seu ordenador portátil (modo offline). Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o ordenador volva ter conexión de rede.

O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a internet sempre que se faga uso das claves de acceso que lle serán entregadas ao alumnado no centro. É dicir, pódese acceder mediante o ordenador Edixgal que recibe o alumno/a ou a través de calquera outro que teña conexión a internet.

A utilización do ordenador portátil e das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o alumno. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso dilixente do equipamento, ao coidado dun equipo público, que poderá ser usado noutros cursos por outros alumnos, e a unha utilización vinculada á actividade educativa para a que é cedido.

Para solucionar as dúbidas ou as incidencias técnicas no uso do entorno virtual de aprendizaxe, tanto o profesorado como as familias contarán cun equipo de soporte técnico con atención continuada as 24 horas.

Mais información

Nas seguintes ligazóns:

Información sobre o proxecto EDIXGAL no Espazo Abalar

Entorno virtual de aprendizaxe (EVA) de EDIXGAL  (usuario: edixgal; contrasinal: edixgal)

Novos contidos intelixentes para EDIXGAL

Convocatoria do Proxecto Educación Dixital EDixgal para o curso 2017/2018

Convocatoria do Proxecto Educación Dixital EDixgal para o curso 2018/2019

Nova: A Xunta abre o E-Dixgal a todos os centros galegos de primaria e secundaria sostidos con fondos públicos

Tamén estamos á súa disposición no IES Perdouro (Tel 982 870 102) para canta información ou aclaracións desexen.



page | by Dr. Radut