Skip to Content

Maio 2022

Entrevista a Ledicia Costas

Cando Ledicia Costas nos visitou en abril fixémoslle unha entrevista. Aquí a tedes. Esperamos que vos resulte interesante coñecer máis de preto a esta escritora que nos contou novidades sobre as súas próximas publicacións.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, e os seus libros son constantemente reeditados, entre eles Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter, Escarlatina, a cociñeira defunta etc. Os últimos galardóns que conseguiu foron o Premio da Cultura Galega e gañou o Premio Merlín de Literatura coa novela O neno de lume (Xerais 2022). 

O 7 de abril visitounos no IES Perdouro e realizamos a seguinte entrevista. 

 Ádila: Ti xa querías ser escritora desde pequena? 

- Sempre quixen ser escritora, desde pequena. 

Daniel Varela: Con cantos años escribiches a túa primeira historia que recordes? 

- A miña primeira historia escribina cando tiña 13 anos e menos mal que non a publiquei porque me dá moita vergonza. 

Daniel Varela: Houbo algunha persoa na que te fixaras ou que te apoiara desde o principio para ser escritora? 

- Eu penso que a persoa que me apoiou desde o comezo foi miña nai, que me tivo que levar a todos os eventos cando eu era menor de idade. 

Visita á Frouxeira, San Martiño e Mondoñedo

O día 10 de maio o alumnado de 2º ESO fixemos unha saída para visitar A Frouxeira, a Basílica de San Martiño de Mondoñedo e a catedral e vila de Mondoñedo. 

Saímos do instituto ás oito e media. O primeiro sitio que visitamos foi a Frouxeira, a antiga fortaleza do mariscal Pardo de Cela da que agora só quedan algunhas pedras e as ruínas do que fora o alxibe que proporcionaba auga á fortaleza. Como ben nos explicou o guía, a fortaleza estaba situada nun lugar estratéxico que lles permitía aos seus habitantes defenderse dos inimigos, e o acceso ás ruínas aínda é difícil hoxe en día, para canto máis naquela época cando non había un camiño de subida. 

Asistimos á presentación do libro A Super_Acción de Mauricio de Saúde Mental A Mariña

Este luns 23 de maio, a orientadora do IES Perdouro, Ana I. Quián Roig, asistiu en Cervo á presentación da obra A Super_Acción de Mauricio da Asociación Saúde Mental A Mariña. 

A elaboración deste conto pertence ó Proxecto “Sabores do mar, saboreando a vida”, proxecto que pretende mellorar e innovar na atención das persoas con enfermidade mental e contribuír á súa integración na comunidade poñendo en valor os produtos mariñeiros, así como sensibilizar á poboación sobre os mesmos. E que mellor maneira de facelo que elaborando un conto creado na súa totalidade por persoas con enfermidade mental (guión, ilustracións,...) contando unha historia na que se ven reflectidos e dan a coñecer como se senten. 

Con esta publicación, quérese normalizar o padecemento dunha enfermidade mental e eliminar prexuízos. A súa intención é enviar este conto aos centros educativos para poder loitar contra o tan temido estigma social dende os máis pequeniños... sensibilizando e educando. 

Ao acto estaban convidadas a Conselleira do Mar, Dna. Rosa Quintana; a Xefa de Servizo de Saúde Mental, Dna. María Tajes; a Subdirectora Xeral de Atención Primaria, Dna. Sinda Blanco Lobeiras, entre outras autoridades. 

Recomendamos a lectura deste conta que a asociación doou para a nosa biblioteca. 

Visita ao castro de Viladonga e á lagoa de Cospeito

O mércores 11 de maio o alumnado de 1º ESO fomos de excursión para visitar varios lugares da Terra Chá, concretamente o castro de Viladonga, a lagoa de Cospeito e a área recreativa da Madalena en Vilalba. Nesta saída acompañáronos tres profesoras: María (de Bioloxía), Carmen Sampedro (de Educación Física) e Carmen Castro ( de Xeografía e Historia). 

 
Saímos do instituto arredor das nove da mañá e durante a nosa viaxe puidemos ver paisaxes fermosas, como as do val de Lourenzá. Tamén vimos un fenómeno meteorolóxico curioso: a inversión térmica. 
 

17 de maio ás 12:05h na TVG: Documental #HastagGurriarán gravado no IES Perdouro

Cancelo Gurriarán é un documental dirixido por Santiago Raimundi, que reivindica a figura discreta de Florencio Delgado Gurriarán, a través da investigación, a escritura e o xornalismo. Gurriarán foi un poeta e avogado galego cuxa defensa incansable do idioma e apaixonada reivindicación da cultura fixo que se tivera que exiliar en México, onde escribiu media ducia de poemarios antes de finar nunha viaxe aos Estados Unidos en 1987. 
 
O documental retrata o proceso de busca e investigación sobre Florencio Delgado Gurriarán dun grupo de estudantes de 4º ESO do IES Perdouro. 

Carteis das Letras galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

O alumnado de 4º ESO B2 elaborou unha exposición de oito carteis nos que nos mostran os datos biográficos máis relevantes do autor homenaxeado este ano o Día das Letras, Florencio Delgado Gurriarán. 

Como cada ano, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro publica este traballo para contribuír ao coñecemento da nosa literatura e da nosa historia. 

Nesta ocasión, trátase dun escritor que tivo que pasar gran parte da súa vida exiliado, polo que viviu en terras mexicanas, mais desde alí traballou arreo por manter viva a cultura galega nunha etapa na que resultaba moi difícil facelo desde Galicia. 

Convidámosvos a que leades os carteis. Se queredes botarlles un vistazo, ler poemas ou consultar a súa cronobiografía, están expostos no edificio 1. 

"O son da memoria": o traballo de Biblioperdouro na exposición da Microrrede da Mariña

Co lema "A biblioteca ten a palabra", escollemos traballar a memoria dende dúas vertentes:

A primeira, o rol dos trobadores e xograres na transmisión das lendas, contos e sabedoría a través da oralidade. 

A segunda, o patrimonio histórico inmaterial dos modos de vida das avoas e avós do noso alumnado a través da fotografía. 

Así pois, o noso estudantado de 1º ESO conversou cos seus maiores para coñecer e achegarse á vida cotiá dos anos 50 a 70: vodas, comuñóns, festas, romarías, oficios, pesca, xoguetes, vestimenta, gastronomía, orquestras, músicos, escola, etc.....

Pola súa banda, o alumnado de 3º e 4º de ESO, investigou sobre un xograr galego de renome, Martín Codax, do século XIII, e sobre as cantigas de amigo. Finalmente, interpretaron a primeira cantiga "Ondas do mar de Vigo" con instrumentos confeccionados a partir de materiais de refugallo.

Memoria fotográfica: historias da vida dos anos 50 a 70

 


A oralidade dos trobadores e xograres 

 

  

A voltas coas palabras

O luns 9 de maio, ás 18h30 inaugúrase a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña á que pertencemos. 

A exposición conta con 14 cadros, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 9 ao 13 de maio de 2022.

As obras que aí se presentan transpasan as paredes da sala de exposición. Grazas á linguaxe dos códigos QR, achegan o/a visitante á oralidade destes proxectos da Microrrede.

O cartel é obra do alumno de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Izan Fran Fernández. 

Accede o programa AQUÍ.

 

Celebramos o Día da Terra

Para conmemorar o 22 de abril, Día da Terra, o alumnado de 2º de ESO de Reforzo estivo preparando o rosco "Non pases do planeta" e convídannos a xogar e a resolver as 22 definicións escollidas por eles.  A ver se sodes quen de atopar todas as respostas!



by Dr. Radut