Skip to Content

Abril 2024

CanSat 2024

Estivemos no CanSatGal coa proposta dun grupo de alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach coordinado pola profesora Marga López Periago.

CanSat é unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
Este ano, en Galicia, competiron 140 estudantes de 23 equipos pertencentes a 19 centros educativos na fase rexional de lanzamento de satélites e entre eles nós.
Que é un CanSat? É unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. Logo da construción do noso prototipo "Foghete Pataqueiro 73_X", viaxamos ata o aeródromo das Gaivotas  en Cerceda para realizar o seu lanzamento. Había que lanzar o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e deixalo caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consistía en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso. Aterramos nun campo sen danos.
Posteriormente, houbo  que ir defender os resultados do proxecto, no que se valorou a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas.
Finalmente, o noso CanSat "Foghete Pataqueiro 73_X" gañou o premio ao mellor logro técnico na fase galega.
Accede ao noso albúm de fotos AQUÍ.

 

Vídeo resumo da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia

A nosa coordinadora de Convivencia, Yolanda Fernández, preparou un vídeo coas mellores imaxes da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, uns días nos que quixemos reforzar a vosa conciencia emocional. Agardamos que estas imaxes vos transmitan emocións que gardedes como bos recordos. 

Podedes acceder a máis imaxes das distintas charlas e talleres: 

- Charla de resiliencia

- Taller de baile

- Taller de Imaxe Persoal

- Taller de teatro

- Taller de maxia

- Taller de comida saudable

- Charla coas familias: a comunicación cos adolescentes

- Recital de Lúa Mosquetera (pendente subir  fotos)

- Taller de cociña con sobras

- Taller de xabóns

- Taller de meditación

Torneos San Xoán Bosco 2024 - Finais de Baloncesto e Fútbol

Logo de varios meses de competición nos recreos, chegou a celebración das finais dos xogos de equipos dentro dos Campionatos anuais de San Xoán Bosco. Agradecemos infinitamente a Emérito Fernández Cabaleiro pola programación e supervisión dos partidos. 

Os resultados foron:

Na final de fútbol sala celebrada o 14 de marzo o grupo de alumnado de 4° ESO B e PDC alzouse coa vitoria nos penaltis, despois dun intenso partido contra os que resultaron subcampións, 2° de Bacharelato A.
O martes desta mesma semana celebrouse tamén un partido no que 2° de Bacharelato A conseguiu pasar á final despois de vencer ao equipo de profesorado por 2-1.

Na final de baloncesto celebrada o 23 de abril, enfrontáronse 2° Bacharelato A e 2 ° ESO A. O equipo de 2° ESO foi o vencedor. O resultado foi 7-2.

Moitos parabéns aos campións e ao subcampión!! E como ben dicía Pierre de Coubertin, o importante é participar. Grazas a todxs.

Día do Libro: Don Quixote da Lúa

Imos rematar o Día do Libro facendo unha humilde homenaxe ao noso cabaleiro andante máis universal e ao seu autor, a don Quixote da Mancha e a Cervantes. O alumnado de 1º de bacharelato leu os capítulos máis recoñecidos desta obra cume da literatura española e fixeron unha breve representación dos feitos que don Quixote e Sancho Panza viviron por todos aqueles lugares polos que pasaron.
 
En 3º de ESO, este mesmo alumnado imaxinara e creara uns Quixotes do s. XXI. Eses traballos gardáronse e, neste curso, no que ese alumnado está cursando 1º de bacharelato, recuperamos os Quixotes modernos, do noso século, e fixémoslles vivir as andanzas do Quixote de Cervantes. Eiquí vos amosamos o primeiro traballo presentado. 
 
Noelia Paz Blanco e Elena Pumares Dorado, alumnas de 1º BAC A, recrearon o capítulo do Quixote de Cervantes no que o escudeiro de don Quixote, Sancho Panza, envía unha carta e uns agasallos á súa dona, Teresa Panza, que quedara na aldea coa súa filla. Nesa carta, Sancho cóntalle á súa familia que xa é governador da súa tan ansiada ínsula, feito que non é máis ca unha argallada máis que lle fan os duques que os acolleron. 
 
Pero, Noelia e Elena foron máis aló do capítulo de Cervantes. O seu don Quixote, o seu Sancho Panza e a súa Teresa Panza viven no s. XXI. Trátase de don Quixote da Lúa, un Quixote creado e ilustrado por unha exalumna do centro, Shiva, ao que lle demos á palabra neste fermoso traballo. O vídeo é caseiro, pero o contido é marabilloso. A interpretación e a recreación de Noelia e Elena son magníficas. Non perdades detalle destas personaxes quixotescas adaptadas ao noso tempo, sen perder, en ningún momento, a esencia cervantina.
 
Mª José Andión Fontela - Profesora de Lingua e literatura castelá
 
 

Día do Libro 2024: A nosa vida en libros

O alumnado de 2º ESO preséntanos a súa vida en libros. Coa axuda da súa profesora de Lingua Castelá, Mª José Andión, elaboraron maquetas ou murais nos que colocaron nunha árbore os libros que influíron neles desde a súa máis tenra infancia ata a actualidade. Logo teñen que expoñer esas lecturas emocionantes aos seus compañeiros de clase. 

As árbores están expostas por distintos lugares do centro. Son unha preciosidade!

 

Convocatoria aberta! Certames literario e imaxe A.C. Os Matos

 Convocamos os Concursos anuais da Asociación Cultural Os Matos.

Buscamos os mellores traballos de poesía, relato curto e debuxo que exploren a temática das viaxes, das travesías tanto emocionais como físicas. Compartide a vosas experiencia ou botade a voar a vosa imaxinación.

Tedes ata o 20 de maio para participar. 

Entregaremos dous premios en cada categoría.

Lembra: en lingua galega. 

XVII Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XVI Concurso de Imaxe

Ver bases aquí.

 

Tamén estamos á procura dos mellores debuxos ou composición fotográfica de temática libre para a portada e contraportada da revista escolar Maruxía n°30.

Tedes ata o 20 de maio para participar. Lembra: en lingua galega.


 

 

 

Reunión Club de lectura A xanela familiar

 

Gañamos a Olimpíada Robótica da Politécnica de Ferrol

O noso equipo Bonito-Bot gañou a III Olimpíada Robótica da UDC, que se celebrou o 14 de abril no CEIP Esteiro baixo a organización da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Campus Industrial. Participaron 26 equipos das provincias da Coruña e Lugo, máis de cen alumnos de Bacharelato e ESO.

Os retos consistían nun sigue liñas con obstáculos, na proba do barrendeiro e nunha competición de Sumo.

Moitos parabéns a Hugo Gorgojo, Gabriela Chumacero, Iago Ramos, Lucas Casal, Candela Fernández e Cayetana Trelles, estudantes de primeiro de Bachillerato e ao seu profesor de Tecnoloxía, Santiago Pérez.

Falan da Semana do Benestar e a Convivencia en Radio Cope

A raíz da primeira actividade da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, Ana Lestao (alumna de 4º ESO) e Yolanda Fernández (coordinadora de benestar e convivencia do IES Perdouro) foron entrevistadas en Radio Cope. 

 
AQUÍ tedes o enlace no que podedes escoitar a entrevista. Nela resumen a temática da charla de resiliencia da fisioterapeuta Raquel Marqués e informan sobre o resto de actividades preparadas para esta semana. 
 
Ben falado!

Charla formativa aberta para familias: "A comunicación cos adolescentes"

Contaremos coa psicóloga Nuria Revuelto Crespo para abordar a comunicación cos adolescentes. Esta actividade insírese no programa Lectura e Familias e tamén dentro da celebración da I Semana do Benestar Emocional e a Convivencia do IES Perdouro. 
 
A especialista en Educación Emocional impartirá un obradoiro destinado a nais e pais para a adquisición de habilidades e competencias persoais e emocionais no ámbito familiar dos adolescentes co obxectivo de reducir os conflitos e mellorar a convivencia xestionando de forma apropiada as emocións negativas e aprendendo a xerar emocións positivas.

Aberta a todas as familias de adolescentes ou preadolescentes. É preciso anotarse chamando ao 982 87 01 02.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca do IES Perdouro.

Mércores 10/04/2024 ás 18h30

 


by Dr. Radut